mércores, 14 de xaneiro de 2015

A Internacional Cinéfila 2014

O amigo Roger Koza convidoume a participar na votación dos mellores filmes do ano, a xa tradicional "Internacional Cinéfila", que poden ler completa no seu blog Con los ojos abiertos. Había que votar as cinco películas preferidas de 2014 e, ademais, destacar unha "ópera prima" (eu citei catro). Esta é a versión galega do que escribín:

A INTERNACIONAL CINÉFILA 2014

1) Cavalo dinheiro (Pedro Costa)
Pedro Costa está noutro nivel, noutra escala: síntome afortunado de compartir tempo con el, de saber que está aí para propoñernos cada "x" anos un novo desafío fílmico, unha nova revelación. Aínda máis espectral que Juventude em marcha, tamén máis emocionalmente devastadora, Cavalo dinheiro é unha desas obras maiores ante a cal só cabe pronunciar unha única palabra: grazas. Obrigado, Pedro. Obrigado, Ventura. Obrigado, Vitalina.

2) The Kindergarten Teacher (Nadav Lapid)
Leva dando voltas na miña cabeza desde que a vin por vez primeira en xuño. En novembro no Festival de Sevilla puiden gozala por fin en pantalla grande e o meu entusiasmo multiplicouse; repetín só uns días despois noutro festival, Cineuropa, en Santiago de Compostela. É incribel o que fai Nadav, como pega a cámara aos rostros, como traballa cos nenos -en especial, claro, Avi Shnaidman-, a portentosa interpretación de Sarit Larry (e os seus ollos!), o retrato dunha (inquietante) relación de poder, o ambiguo e lúcido estudo da necesidade da arte e a beleza como vía de escape ante a vulgaridade dunha sociedade que confunde -satisfeita?- valor e prezo. En resumo: vólveme tolo.

No terceiro posto, un triplo empate, aínda que só sexa para non obrigarme a pensar cal prefiro das tres.

3a) Jauja (Lisandro Alonso)
Gústame repetir esta frase porque reflicte coa necesaria contundencia o que penso deste director: Lisandro Alonso é o mellor que lle pasou ao cinema no que vai de século XXI. A miña favorita da súa filmografía segue sendo Liverpool, mais iso non me impide recoñecer Jauja como a súa mellor película, a máis complexa, a que o leva a asumir máis riscos. Aínda que atopo algunha que outra debilidade nos seus primeiros minutos, calquera dúbida esvaece a medida que avanza a metraxe; para cando aparece Ghita Norby a película volveuse xa literalmente sobrenatural. O gran salto adiante.

3b) El color que cayó del cielo (Sergio Wolf)
Paréceme que non se aplaudiu suficientemente esta maxistral película. Certo que os asuntos celestes non me son nunca alleos e que por iso asistín á proxección no BAFICI naturalmente entregado, mais o resultado superou calquera expectativa. Sergio Wolf, o gran cineasta-detective, desprega un atractivo cóctel de ciencia, historia e mitoloxía indíxena que deriva axiña noutra dirección aínda máis apaixonante, a que emerxe da contraposición de dous personaxes excepcionais, o científico venerábel William Cassidy e o cretino sedutor Robert A. Haag, traficante de meteoritos.

3c) João Bénard dá Costa -Outros amarão as coisas que eu amei (Manuel Mozos)
A xoia cinéfila do ano nace da feliz comuñón dos textos de João Bénard dá Costa, mítico responsable da Cinemateca Portuguesa, e as imaxes de Manuel Mozos, un grande. Nunca lle agradecerei bastante que sexa autor dunha obra mestra como Xavier.

ÓPERA PRIMA
Hai algo máis dun ano no festival de La Roche-sur-Yon coñecín ao mexicano Ricardo Silva. Falei con el moito tempo, gocei co relato que me fixo do seu país, prometeume libros -aínda espero por eles, se o ven recórdenllo- e deixoume unha copia non definitiva da súa primeira película, Navajazo. Facía honor ao seu nome, era tan descarnada e incómoda como fascinante; todo nela rimaba co que me contou naquelas dúas noites festivaleiras en Francia. Alegreime moito da súa selección en FICUNAM e logo, uns meses máis tarde, do seu triunfo en Locarno. Máis próximo no tempo, outro encontro mexicano que é, en certo sentido, outra forma de navajazo: a espléndida Memoria Oculta de Eva Villaseñor, moi suxestivo intento de reconstruír un fragmento perdido da vida da propia directora. Entre un e outra, a emoción dunha nobre derrota en Remine do asturiano Marcos Martínez Merino. Non chega a ser unha longa, mais é xusto citar a que para min foi unha das máis valiosas obras deste ano, El corral y el viento de Miguel Hilari e o descubrimento, na distancia, dunha estimulante escena cinematográfica en Bolivia.

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario