Estamos diante dun dos mellores libros dedicados ao cinema publicados ultimamente. Diario de cine. El nacimiento del nuevo cine norteamericano é un libro intenso, apaixonado, vehemente, polémico, visceral, indomable, desafiante e radical. Unhas características que o seu autor, Jonas Mekas, espalla a mans cheas por cada folla e que fai ver ao lector como a crítica cinematográfica pode servir para referendar a creación, neste caso o cinema underground que se concentrou na cidade de NY a mediados da década dos 50 até os comezos dos 70. A editorial que deu o paso de publicar este fabuloso libro en castelán foi a mexicana Mangos de hacha. Unha iniciativa que sería interesante emulara algunha editorial en España [1].
O libro vén sendo unha compilación dos textos que o cineasta Jonas Mekas escribiu en Village Voice. Unha columna onde se daban cita críticas, entrevistas, comentarios, inventarios, cartas e artigos que constrúen unha excelente crónica do momento cinematográfico que se deu en chamar “novo cinema norteamericano”. Os textos que se recollen no libro son un terzo dos escritos no semanario neoiorquino desde 1959 a 1971, algúns preséntanse enteiros e doutros simplemente extractos moi significativos. Nestes escritos Mekas fíxase nun cinema que naquel momento non tiña eco en ningún medio; polas súas páxinas pasan as obras e os nomes máis destacados deste panorama vangardista: Warhol, Anger, Brackhage, Frampton, Jacops, Kubelka, Markopoulos, Sharits, Snow, Wieland… E tamén atende as obras e directores que visitaban de cando en vez Nova York: Rossellini, Godard, Antonioni, Rocha …
Probablemente o máis rechamante é o ton exaltado dos seus escritos adaptados a defender a causa dun cinema que se non fora polas súas columnas pasaría desapercibido. Mekas xustifícase dicindo: “Son partidario das esaxeracións! Estou rodeado dunha capa de mediocridade tan profunda, que teño que berrar en voz moi alta para lograr que alguén se mova dunha maneira ou doutra”. Con esta premisa atopamos un libro sazonado de moitas perlas que están lonxe de ser gratuítas.
Para ir abrindo boca aquí van algúns axiomas sobre a estética e a ontoloxía cinematográfica nos que cre firmamente Jonas Mekas:
“Son un rexionalista, pertenzo sempre a algunha parte”
“Intenten fuxir dos críticos establecidos”
“A popularidade mingua a beleza”
“Necesitamos películas menos perfectas e máis libres”
“As convencións cinematográficas rómpense descompoñendo os sentidos cinematográficos oficiais”
“O tedio é unha construción da mente dos guionistas”
“Os críticos son pobres miopes infelices que non ven a beleza aínda que a teñan diante”
“Os nosos críticos son carniceiros da beleza”
“A arte é un proceso incerto que choca directamente co perfeccionismo”
“A arte máis persoal tamén é a máis universal”
“O público está preparado para aprender e explorar o descoñecido”
“Vivimos nunha civilización na que a palabra poesía evoca un aceno hostil”
“A beleza e a delicadeza insúltanos porque o vulgar ocupa unha parte demasiado grande na nosa alma”
“Que sopren ventos de anarquía e confusión: necesitámolos!”
“É tempo de incendiar os institutos. As escolas de cine son para atrasados”
“Os filmes caseiros son unha arte popular chea de poesía”
“Os críticos deben crear a actitude axeitada para ver o filme”
“O cinema xa non ten medo de ser arte xa que é capaz de asumir a súa impureza”
“O cinema afeccionado é a creación dun home só, como a pintura ou a poesía”
“O cinema afeccionado non ten produtores”
e, quizais, a máis importante:
“A verdadeira historia do cineasta de vangarda é non morrer de fame”
Porén, hai que dicir que se ve como o ímpeto inicial de Mekas vai decaendo co paso do tempo. O cronista non pode manter a intensidade dos primeiros anos e vai diminuíndo o seu entusiasmo. Isto é algo moi significativo porque vemos como este tipo de movementos non son para sempre e a efervescencia creativa de varios autores nun mesmo espazo e tempo ten data de caducidade. Diario de cine é un testemuño único e de primeirísima man das vicisitudes e posibles debates que sofre o cinema ao situarse baixo a óptica da Modernidade. Mais a pesares de falar de tempos pretéritos o libro posúe unha estraña intemporalidade xa que é unha excelente guía para todas as prácticas cinematográficas que se distancien dos convencionalismos. Asemade, as ideas claras e diáfanas que se sacan deste libro non falan de algo circunstancial senón que define unha necesidade que xorde ciclicamente en distintas partes do mundo para o ben do desenvolvemento do cinema.
Xurxo González
[1] Editorial Fundamentos publicou en España en 1975 Diario de cine, mais hai moitos anos que non está dispoñíbel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario