O Filminho é unha desas ideas tan boas que o estraño é que ninguén chegase a facela antes. A súa vontade fronteiriza e a claridade do concepto, descubrir e explorar o espazo audiovisual galegoportugués, fan del malia á súa modestia e precariedade de medios o certame máis útil en potencia dos que se celebran en Galicia: un que debería servir para poñer en contacto os creadores que viven ás dúas beiras do Miño e rachar con esa tradición de desinterese mutuo que caracteriza as relacións culturais co país veciño. Abrir unha xanela cara ao sur é algo especialmente necesario nun momento no que o cinema portugués vive tempos de certo esplendor, non no que atinxe os seus resultados económicos mais si en canto á súa repercusión crítica no mundo enteiro. A primeira edición do Filminho, celebrada en xullo de 2008, certificou ademais a emerxencia dunha nova xeración de cineastas galegos de grande talento ao presentar obras naquela altura inéditas de xente como Ángel Santos ou Oliver Laxe, cuxos nomes se repetiron en múltiples ocasións ao longo dos seguintes meses, ou as pezas de Peque Varela e Lara Bacelo.
Non houbo sorpresas tan agradábeis neste segundo Filminho, onde a produción galega non demostrou en liñas xerais os arelados niveis de excelencia. A aposta máis sólida veu da man de dous documentais de correcta factura, Mulheres na raia de Diana Gonçalves, que levou o Premio Cinema Minhoto, e O clube dos sen teito de Claudia Brenlla. Entre as curtametraxes merece ser destacada polo seu brillante aspecto visual a polo demais algo confusa Na distancia de Víctor Hugo Seoane, e tamén A viaxe de José González Varela, cun coidado plano secuencia inicial que ofrece unha rechamante panorámica da Coruña. A xulgar polos aplausos, de haber un premio do público sen dúbida iría parar a Nani Matos por Dies dei, melodrama rodado na Guarda con Mela Casal e Xan Cejudo como unha parella de anciáns enfermos.
Era inevitábel que a mellor película recibise o principal premio. Aquele querido mês de agosto é unha obra mestra que transita con imaxinación, humor e ousadía polo camiño que vai do documental á ficción nun relato de amores adolescentes e orquestras de verán absolutamente irresistíbel. O público galego terá unha nova ocasión de ver este filme o vindeiro 30 de xullo no CGAI, coa presenza do director Miguel Gomes e do produtor Luís Urbano. Gomes compartiu o Grande Premio cunha curta de animación, Mi vida en tus manos de Nuno Beato, coproducida por IB Cinema. O xurado salientou ademais cunha mención o outro gran título portugués a competición, Ruínas de Manuel Mozos, premiado no Indielisboa e hai unha semana no festival de Marsella; un traballo austero e rigoroso que viaxa por espazos abandonados e esquecidos para elaborar con eles unha desapaixonada reflexión sobre a memoria e o tempo.
A programación completouse coa homenaxe a Luís Galvão Teles e a recuperación do seu Entremês famoso sobre da pesca no Rio Minho; o ciclo dedicado a Edgar Pera e a presentación de Tanyaradzwa, o novo filme de Alberte Pagán, un autor cuxa pegada convén seguir sempre, mesmo cando non acerta.
Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o 20 de xullo de 2009
A programación completouse coa homenaxe a Luís Galvão Teles e a recuperación do seu Entremês famoso sobre da pesca no Rio Minho; o ciclo dedicado a Edgar Pera e a presentación de Tanyaradzwa, o novo filme de Alberte Pagán, un autor cuxa pegada convén seguir sempre, mesmo cando non acerta.
Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o 20 de xullo de 2009
Ningún comentario:
Publicar un comentario