luns, 14 de decembro de 2015

Entrevista a Xurxo González: "Estas imaxes certifican a instrumentalización da figura de Castelao"


Falamos con Xurxo González a conta do vídeo-ensaio Chegada dos restos de Castelao. A perda da inocencia no relato da Transición:

Cal é a orixe deste videoensaio?
O punto de partida foi participar no Congreso Internacional da Universidad Carlos III de Madrid que levaba por título “El cine y la televisión en la España de la post-Transición (1979-1992)” que se celebrou os pasados días 10 e 11 de decembro. O interesante deste evento académico é que ademais das tradicionais comunicacións tamén aceptaban videoensaios. Experimentar con este formato foi o que nos animou a presentar a nosa proposta. E foi así como fixemos este videoensaio a seis mans: Fernando Redondo, Isabel Sempere e eu.

En que consiste un videoensaio?
Pois é unha nova ferramenta que tanto a crítica cinematográfica como a investigación académica están comezando a empregar para analizar textos audiovisuais. Nos videoensaios prodúcese unha confluencia onde a linguaxe audiovisual serve para investigar os textos feitos con este medio. Os videoensaios son unha especie de confluencia entre as posibilidades que dan os menús dos dvds e cd-rom e as novas variantes da creación web-docs. Ás imaxes a estudio pódense cambiar de orde, de velocidade, pódense repetir e fragmentar os planos, engadir comentarios, extractos doutras obras, fotos, sinais, voces… Atopámonos cunha ferramenta moi flexible e didáctica que chega moi rápido e dunha maneira directa ao espectador.

Por que escollestes as imaxes da "Chegada dos restos de Castelao a Bonaval"?
Queríamos unhas imaxes senlleiras da Transición que aconteceran en Galicia e probablemente non haxa ningunha outra máis representativa. A chegada dos restos de Castelao a Bonaval facía conectar os anos 80 co pasado: coa deriva do nacionalismo, coa República, a Guerra Civil, a posguerra e a Transición. Neste texto audiovisual os significados dispáranse dunha maneira incrible.


Que podemos atopar nestas imaxes?
Pois nos apenas sete minutos que analizamos acontecen moitas cousas e os seus significados se irradian historicamente. Vemos como a RTVE-G fixo un despregamento técnico incrible para a época. Que se agardaba que todo transitase dunha maneira solemne acorde co acto. Mais a fricción entre o público que agardaba a comitiva e a policía fixo que todo saltara polos aires e cambiasen os plans.

A que conclusións chegastes?
A maior conclusión é que había un intento de facer unha lectura histórica de todo o que aconteceu cunha figura de tan capital importancia como foi Alfonso Rodríguez Castelao. Isto constátase en como estaba organizada a retransmisión televisiva, a escala da mesma, o espallamento de cámaras, as composicións, os movementos, a voz over... Mais non só é a linguaxe empregada, senón que unha vez se produce o conflito o realizador amosa inquietude e improvisa sobre o que sucede. Nestas imaxes vese como o presente daquela altura devora o pasado e vese como as feridas se revelan nas imaxes.


Quedaron cousas no tinteiro?
A verdade é que si. Falar da rede de video-cámaras que había en Galicia e que lle pasaban as imaxes a RTVE-G, de como foron as negociacións para a coordinación do evento, o que sucedeu en Lavacolla, das presións do Delegado do Goberno en Galicia a Alexandre Cribeiro para que cortase a emisión, do artigo de Novoneyra que relata Navaza e ao final non se publicou, das reaccións dos medios e da sociedade, do que lle sucedeu a Navaza... En fin, todas estas vías quedarán para unha segunda entrega (sorrisos).

Tendo en conta isto pódese dicir que houbo un intento de edulcorar o que se chama Transición?
Este intento é máis que obvio cando se fixo unha Transición sen aplicar ningún tipo de reparación histórica. Todo se deseñou en prol da futura convivencia pacífica. Neste fragmento de imaxes notamos que algo se escapou do guión establecido. Tras xurdir a represión policial a retransmisión en directo podíase suspender mais continuou. As imaxes e a voz over de Tereixa Navaza compleméntase de maneira prodixiosa e verídica. E finalmente están as consecuencias profesionais de Cribeiro e Navaza, o primeiro cesado e a segunda “apartada”.

Polo que pasou deostouse moito ao nacionalismo galego?
Probablemente este suceso sexa o feito máis gráfico do porqué o nacionalismo galego estivo sempre tan estigmatizado, histórica e socialmente. Estas imaxes certifican a instrumentalización da figura de Castelao. Malia esta constatación o nacionalismo non se puido arredar de certa demonización. Os seus principios militantes chocaron de fronte contra a asepsia que defendeu a Transición. Asemade, visto todo desde os ollos de hoxe a todos os partidos políticos faltoulle altura de miras para chegar a acordos sobre a organización dun evento tan importante. A modo de curiosidade, o vídeo que analizamos permite lecturas contemporáneas sobre o que esta acontecer ao día de hoxe coas distintas interpretacións sobre a identidade nacional de Galicia.

Houbo series de televisión que abordaron este período tanto en España como en Galicia baixo un prisma histórico. Credes que é preciso unha relectura?
O que houbo foi un último intento de validar un proceso político que fai auga desde fai moito tempo. En La Transición, de Victoria Prego, vese o prisma da crónica xornalística. En Galicia na Transición, de Justo Beramendi, ofrecía un maior desencanto grazas a un punto de vista de ensaio histórico. Mais estas series procedían da televisión pública e nestes discursos non se podían evidenciar moito as fisuras.

Hai moita diferenza entre a televisión daquela altura e a da actualidade?
Na actualidade hai máis oferta televisiva e mais calidade técnica. A diferencia é moita. Mais o maior lastre segue presente. Se antes había dirixismo político hoxe tamén o hai mais ante todo hai submisión aos intereses corporativos dos grupos de comunicación.

No vídeo comentades a dificultade de chegar a ese material. Credes que se están instrumentalizando os arquivos?
Fixemos un prólogo onde contextualizamos o proceso de conseguir as imaxes. Nel indicamos todas as portas que tocamos para conseguir unha copia respectable. Mais os atrancos foron numerosos. Nós estudamos os arquivos de RTVE-G. Nel atópanse verdadeiras alfaias mais esta institución agora se comporta máis como unha empresa privada que como un servizo público.

En que condicións se atopa o arquivo de RTVE-G?
Hai máis dunha década estivemos traballando na súa catalogación grazas a un proxecto de colaboración entre RTVE-G e o Consello da Cultura Galega. Mais aquel interese e o proxecto mesmo esvaeuse teoricamente polos recortes. Unha mágoa porque nese arquivo existen documentos imprescindibles da nosa historia que están ameazados seriamente polo frío e a humidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario