Cinema nas marxes, alternativo, periférico, alterado. Un cinema novo e
sobre todo un cinema que é “outro”. Nos últimos anos escribíronse miles e
miles de caracteres para describir e poñerlle nome á efervescencia
dunha creación fílmica española non sometida (ou menos sometida) á
tiranía das necesidades e convencións da industria, do que o mercado (e
especialmente a televisión) tolera como asumíbel ao sur dos Pireneos.
Mais o caso é que -quitado Almodóvar- a gran maioría dos autores
españois que conseguiron difusión e recoñecemento mundial en época
recente encaixan dentro dese cinema que chaman “outro”, de Albert Serra a
Lois Patiño. Non será hora de ir asumindo xa que o “outro” é realmente o
“primeiro”, o centro, o corazón dun sector vivo no artístico mais
martirizado pola crise económica e as políticas culturicidas?
Os
modelos de produción de hai vinte anos son hoxe unha quimera. Para
sobrevivir é preciso multiplicar o talento e reducir o equipo ao mínimo.
Medra a vontade de risco, feito obrigado agora que as tendencias se
propagan a toda velocidade e o gran sucesso nun festival pode ser unha
moda vella dúas tempadas despois. Unha cámara e un ordenador son
suficientes para realizar un filme e iso facilita traballar sen límites
co tempo e con material narrativo persoal, mesmo íntimo. A non ficción
ábrese camiño coma territorio de liberdade e experimentación e obtén,
por fin, o espazo de visibilidade que merece. De paso, convida ao
espectador a cuestionar os seus prexuízos: canto hai na non ficción de
construción, de invención por parte do autor? Que nos importa máis, a
carga de realidade ou a carga de verdade que hai nun filme?
Martin Pawley. Texto escrito para o Porto/Post/Doc (Porto, 1-8 de decembro).
Ningún comentario:
Publicar un comentario