…a Alberte de Esteban “O Roxo”
Para falar d'A lenda de Breogán temos que viaxar ata mediados da década dos oitenta. Un tempo no que a sociedade da vila da Guarda aínda se espreguizaba no amencer da liberdade tras a longa e dura inverneira. Un bo baremo para analizar aquel clima foi todo o que rodeou á realización da curtametraxe A lenda de Breogán, unha das experiencias educativas máis anovadoras e fértiles que tivo lugar na Guarda e que chocou, de fronte, con toda a ferruxe de pensamentos e ideoloxías que, daquela, aínda dominaban a vila do sur de Pontevedra.
No ano 1984 o Instituto Público da Guarda comezaba a súa andaina no predio do Centro de Formación Profesional da Sangriña. Esta institución educativa recentemente alumeada víase moi coartada polas limitacións de espazo e polos poucos recursos existentes. Mais, aínda así, agromaron certas iniciativas educativas valiosas e sorprendentes non só pola escasa infraestrutura e bagaxe do centro, senón polo que se tiña visto ata ese momento nunha comunidade excesivamente anquilosada e temerosa dos cambios. A comunidade de alumnos, agás as novas promocións, procedía de institutos de secundaria da Guarda ou da bisbarra, na súa maioría centros privados que se atopaban ao abeiro da igrexa cos consecuentes plans curriculares conservadores.
A realización da curtametraxe correu por conta do curso de terceiro de BUP da promoción 1984-1985 do Instituto da Sangriña (rapaces e rapazas de 15-16 anos). A iniciativa e coordinación do proxecto foi responsabilidade do profesor coruñés Alberte de Esteban “O Roxo”, que impartía a área de Literatura e Letras Galegas e que chegara á Guarda ese mesmo ano. Daquela era un profesor con pouca experiencia como ensinante mais cunha longa traxectoria como mariño mercante desde 1968. Un home íntegro con fortes valores sociais adquiridos no seo dunha familia de fonda convicción anarquista que padecera fortemente as consecuencias da represión franquista.
Alberte “O Roxo” alternaba como docente nas áreas de Historia, Galego, Castelán e Ética. Desde que comezara a súa andaina como profesor tentou aplicar novos métodos educativos coa convicción de aportar aires novos a un rancio sistema de ensino. A súa vocación pedagóxica non se limitou ao horario lectivo senón que tamén quixo promover actividades e proxectos educativos fóra das aulas, seguindo a metodoloxía libertaria.
Así, antes de comezar a realización da curtametraxe, el mesmo foi o promotor dunha revista feita polo alumnado do instituto. Esa revista tivo unha vida moi breve e accidentada xa que debido aos seus contidos “diverxentes” foi secuestrada polo Alcalde e estivo vilipendiada pola “benpensante” opinión pública da Guarda. O contido desta publicación chegou a ser levado ao Pleno Municipal polo daquela concelleiro de cultura, o “popular” Ligero.
Despois disto, o goberno local presionaría ao director e ao claustro educativo para que lle fora aberto un expediente mais os alumnos reaccionaron de xeito modélico iniciando unha folga para evitar que o profesor fose inxustamente sancionado.
Tras o aciago episodio da revista, Alberte de Esteban non se deu por vencido e comezou a dar forma a un proxecto moito máis ambicioso como era o de facer unha curtametraxe cos seus alumnos e alumnas. A idea procedía da relación de amizade con Manolo González, profesor en Allariz e pioneiro do uso do audiovisual nas escolas que nese ano era o responsable do programa “Vídeo nas aulas” da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Foi así como chegou unha cámara de vídeo á comunidade escolar da Sangriña. Nin Alberte nin os seus alumnos estaban afeitos ao emprego da nova ferramenta mais rapidamente se puxeron ao día para sacarlle o máximo partido.
A lenda de Breogán é a adaptación dun relato homónimo de Vicente Risco que conta a historia do caudillo celta. Esta escolla tiña como obxectivo aproveitar o mellor dos escenarios posibles na Guarda, o Monte Trega e o seu castro, e así facer máis atractiva para o alumnado a abordaxe deste período histórico. As rapazas e rapaces sumáronse ilusionados ao proxecto e se encargaron de realizar todas as tarefas que a realización do filme precisaba: localización de escenarios, elaboración do guión, interpretación, preparación do atrezzo, rodaxe, etc.
A curtametraxe comeza cando un rapaz, o protagonista da historia (protagonizado por Seve Pacheco), le o relato no Trega e se retrotrae, nunha ilustración en imaxes moi interesante polo formalismo da proposta, á época pasada na cal sucede. Resulta moi suxestivo este inicio porque nel se fai unha evocación do poder da lectura, que entronca de cheo co propio espírito que alberga o proxecto audiovisual.
A continuación vemos unha serie de secuencias nas que se reconstrúe a vida no castro. Obviamente, as imaxes son moi naif, porén teñen un importante valor xa que poñen en evidencia o propio artificio cinematográfico, case teatral, como acontece nalgunhas correntes de cinemas “non reconciliados” que practican este tipo de procesos, como por exemplo a obra de Jean-Marie Straub e Danièle Huillet. Tras amosar os preparativos á guerra a acción desprázase ao embarcadoiro da Pasaxe. A travesía nun barco (unha gamela) filmouse perto da ponte do Tamuxe, e a secuencia final do enterro acontece na praia do Codesal.
O profesor Alberte de Esteban editou o filme con dous vídeos incorporándolle a voz dos seus alumnos e alumnas e tamén a súa propia en over. As imaxes teñen moitas marcas características da manipulación do vídeo, unhas imperfeccións que nos informan sobre os poucos recursos que había no centro e sobre a época na que foi realizada. A lenda de Breogán recibiu unha crítica moi positiva por parte do cineasta galego Calos Velo cando este foi o convidado nas XOCIVIGA de 1985. No seo deste festival puido ser vista A lenda de Breogán, dentro dunha escolma de obras audiovisuais feitas por institutos de toda Galiza. Este filme foi visto na Guarda en poucas ocasións xa que, até o ano pasado, moi pouca xente sabía da súa existencia. Afortunadamente agora volve á luz por medio do Proxecto Socheo, e á marxe das súas calidades artísticas podemos admirar nela a materialización dun proxecto pedagóxico rompedor e o legado dunha actitude cara a vida crítica e insubornable.
Xurxo González
Bueno bueno bueno!!! Por fin alguén fala disto!!! Eu estaba nese curso, participei xunto cos meus compañeiros de clase nesta película e ... que bos recordos, canto me lembro de todo o que pasou ese ano con ese mestre, canto aprendín con el e canto lle debo!!!!!! Eu empezaba a narración "Aconteceu que aló no tempo antigo, cando os Danar andaban a loitar contra os escuros ..." Gracias por esta entrada!!!!
ResponderEliminarOla Carmen! Entón ti colaboraches na curtametraxe? Sabes de máis xente que estaba metida no proxecto?
ResponderEliminarSe mo permiten, vou correxir alguns erros: Non era o curso de terceiro de BUP, eramos de primeiro e tiñamos 14 anos. Alberte non era coruñés, era de Ribadeo. A revista foi secuestrada polo director de BUP, un tal Eduardo.
ResponderEliminarestabamos en primeiro de BUP, un ano realmente histórico, co inicio do instituno da Guarda, (só habia BUP no colexio PP Somascos) curso 84-85, eramos, 40 rapaces e rapazas en primeiro e uns vinte e poucos en segundo ese primeiro ano. Dentro da valentía e como non da inconsciencia da nosa idade metiamonos en todolos fregados os que podíamos. o tema da revista deulle quebradeiros de cabeza tamén a algúns pais (os meus andaban na APA). pero a película foi todo un acontecemento ese ano, e unha experiencia inolvidable eu creo que para case todos os que andabamos diante e detras da cámara. e que dicir de Alberte, foi unha persoa que para so estar un curso con nos, marcou a un grupo unha boa tempada (eu ainda quero una Wv, outros xa a tiveron, ;) unha aperta a todolos compañeir@s
ResponderEliminarEsto é increible, tanto tempo despois leer o proceso que tanto marcou as nosas vidas, escrito por unha persoa que non estaba ali pero que o conta como si estivese. Xa lein a corrección do ano, foi rodado cando estabamos en primeiro de BUP. Dende logo que a experiencia para nos foi moi importante, tanto a revista como o documental. Acordo como Alberte foi atacado por a dirección do centro que secuestrou a nosa revista e lle fixo a vida imposible a Alberte. Dende o primeiro dia este home marcounos pola súa forma de ensinar, tamén é certo que nós fomos un grupo privilexiado en moitos sentidos e con moitisima enerxía. Un día chegamos a clase e non tiñamos pupitres e decidimos sair á rúa a dar as clases. Bueno non quero extenderme polo que para rematar me gustaría saber si alguén ten ese documental para poder facerlle unha copia. Un saudiño para esa xeneración Débora.
ResponderEliminarPois Xurxo mira éramos todo o curso de 1º mais o profe ... Non recordo a ninguén mais. Creo que o fixemos todo todos nos. Si queres comentar algo xa sabes que é fácil atoparme
ResponderEliminarDigo antes noutro comentario que Alberte era de Ribadeo, iso recordo que el decía pero nun video di que é coruñés ... ando errada ... Disculpas :)
ResponderEliminarOla a tod@s!
ResponderEliminarSi o tema dos cursos é obviamente un erro inducido polos créditos finais. Seve díxome que eran sobre todo de primeiro a maioría e algúns de segundo. Sobre a orixe de Alberte, pois según o que me dixo a súa familia era de Aragón, trasladaronse a Coruña e agora vive perto de Santiago.
Foi algo para non esquecer.... Sempre no meu pensamento o mestre Alberte, e a súa furgoneta....
ResponderEliminarGracias mestre. Agradecída de aprender a loitar nesa época contra os que na súa ignorancia fixeronos máis fortes.