xoves, 5 de agosto de 2010

A irmandade dos contadores de estrelas


De todas as formas do saber seguramente é a astronomía aquela na que a transmisión do coñecemento se produce dunha maneira máis directa, case íntima. Todos os astrónomos afeccionados o somos porque nalgún momento das nosas vidas alguén nos levou da man nos primeiros pasos que dabamos polo ceo e nos fixo partícipes da insuperábel beleza do gran teatro da noite. Alguén que nos descubriu os ritmos do ceo, que nos presentou os seus protagonistas principais e nos contou os mitos e lendas que todas as civilizacións crearon para facer máis levadías as madrugadas longas e escuras. Sempre hai unha persoa que nos dixo “vén e mira”, e que nolo dixo con agarimo, buscando en nós un cómplice que se sume a unha irmandade tan antiga como o ser humano: a irmandade dos contadores de estrelas, os que comunican o tesouro intanxíbel do firmamento nocturno.

AGARIMO, INTIMIDADE. É certo que non é común atopar estes dous conceptos en calquera texto que encaixe na categoría “ciencia”, mais acho que debería ser o normal, pois a transmisión de coñecemento, cando é eficaz, é sempre un acto de amor. Así o expresa Daniel Pennac ao final de Mal de escola, e iso que lle levou 250 páxinas atreverse cunha “palabrota” que “non podes nin sequera pronunciar nunha escola, un instituto, unha facultade ou calquera lugar semellante”, cousa que inclúe, estou ben seguro, os museos de ciencia –e os museos en xeral–. O amor e a paixón na dose necesaria para que o outro entenda que iso que estamos a compartir con el é marabilloso, e que polo feito de saber máis será máis feliz porque será máis libre e poderá afrontar mellor os seus medos. Aprendemos, pois, para ser máis libres.

AMOR, LIBERDADE. Son palabras que se me veñen á cabeza cando penso en Juan Carlos Medal Cabezas, Jaítos, o home que xunto a Moncho Núñez transformou hai vinte e cinco anos en real o soño dunha Casa onde xogar coa Ciencia na Coruña. Desde o seu posto de técnico nos Museos Científicos, Jaítos convenceunos da necesidade de practicar o escepticismo, de rexeitar as inxustizas, veñan de onde veñan, de buscar respostas e –sobre todo– de buscar novas preguntas. Para todos os que participamos nas súas inesquecíbeis sesións de planetario e vimos con el o ceo de verdade, Jaítos foi ademais o noso estreleiro, o home que nos inoculou o desexo de formar parte desa gran irmandade dos contadores de estrelas. A mellor homenaxe que lle podíamos facer era conseguir que o planetario da Casa das Ciencias levase o seu nome. Desde antonte xa é oficial: o Concello atendeu a petición cidadá e a partir de setembro o planetario chamarase Jaítos Medal. O reto agora é mantermos entre todos un planetario á altura do seu nome.

Martin Pawley. Artigo publicado o xoves 5 de agosto en Xornal de Galicia.

1 comentario:

  1. Revisando este vello artigo caio na conta de que pequei de optimista: o planetario, finalmente, non recibiu oficialmente o nome de Jaítos, o Concello limitou o recoñecemento á colocación dunha placa. Oficialidades á marxe, as cousas teñen o nome que lles queira dar a xente, e igual que a "Plaza de España" é para moitos "Campo da Leña", o planetario sen nome pode ser Planetario Jaítos Medal, porque si.

    ResponderEliminar