por Miguel Castelo
Sen ánimo exclusivista nin desprezativo, cabe afirmar que 1984 foi un ano culturalmente fecundo para Galicia. Un período no que, ademais dunha notable actividade nas distintas áreas da expresión artística, se teceron importantes medidas de carácter institucional que, logo de se aprobaren, encarnaron unha armadura até o momento inexistente: o aparato cultural institucional da comunidade galega. Por orde cronoloxica, o Centro Dramático (CDG) e as axudas á produción cinematográfica, cuxos primeiros froitos agromaron nese mesmo ano. Un ano no que tiveron lugar tamén as I Xornadas do Cine en Galicia e a I Mostra de Teatro, ambas no Carballiño, e o Festival Internacional de Teatro de Ribadavia. Isto todo deseñado polo equipo de traballo da Dirección Xeral de Cultura, conducida por Luis Álvarez Pousa, e levado adiante baixo o auspicio da Consellería de Cultura, rexida por Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, baixo a presidencia e a vicepresidencia da Xunta de Xerardo Fernández Albor e Xosé Luis Barreiro Rivas. Eran os primeiros momentos da Galicia autonómica. Foi aí cando se deixaron perfiladas a creación da Escola de Imaxe e Son e o Centro Galego de Artes da Imaxe. Non todo era posible no limitado espazo dun ano. Tan desbordante actividade emprendida por un colectivo de xente nova e progresista resultou por demais para un goberno conservador para o que os asuntos da cultura non estaban na dianteira das súas prioridades e mesmo consideraba, a todas luces trabucadamente, que toda esta acción e os seus realizadores estaban a cobrar un interese mediático que roubaba protagonismo ao resto da estrutura institucional. E a piques de se cumprir un ano de incesante fragor cultural -mostras de cine, video e teatro en diversas poboacións da comunidade, exposicións de artes plásticas, festivais de música, novas producións teatrais e cinematográficas...-, o director xeral, Álvarez Pousa, decidíu dimitir e, con el, o groso do seu equipo. Mais a semente ficaba botada e, alén do xa materializado, logo de novas acometidas que evitasen a súa morte antes de ter nacido, viñeron ao mundo, non sen tempo, en febreiro e marzo de 1991, os xa aludidos centro de estudos de formación profesional e a filmoteca. Porque o aparato bautizado coa ben acaida denominación de Centro Galego de Artes da Imaxe non era outra cousa que unha filmoteca: unha estrutura dedicada a ordenar, clasificar e conservar materiais diversos, escritos, fotográficos e cinematográficos existentes, ademais de pesquisar posibilidades de novas descobertas, labores aos que se axuntaban a programación semanal da súa sala e a organización de cursos, presentacións bibliográficas, coloquios. Un servizo de préstamo e unha nutrida biblioteca completaban o groso desta relación. E isto todo, agás debido á carencia de persoal das funcións enunciadas en último lugar, é o que hoxe continúa a levar adiante co esforzo da súa cativa dotación humana o CGAI.
E nunha sorte (un falar) de grotesco recuncado da historia, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), organismo do que directamente depende o CGAI, intervén, ao xeito da referida Consellería de Cultura de 1984, para decretar o cambio do seu nome. Por que? Que traza de protagonismo procura?
Se desde o seu comezo, en 1991, o CGAI vén cumprindo, baixo esta denominación, os cometidos dunha filmoteca -un labor de difusión da arte e a industria cinematográfica, de formación de novas audiencias, de salvagarda da memoria audiovisual de modo xenérico e nomeadamente a desta comunidade, o que equivale a dicir unha grande parte da memoria histórica: un traballo, delicado e paciente, realizado cun equipo humano en progresiva recesión-, por que desde AGADIC se contempla o innecesario e se relega o fundamental? Por que non impulsa, reforza e fortalece o CGAI? Por que non atende as súas necesidades de persoal e espazo técnico (proceso e almacenado de materiais)? Que sentido ten borrar a elocuente denominación orixinal deste organismo? Facer desaparecer a orixinalidade do seu nome reemprazándoa polo apelativo da evidencia? Cometer unha suplantación, cando son dúas designacións complementarias? Por que non conservar a denominación completa -CGAI, Filmoteca de Galicia- que se viña empregando? Curiosa maneira de celebrar o seu trixésimo aniversario borrando o seu nome, a súa marca identificativa, o seu apelativo máis diferenciador! Polo mesmo prezo, ante tan brillante ocorrencia, se cadra tería sido ben mellor meter antes os dedos no enchufe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario