sábado, 7 de marzo de 2009

Bruno Ganz ou Jia Zhang-ke

O de Las Palmas non é un festival: son dous. Dunha banda temos o certame con curiosidade polo cinema contemporáneo, pioneiro no recoñecemento a autores como Apichatpong Weerasethakul e capaz de producir retrospectivas memorábeis como a de Chris Marker que puidemos ver no CGAI en 2006. Doutra está o festival mediático que convida a ilustres estrelas de Hollywood coma Tippi Hedren, Susan Sarandon ou Ed Harris, aos que se lles outorga un galardón especial, a “Lady Harimaguada de Honor”, en galas celebradas no espectacular auditorio Alfredo Kraus para felicidade de políticos fascinados polas alfombras vermellas. Os homenaxeados da décima edición que comeza hoxe reflicten á perfección estas dúas tendencias: os flashes dos fotógrafos iluminarán sobre todo os rostros de Vannesa Redgrave e Bruno Ganz, que participa no filme inaugural Der Baader Meinhof Komplex de Uli Edel, e os cinéfilos repararán ademais na visita do director chinés Jia Zhang-ke, un dos preferidos dun festival que premiou en 2005 a fascinante O mundo e lle dedicou o ano seguinte un apartado específico.

Non están os tempos para alegrías orzamentarias así que tamén Las Palmas houbo de apretar o cinto. Algúns ciclos inicialmente anunciados caeron dunha programación sempre excesiva, que se de algo peca é de exceso de ambición. Permanecen a Carta blanca outorgada a Adrian Martin e á redacción de Rouge, o de Craig Baldwin e D-Generaciones II, mostra que compila obras próximas á experimentación e o vídeo-arte, entre elas París #1 do galego Oliver Laxe. A retrospectiva máis potente é a que revisa o último cinema arxentino, coordinada por Jaime Pena. Ademais de La mujer rubia de Lucrecia Martel, filme xa reseñado neste suplemento, poderán verse outros inéditos en Galicia como a obra mestra de Lisandro Alonso Liverpool e a estimulante Iraqi short films de Mauro Andrizzi. Vencellada a este ciclo está a retrospectiva dedicada a Mariano Llinás que reúne os filmes que dirixiu, escribiu e produciu o aínda novo cineasta bonaerense. Complementa a serie de proxeccións a publicación da monografía Historias extraordinarias. El nuevo cine argentino (1999-2008), unha das dúas que lanza este ano o festival xunto ao libro En tránsito de Carlos Losilla, que explora a fértil circulación de creadores entre Europa central e Hollywood a partir dos anos vinte (Max Ophüls, Fritz Lang, Robert Siodmak e Ernst Lubitsch entre outros).

Aquele querido mês de agosto
A sección oficial, coa francesa Un conte de Nöel de Arnaud Desplechin como unha das máximas favoritas, ten este ano a lingua portuguesa de inesperada protagonista: cinco dos dezaoito títulos a competición chegan de Portugal e Brasil. Um amor de perdição de Mario Barroso e Filmefobia de Kiko Goifman veñen avalados pola súa boa acollida o pasado verán no Festival de Locarno. Exhibida na Quincena de Realizadores de Cannes, a magnífica Aquele querido mês de agosto de Miguel Gomes é unha obra esencial para entender algunhas das cousas que están pasando no cinema do noso tempo. Despois de corenta anos facendo películas o brasileiro Júlio Bressane adquiriu a condición de autor de culto trala proxección de Cleópatra en Venecia 2007, e agora concursa en Las Palmas con A erva do rato, inspirada nun texto de Machado de Assis. Pecha o quinteto o incansábel centenario Manoel de Oliveira coa recén rematada adaptación do conto de Eça de Queirós Singularidades de uma rapariga loura.

Martin Pawley. Artigo publicado o sábado 7 de marzo no suplemento de cultura Nós de Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario