A cerimonia de entrega dos Globos de Ouro deixou o pasado domingo un claro gran triunfador: Slumdog millionaire, que venceu nas categorías de mellor filme, director, guión e música orixinal. Nestes casos adoita repetirse o tópico xornalístico segundo o cal os Globos de Ouro son “a antesala dos Oscar”, aínda que basta revisar a historia recente destes galardóns para decatarse de que no que atinxe ao premio gordo, o de mellor película, os gustos da asociación de correspondentes estranxeiros en Los Angeles non coinciden co dos académicos de Hollywood desde 2004. Si hai unha correspondencia moi alta nos apartados de dirección, guión e interpretación polo que cabe pensar que, en efecto, a noite do 11 de xaneiro supuxo un paso decisivo para a fita de Danny Boyle, cuxa triunfal carreira arrancou unhas semanas antes ao ser elixida a mellor do ano polas asociacións de críticos de Washington, Phoenix, Dallas, San Diego ou o National Board of Review. O papel dos colectivos de críticos americanos é realmente moi importante pois son eles os que ao salientaren uns filmes e non outros van restrinxindo a lista de títulos e profesionais con opcións aos premios.
A selección dos candidatos aos Oscars é gremial; non votan todos os académicos en todas as categorías, senón que os actores elixen aos actores, os guionistas aos guionistas e así sucesivamente, coa única excepción do apartado de mellor película no que emiten a súa opinión todos os membros. É unha vez que están definidos os finalistas en cada apartado, na segunda ronda de votacións, cando participa xa a Academia en pleno. Este procedemento xustifica que a mellor pista sobre os Oscars nola dean as candidaturas aos premios dos distintos sindicatos profesionais da industria do cinema americano. As asociacións de directores e produtores escolleron exactamente o mesmo quinteto finalista, no que ademais de Slumdog... aparecen The curious case of Benjamin Button de David Fincher, The Dark Knight de Christopher Nolan, Frost/Nixon de Ron Howard e Milk de Gus van Sant. Estes cinco títulos atópanse tamén entre os finalistas aos premios dos guionistas e catro deles -todos menos a nova entrega de Batman- compiten polo premio ao mellor reparto nos da unión de actores. Boa parte do peixe parece estar, pois, vendido. O único filme capaz de abrirse un oco nesa lista case pechada sería Gran Torino de Clint Eastwood, que está tendo unha cifra de espectadores a priori inimaxinábel para un proxecto coma este de dimensións máis ben modestas.
Non é, desde logo, un ano para recordar. O máis valioso de todos os filmes citados é Milk, mais non deixa de ser unha obra feita por Gus van Sant desde e para a industria na que apenas se albisca a radical xenialidade do autor de Last Days e Paranoid park. The curious case of Benjamin Button é un produto tipicamente oscarizábel, un filme longo que exhibe un notábel esforzo de produción e conta cunha ancianiña lembrando amores do pasado (coma en Titanic), unha historia que se estende ao longo dos anos e permite reconstruír o século XX ianqui (coma en Forrest Gump) e as sacrificadas actuacións de Brad Pitt e Cate Blanchett, maquillados até resultar case irrecoñecíbeis durante boa parte da metraxe. Mais Benjamin Button non é unha obra sinxela e exultante, desas que deixan bo corpo, e quizais por iso os académicos acaben optando polo romanticismo adolescente e a caduca modernidade de Slumdog millionaire, cunha estética que remite a Cidade de Deus e unha concepción perralleira do multiculturalismo. O cinema de verdade está aí fóra, para quen o queira ir buscar.
Martin Pawley. Publicado o sábado 17 de xaneiro en Nós, suplemento de cultura do Xornal de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario