A obra do canadense Peter Mettler (Toronto, 1958) lidou sempre cos
contactos (e conflitos) entre a ciencia e a tecnoloxía, a natureza e a
capacidade humana para facer do mundo relato e mitoloxía. Despois de
tres longametraxes de ficción (Scissere, The Top of His Head e Tectonic Plates) o cineasta aceptou a suxestión do artista e científico suízo
Andreas Züst (1947-2000) de filmar as auroras boreais en Picture of Light. O desafío era en primeiro lugar tecnolóxico, o de captar as sutís
fantasmagorías que producen as execcións de material solar ao chegar a
atmosfera terrestre, só ao alcance da película cinematográfica cando se
amplían considerabelmente os tempos de exposición (de aí a necesidade de
empregar a técnica do time-lapse), e facelo ademais en condicións
climáticas extremas, con temperaturas de até 40 graos baixo cero que
exixían a axeitada protección das cámaras. Mais sobre todo estaba o
desafío estético, o rexistro da “marabilla”, a beleza suprema dun
fenómeno natural que escapa ao noso control. Vinte anos antes da
invención do selfie, Peter Mettler reflexiona no filme acerca do feito
de vivirmos nun tempo no que só parecen existir as cousas que poden ser
gardadas en imaxes. Mais as imaxes conxeladas para sempre polo cinema
dun prodixio efémero non son o prodixio: a experiencia é sempre outra.
Isto
serve tamén para The Green Ray, a curta na que conseguiu captar o
fuxidío último raio do Sol a inglesa Tacita Dean (Canterbury, 1965),
artista plástica mundialmente recoñecida, candidata en 1998 ao Premio Turner e en continuo apostolado dos 16mm. Antes, en 1999, propuxérase
filmar a eclipse solar total do 11 de agosto nunha granxa. O día grande
amenceu cuberto de nubes, experiencia esta non precisamente descoñecida
para os afeccionados ao ceo, así que o resultado, Banewl, non fala tanto
do encontro da Lúa e o Sol como da experiencia de vivir ese encontro
nese lugar, ao ritmo apracíbel das vacas que se fan donas da paisaxe.
Martin Pawley. Texto escrito para o programa de novembro/decembro do CGAI-Filmoteca de Galicia. O ciclo "Visións do ceo" está organizado pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío co apoio do Concello da Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario