Joan Fontaine, Harry Belafonte, Hartley Power, Patricia Owens, James Mason e Michael Rennie en "Island in the Sun" |
A identificación entre personaxe e actor non é estraña. Belafonte, nesa altura xa unha estrela da canción, procurou sempre proxectos cinematográficos que non silenciasen a cuestión do racismo. Nacido en Harlem, Nova York, en 1927, foi arredor dos vinte anos cando descubriu o interese pola interpretación; compartiu escola de teatro con Marlon Brando e debutou na escena no American Negro Theater de Manhattan, onde coñeceu a Sidney Poitier, amigo para toda a vida e compañeiro na loita contra os fabricantes de odio. A música revelouse axiña un camiño rápido para o éxito; o rexistro melódico e jazzístico inicial deu paso a outras formas guiado por un espírito curioso e inconformista. Grande estudoso da música popular de aquí e acolá, nos seus primeiros discos investigou a tradición folk estadounidense e gañou unha celebridade que se volveu mundial co terceiro álbum, o lendario Calypso. Polo medio gañou un premio Tony como actor secundario no musical John Murray Anderson's Almanac e fixo as primeiras películas, Bright Road, sobre unha escola para crianzas negras, e Carmen Jones, adaptación da ópera de Bizet, nas que compartiu elenco con Dorothy Dandridge, igualmente presente en Island in the Sun. Descontento coas propostas que recibía, creou a produtora HarBel para desenvolver unha xoia do film noir, Odds Against Tomorrow (Robert Wise, 1959), na que encarnaba un cantante de club nocturno que se enredaba no roubo a un banco xunto a un ex-presidiario racista. O mesmo ano protagonizou unha interesantísima ficción post-apocalíptica propia desa era do medo atómico, The World, the Flesh and the Devil (Ranald MacDougall, 1959), mais logo diso as súas aparicións fílmicas volvéronse esporádicas: os roles que lle ofrecían non tiñan o valor, até ideolóxico, que el demandaba. Entre as súas actuacións posteriores destaca un excelente western dirixido por Sidney Poitier en 1972, Buck and the Preacher, cun trío impagábel, Poitier, Belafonte e a sempre sublime Ruby Dee, e o memorábel papel que lle deu Robert Altman en Kansas City (1996).
Belafonte empregou a súa fama e o seu indiscutíbel carisma en favor da conquista e a defensa dos dereitos civís. Admirador de Paul Robeson e amigo de Martin Luther King, foi un artista de inmenso talento e inmenso compromiso que entendeu que o activismo pasaba tanto pola acción política enérxica, por meter os pés nas pozas cando era necesario, como por difundir o valor da igualdade e a diversidade na televisión xeralista, fose en programas especiais de intelixente fineza como Tonight With Belafonte ou nos aquí chamados Teleñecos. Memoria crítica do século XX, Harry Belafonte, finado o 25 de abril de 2023, ficará na historia como un referente ético e artístico. Tamén para nós.
Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 5 de maio de 2023, sexta feira.