por Miguel Castelo
Welcome to ma maison (2021) é un dos últimos exemplos deste fenómeno cultural. O seu autor, Andrés Goteira (Meira/Lugo, 1983), aborda con coraxe e fóra de todo prexuizo, arriscando sen medo, unha historia afastada do convencional, na que, no aparente marco do documental, conviven diversos xéneros cinematográficos. Constrúe así un relato, intelixente e perspicaz, sobre as distintas trazas e preocupacións do oficio cinematográfico. Unha proposta -cine dentro do cine- que se afasta da narración tradicional, do narrativo ao uso, sen a máis mínima pegada literaria. Unha historia sen historia, onde sen renunciar á tensión e ao conflto, se concede especial atención á viaxe como tránsito experiencial. A actitude dun actor -extraordinario, versátil, camaleónico... Igor Fernández- ante a tripla dimensión actor-persoa-personaxe, as súas lideiras internas, debates éticos e existenciais, o seu desacougo vital... interactúan coa preocupación do director (do propio filme) temeroso de que o resultado do seu traballo saia fóra de control, ao tempo que a área de produción (da que fai parte el propio) mostra a súa inquedanza ante a posibilidade de que o proxecto non dea chegado a bo termo. Pero, alén disto todo, se cadra o máis apaixonante deste filme singular -un relato que se mira no espello de súa propia narración-, no que todo resulta descarnadamente verdadeiro, sexa entrar no xogo estimulante de deducir entre este suxestivo trenzado de imaxes de diferente natureza, onde está a ficción e onde o documento; o reto de averiguar qué hai nas súas ben planificadas imaxes, elocuentes e poderosas, de calculado e que nace e é descoberto no proceso de construción das mesmas.
Neste seu segundo traballo Andrés Goteira vai ben máis alá do primero (Dhogs, 2017), dando unha considerable alancada, valente e atrevida, poñendo de manifesto posuír unha sólida formación e un futuro prometedor como inventor de relatos cinematográficos.