Mensaxe nunha botella
A edición 2009 dos Premios Xerais viña con sorpresa, e grande: a dobre
condición de gañadora de Rosa Aneiros en dúas categorías, a de novela
con Sol de inverno e o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil con
Ás de bolboreta. Visto coa perspectiva dos meses o que máis chama a
atención é que neste último vencese co acordo unánime do xurado, que
destacou a súa obra con claridade por riba das outras cun nivel de
consenso que non se producira en edicións anteriores.
Boa parte
da maxia do texto de Rosa Aneiros para cativar coa mesma eficacia a
adultos e mozos reside no seu carácter caleidoscópico e plural. O
escenario principal é unha cafetería de Santiago de Compostela, o
Luzada, rexentado por Patricia, unha muller que se fixo cargo do local
nun momento no que vía inviábel proseguir coa súa formación académica.
No Luzada conflúen unha morea de personaxes cuxas vidas iremos
descubrindo ou máis ben intuíndo a través de estampas impresionistas e
conversas collidas ao voo que revelan verdades entre liñas. Coñeceremos
así a Eusebio e Lola, os anteriores donos do bar, que loitan en soidade
contra as dificultades que se derivan da vellez e da perda progresiva de
saúde e mobilidade. A Iqbal, un mozo inglés de orixe paquistaní que
marchou de Londres tralos atentados no metro en xullo de 2005 e que bota
horas e horas no Luzada conectado a Internet, no mesmo ordenador que
Mohamed mira de cando en cando con medo de que as palabras se convirtan
en ferramentas de transmisión do odio. Saberemos da señora Filomena,
cuxo fillo está en misión humanitaria co exército en Darfur e que sofre
ao ver nos xornais os froitos da violencia e da guerra. De Manuel, un
neno africano que non superou a morte da súa nai adoptiva e que ten no
seu avó a súa principal compañía. Tamén dunha muller que agarda por unha
chamada que non chega, a dos sobriños que intentan entrar en España
cruzando o valado da vergoña que separa mundos en Melilla, ou de Aysel,
vítima do amor e da indiferenza que Occidente amosa ante a represión do
pobo kurdo polo goberno turco.
Rosa Aneiros constrúe con eles un
puzzle que pode reordenarse de diferentes maneiras. Estrutura o libro en
capítulos breves que admiten unha lectura independente, pero que se
reforzan os uns aos outros e gañan en complexidade igual que están
conectadas entre si as vidas das persoas. Na sociedade global na que
vivimos calquera historia quédanos a uns poucos graos de separación e os
grandes sucesos que ocupan a atención dos medios acaban por ter
repercusións concretas na experiencia cotiá daqueles cos que compartimos
a hora do café; de aí o urxente que é desbotarmos os prexuízos e a
desconfianza e a necesidade de comprender o outro. A escritora manexa
con oficio distintos rexistros, do naturalismo dos diálogos entre un avó
e o seu neto ao apaixonado lirismo que asoma en moitas páxinas; como na
canción brasileira, é consciente de que a tristeza non ten fin mais a
felicidade si, e por iso o ton xeral vén marcado por unha certa
amargura, aínda sen negarlle espazo á esperanza. Rosa Aneiros fixo un
libro con mensaxe, dito sexa sen ánimo pexorativo: unha mensaxe de
solidariedade e amor polo ser humano. Desas aínda temos moita falta.
Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 12, outono 2009.
Ningún comentario:
Publicar un comentario