por Miguel Castelo
Juan Antonio Porto era un deses galegos que nos últimos 60 iniciaba a súa andaina profesional en Madrid. Estudara un tempo antes na EOC, Escuela Oficial de Cinematografía, onde se diplomara en dirección. Coido que non rematara aínda 1970 cando apareceu pola súa cidade, na que adoitaba pasar as vacacións estivais coa súa familia no piso da rúa Pardo Bazán. Viña na compaña de Pedro Olea, con quen andaba a presentar aos medios informativos a primeira película de ambos, como guionista e director, respectivamente, El bosque del lobo. Un filme que J.A. Porto escribira adaptando a novela doutro coruñés, Carlos Martínez Barbeito, El bosque de Ancines. Era polo verán, cando eu facia un programa en Radio Juventud La Voz de La Coruña, que tiña os seus estudos no edificio modernista dos xardíns de Méndez Núñez, daquela cunha estrutura interior ben diferente á de hoxe. Non sei como entramos en contacto e ambos colegas achegáronse pola emisora para facermos unha entrevista que posteriormente se emitiría no programa cuxo título non lembro. Foi así como o coñecín persoalmente. Non tardando moito recuperei a súa figura, a súa voz de barítono e o seu particular modo de mover a boca desde o meu asento nunha aula do Instituto de Radio y Televisión, que compartía espazos coa EOC, na Dehesa de la Villa. Alí tiña tamén a súa sede, provisoriamente, a Facultad de Ciencias de la Información até que anos despois se trasladou ao novo edificio nos arredores do paraninfo. E naquela aula emprestada o profesor Porto falaba de guión cinematográfico ao alumnado da Rama de Imaxe e Son. E, como experto creador de historias, tiña o gusto pola palabra, falaba moito, ben e con grande entusiasmo. E cun moderado e elegante sentido do espectáculo, abandonando a súa cadeira, camiñando amodo, acenanado con mans e brazos e volvendo cara á mesa para sentar nun dos seus vértices. Amaba o seu oficio.
Fotografía: Mari Carmen López. Fonte: Academia de Cine. |
Tiven o privilexio de ter moitas e amenas conversas co profesor Porto, por cabo amigo, pero a máis longa levounos medio día: a soleada mañá cando no seu coche viaxamos de Madrid a Ourense para participar nunha das edicións das Xornadas de Cine. Quedaramos a primeira hora ao pé do seu domicilio, se mal non lembro, na rúa Ardemáns, e desde que enfiamos a saída entramos con enerxía nunha feliz conversa ininterrompida. Tamén inacabada. O Festival de Cine de Humor, os cursos do CGAI, os paseos pola beiramar coruñesa ou os fortuitos encontros estivais nas inmediacións da praza de Vigo eran novas oportunidades para, arredor dun aperitivo ou un café, retomala. Ademais das cuestións da narración cinematográfica, a política ocupaba o noso tempo. Non en van, as súas historias están vistas desde a ollada dos perdedores. O tempo cinematográfico era para el nomeada preocupación. E, na fala, a característica principal do seu estilo a facilidade coa que pasaba do irónico ao solemne e viceversa. E aínda hoxe non sei con certeza que de un e outro había na súa aguda exemplificadora observación: Don Manuel, Don Manuel... ¿Qué es eso de Don Manuel? ¡En este país el único Don Manuel que ha habido es Don Manuel Azaña! Toda unha declaración de princípios que, unida ao seu numeroso e notable contributo á historia do cine, definen a un home apaixonado e cabal que viviu consagrado á arte de contar historias. Coa ferramenta da escrita de imaxes e sons. E coa palabra.
Artigo publicado orixinalmente en La Voz de Galicia, 26 de febreiro de 2021.
Ningún comentario:
Publicar un comentario