sábado, 21 de marzo de 2009

Libros que nos fan mellores (e II): "A clase" de François Bégaudeau

Cales son os valores da escola e como facer para que a sociedade os recoñeza? Cal debe ser a función da escola, na hora de Europa e para os decenios vindeiros? Que base común de coñecementos, de competencias e de regras de comportamento, debe prioritariamente dominar o alumnado ao remate de cada etapa da escolaridade obrigatoria? Como debe adaptarse a escola á diversidade do alumnado? Cales deben ser as funcións e as modalidades da avaliación do alumnado, das notas e dos exames? Como ocuparse do alumnado con grandes dificultades? Que relacións establecer entre os membros da comunidade educativa, en particular entre pais e nais e profesorado e entre profesorado e alumnado? Como mellorar a calidade de vida do alumnado na escola? Como definir e repartir os roles e as responsabilidades respectivas do Estado e das colectividades territoriais en materia de educación?

Estas son algunhas das vinte e dúas preguntas que François Bégaudeau formula nun momento determinado do seu libro Entre les murs, que se presenta na edición galega de Xerais co título A clase, que é como se coñece internacionalmente a adaptación cinematográfica que del fixo Laurent Cantet e que levou o pasado ano a Palma de Ouro no Festival de Cannes, a primeira para o cinema francés desde que en 1987 triunfara Maurice Pialat con Baixo o Sol de Satán. Son vinte e dúas preguntas esenciais que deberan ocupar unha posición central no debate público, que expresan dúbidas sobre o funcionamento cotián das institucións educativas, mais tamén, e iso é o verdadeiramente decisivo, sobre o xeito en que a escola se insire na sociedade, sobre o papel que debe cumprir aquí e agora, nun mundo que celebra de boca para fóra a diversidade coa mesma enerxía coa que a combate na práctica.

As preguntas de Bégaudeau nacen da experiencia, do seu paso como docente por un instituto multiétnico de París. Rachando coa representación estereotipada que adoitan dar os medios de comunicación, unha imaxe que moitas veces agacha un tan avergoñante coma perigoso “medo ao outro”, François Bégaudeau non vén contarnos unha historia de adolescentes rabiosos, de bestas salvaxes que necesitan ser domesticadas. Non quere sinalar co dedo culpábeis absolutos porque é ben consciente de que a realidade é sempre complexa e non admite clasificacións taxonómicas moralistas. O escritor presenta de maneira fragmentaria e discontinua escenas da vida diaria dun instituto, desde o traballo na aula até as conversas nos claustros, cun estilo moi áxil e dinámico, sen un fío narrativo convencional, case coma nun documental rodado coa cámara ao ombro.

Bégaudeau retrátase coma un profesor que gusta de enfrontarse dialecticamente aos seus alumnos, que os trata de igual a igual, que non se preocupa por ser politicamente correcto e que por esa razón pode botar man da ironía e a retranca para amosarlles as súas contradicións e os seus prexuízos sen caer no didactismo. A clase é unha obra dialogada case de principio a fin, que amosa con sinceridade e sen complexos tanto as demostracións de elocuencia como a incapacidade dos rapaces para expresar o que quizais quererían dicir, e por iso podemos ver a novela tamén como unha celebración da comunicación e da lingua, da necesidade de posuírmos as palabras necesarias que nos permiten relacionarnos co resto sen estar en inferioridade de condicións.

A escrita de Bégaudeau é sincera e profunda, nin pesimista nin bucólica, e fai do instituto un microcosmos pluricultural que reproduce a maneira de preciso altofalante os conflitos identitarios, os desequilibrios de poder, a desigualdade de oportunidades e as dificultades para integrar o diferente. Un lugar onde poden xurdir situacións xeniais pero que non é capaz de corrixir as inxustizas e en ocasións mesmo contribúe a amplificalas. Un espazo real, en suma, tan bo ou tan malo como a sociedade da que forma parte.

Martin Pawley. Publicado no suplemento Nós de Xornal de Galicia o sábado 21 de marzo de 2009.

Ningún comentario:

Publicar un comentario