Transcorreron quince anos desde que prendeu a idea até a obra final, que
vén de chegar ás librarías, mais xa se pode dicir con claridade: pagou a
pena o esforzo e a espera. A nena do abrigo de astracán, o novo libro de
Xabier P. DoCampo, o primeiro del editado nunha colección
especificamente para adultos, é unha obra maior, outra desas novelísimas
que aparecen cada poucos anos para marcar un fito no sistema literario
galego. Éo non só porque o resultado estea á altura das súas ambicións,
senón, sobre todo, pola naturalidade e enganosa sinxeleza coa que
resolve todos os numerosos e inmensos retos.
A aparente
protagonista da novela é Susana, unha nena adoptada polos seus padriños
logo da morte da súa nai. Educada baixo os principios ultraconservadores
do nacionalcatolicismo e gobernada a súa vida pola mentalidade beata e
castradora de Agustina, a madriña, Susana achará nas sesións de cinema o
refuxio necesario para sobrevivir a un tempo cruel. Mais o cinema non é
só un refuxio e un espazo para a ilusión, tamén é un
espazo para o coñecemento e o recoñecemento. Os sete filmes que Susana
ve e lle conta á madriña, a miúdo en versións deliberadamente deturpadas
para que encaixen na mente cativa de Agustina, son portas que se abren
para a comprensión do mundo, para a comprensión do sufrimento e da
felicidade, da xenerosidade e da hipocrisía, do amor máis grande e da
miseria máis infame, pois todo iso está presente no ser humano. Os sete
filmes, polo tanto, non lle dan só estrutura á novela, tamén lle dan
estrutura á propia vida de Susana, e así nada máis lóxico que a súa acabe por imitar o final d'A loba, unha vez entendido canto se parece a patroa
da súa casa á Regina Giddens que encarna Bette Davis: comparten a mesma
destrutiva cobiza que non se detén ante nada, por máis que o seu obxecto
sexa diferente, aquí non o diñeiro senón a posesiva necesidade de
control e afecto.
Dicía que Susana é só a aparente protagonista
porque o verdadeiro centro da novela é a vila toda,
Ribadaínsua, narradora dos feitos estremecedores que acontecen ao longo
duns poucos meses. Estremecedores mais tolerados con perversa
normalidade polas persoas que habitan a vila, que interiorizaron dentro
de si o mal até facer ver que non o ven aínda que estea diante.
Lonxe de todo maniqueísmo, A nena do abrigo de astracán é unha gran
novela sobre o mal, asociado inevitabelmente a un período sen perdón da
nosa historia recente, a brutal posguerra, mais fácil de extrapolar a
calquera momento e lugar en que o mal se estende sen que ninguén lle
poña barreiras. A calquera momento e lugar en que a piedade e a
compaixón desaparecen sepultadas pola avaricia, a vinganza e o odio. Iso
é o que sucedeu en Ribadaínsua e iso é o que Ribadaínsua expón, para
que non se esqueza, para facer dos feitos historia e da historia novela.
Mais o mal non consegue agochar para sempre o sentimento de culpa, que
agroma en forma de voces que resoan nos faiados. Os faiados das casas e
os faiados da memoria. A nena do abrigo de astracán é, tamén, unha
novela sobre os fantasmas que petan na porta pola noite. Unha novela sobre as
culpas propias, por acción e por omisión, que a cada un se lle revelan
nos retratos de xente pintada de costas que fai Antonina, un dos moitos
personaxes memorábeis.
Mais non todo é mal e miseria. N'A nena...
hai homes e mulleres sempre dispostos ao agarimo e a tenrura a
pesar de que o mundo convide ao contrario, personaxes que non renuncian á
bondade aínda que a súa actitude as poña de camiño ao sacrificio. É o
caso do alfaiate Isidoro, o primeiro veciño de Ribadaínsua no que Susana
encontra un xesto de cariño. De Engracia, a compoñedora tratada de
meiga, entregada desde a súa infancia a intentar axudar aos demais.
Personaxes valentes, como tamén o é Paulina, que racha co veleno das
humillacións na procura dunha vida nova.
Un dos asombros que
proporciona a novela vén do ben trazado que está o seu carácter coral.
Nada do que se di é gratuíto, todo ten unha razón; non sobra unha voz,
non sobra nada do que se di. A arquitectura do texto é impresionante,
con ecos que van e volven. Así, non importa que un personaxe poida
desaparecer fatidicamente nun certo capítulo, pois del saberemos máis
logo da man doutra voz que o recorda e dá conta do que fixo. A pegada
decisiva dunhas vidas nas outras. O autor, un dos grandes entre os nosos, asume desafíos
complexos, fíos argumentais que tiñan o risco de caer nos tópicos, por
outra parte reais, da Galiza dos anos 40, cos seus curas desalmados (como o é o
don Amancio) e a submisión xeral ao medo. Ou episodios, caso da
suposta aparición mariana, que podían derivar cara ao grotesco. Xabier vence, con oficio consumado, todos os
perigos, porque na súa escrita persiste a fe en nós. Foxe do pesimismo e
a podremia e iso produce unha novela triste, emocionante como poucas, e
finalmente encamiñada á esperanza. Encamiñada á felicidade que é vivir nunha cidade na que hai unha ducia
de salas de cinema.
Martin Pawley. "A nena do abrigo de astracán" vén de ser publicada por Edicións Xerais de Galicia. Para saber máis: entrevistas en vídeo con Xabier P. Docampo sobre a novela e o cinema da novela.
xoves, 30 de novembro de 2017
mércores, 29 de novembro de 2017
"Visións do ceo", ciclo de cinema no CGAI-Filmoteca de Galicia
A obra do canadense Peter Mettler (Toronto, 1958) lidou sempre cos
contactos (e conflitos) entre a ciencia e a tecnoloxía, a natureza e a
capacidade humana para facer do mundo relato e mitoloxía. Despois de
tres longametraxes de ficción (Scissere, The Top of His Head e Tectonic Plates) o cineasta aceptou a suxestión do artista e científico suízo
Andreas Züst (1947-2000) de filmar as auroras boreais en Picture of Light. O desafío era en primeiro lugar tecnolóxico, o de captar as sutís
fantasmagorías que producen as execcións de material solar ao chegar a
atmosfera terrestre, só ao alcance da película cinematográfica cando se
amplían considerabelmente os tempos de exposición (de aí a necesidade de
empregar a técnica do time-lapse), e facelo ademais en condicións
climáticas extremas, con temperaturas de até 40 graos baixo cero que
exixían a axeitada protección das cámaras. Mais sobre todo estaba o
desafío estético, o rexistro da “marabilla”, a beleza suprema dun
fenómeno natural que escapa ao noso control. Vinte anos antes da
invención do selfie, Peter Mettler reflexiona no filme acerca do feito
de vivirmos nun tempo no que só parecen existir as cousas que poden ser
gardadas en imaxes. Mais as imaxes conxeladas para sempre polo cinema
dun prodixio efémero non son o prodixio: a experiencia é sempre outra.
Isto serve tamén para The Green Ray, a curta na que conseguiu captar o fuxidío último raio do Sol a inglesa Tacita Dean (Canterbury, 1965), artista plástica mundialmente recoñecida, candidata en 1998 ao Premio Turner e en continuo apostolado dos 16mm. Antes, en 1999, propuxérase filmar a eclipse solar total do 11 de agosto nunha granxa. O día grande amenceu cuberto de nubes, experiencia esta non precisamente descoñecida para os afeccionados ao ceo, así que o resultado, Banewl, non fala tanto do encontro da Lúa e o Sol como da experiencia de vivir ese encontro nese lugar, ao ritmo apracíbel das vacas que se fan donas da paisaxe.
Martin Pawley. Texto escrito para o programa de novembro/decembro do CGAI-Filmoteca de Galicia. O ciclo "Visións do ceo" está organizado pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío co apoio do Concello da Coruña.
Isto serve tamén para The Green Ray, a curta na que conseguiu captar o fuxidío último raio do Sol a inglesa Tacita Dean (Canterbury, 1965), artista plástica mundialmente recoñecida, candidata en 1998 ao Premio Turner e en continuo apostolado dos 16mm. Antes, en 1999, propuxérase filmar a eclipse solar total do 11 de agosto nunha granxa. O día grande amenceu cuberto de nubes, experiencia esta non precisamente descoñecida para os afeccionados ao ceo, así que o resultado, Banewl, non fala tanto do encontro da Lúa e o Sol como da experiencia de vivir ese encontro nese lugar, ao ritmo apracíbel das vacas que se fan donas da paisaxe.
Martin Pawley. Texto escrito para o programa de novembro/decembro do CGAI-Filmoteca de Galicia. O ciclo "Visións do ceo" está organizado pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío co apoio do Concello da Coruña.
martes, 14 de novembro de 2017
domingo, 12 de novembro de 2017
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)