por Elena García Román
A tarefa de escoller, case tan difícil coma estimulante, ponme nunha
liña de saída alentadora. Dúbidas e indecisións, así como certezas e
afirmacións, foron dando forma á miña listaxe, e ao final estas son as
elixidas.
Paulina (Santiago Mitre)
É unha desas
películas aparentemente sinxelas, que presenta temas como a loita de
clases sociais, a pobreza ou a violencia. O que a fai diferente, o que
nos chega dela, é a grandeza da súa personaxe principal. Dolores Fonzi
busca desafiar tanto as nosas conviccións como a nosa capacidade de
compresión e empatía.
The Lobster (Yorgos Lanthimos)
Comedia?
Firme crítica sobre eses roles establecidos por unha sociedade que nos
vai engulindo. A pregunta é se somos quen de asumilos ou preferimos
pola contra rebelarnos. Sermos capaces de ter valor coma individuos ante unha total inmersión dentro dun grupo que nos ordena e clasifica,
podería ser a resposta.
The Assassin (Hou Hsiao-Hsien)
Con
esta película chegou a exuberancia, o pracer estético, a beleza. Nela o
peso da tradición serve para poder desenvolver unha evocación
postmoderna dentro das artes marciais. Só hai un fin, deixarse levar
pola simbiose perfecta entre o fluír do tempo e o palpitante cromatismo.
La academia de las musas (José Luis Guerín)
É
a evocación da palabra, do seu uso e mal uso. Da súa autoridade e
tiranía. Así tamén, a complicidade co espectador, valéndose dunha corda
que aínda que se tense por momentos, vai deixándose afrouxar grazas os
nosos tímidos sorrisos. Sen dúbida, o valor da linguaxe en estado puro.
As Mil e Uma Noites (Miguel Gomes)
Esta
triloxía invadiume. Baixo a batuta de Sherezade, a orixinalidade desta
historia navega dende o máis obvio ata o máis etéreo. Firme, decidida e
atrevida proposta de Gomes, que ten o Portugal actual como pretexto para
inquietar, desolar e encantar, tal e como indican os títulos dos seus
tres volumes.
Saír do cine cunha frase gravada na cabeza, usada
case a modo de mantra "Oh venturoso rei", sen poder desprenderte dela en
días... Poucas son as películas que nos hipnotizan así, poucas as que
son capaces de deixar ese pouso calmo tinxido de desasosego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario