venres, 2 de agosto de 2024

Un cinema comercial galego?

Fotograma de "Anatomía dunha caída" (Justine Triet, 2023). Fonte: Elástica Films.

O Ministerio de Cultura divulgou a mediados de maio a "Estadística de Cinematografía 2023", que pode consultarse no seu sitio web. Por terceiro ano consecutivo medrou a visita ás salas de cinema cun total de 76,7 millóns de entradas vendidas o ano pasado, un incremento próximo a 30% respecto dos 59,1 millóns de 2022. Son datos esperanzadores, mais tamén é xusto recordar que estamos lonxe dos anos previos á Covid, con picos por riba dos cen millóns. Un 17,5% das persoas decidiron ver filmes de nacionalidade española e outro 60%, filmes estadounidenses. 

Os ingresos na billeteira sumaron o ano pasado 493 millóns de euros, que, dividido polo número de entradas citado, permítenos obter o prezo medio de ver un filme en pantalla grande: 6,4 euros, un valor semellante ao que había a comezos da década dos 10. Cada quen terá a súa propia valoración sobre se ir ao cinema é caro ou non, mais o certo é que o custo é o mesmo de hai catorce anos, un tempo no que outros bens de consumo e actividades de lecer incrementaron moitísimo máis o seu prezo.

Segundo informa o Ministerio, en España resisten 744 cinemas que ofrecen un total de 3.608 pantallas. Galiza achega 38 cinemas e 183 pantallas. No noso país vendéronse o ano pasado 3,2 millóns de billetes cunha recadación conxunta de 20,1 millóns de euros. Eses números colócannos por debaixo de Madrid (15 millóns de entradas), Cataluña (13,8 millóns), Andalucía (12,2 millóns), Comunidade Valenciana (8,9 millóns) e Euskadi (3,7 millóns) e empatados con Castela e León e Canarias. A suma de Madrid e Cataluña representa xa un 40% do negocio no Estado Español.

En 2023 exhibíronse 2.357 filmes, dos cales 728 foron estreas, o que nos dá unha media de 14 novas películas por semana. Non é de estrañar que unha inmensa cantidade delas pasen inadvertidas para a maioría da poboación. No fondo do pozo, títulos como a produción hispanocolombiana Besos negros de Alejandro Naranjo, cuxa non moi estimulante sinopse ("Un exorcista romántico tenta curar unha muller traizoada. Un feiticeiro satánico gay proponlle matrimonio ao seu noivo celoso") permitía anticipar un calamitoso resultado: segundo os datos oficiais do ICAA, dous espectadores e 11,80 euros de recadación.

Unha conta interesante é dividir as entradas vendidas na Galiza pola súa poboación para obtermos o número de filmes vistos en sala por persoa e ano, que no noso caso anda por 1,2, un 25% inferior á media española e que deixa por debaixo de nós unicamente a Castela-A Mancha, Estremadura e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Estados Unidos multiplica por dous a nosa cifra. A solidez da industria de Hollywood aséntase nunha notábel fidelidade do público local, aínda que tamén alí parezan dificilmente recuperábeis os números prepandémicos, con tempadas de até 1.300 millóns de entradas vendidas e, en consecuencia, case catro filmes por persoa e ano. Convén recordar, iso si, que nos anos 30 e primeiros 40 no xigante norteamericano vendíanse máis de trinta entradas per cápita cada ano, un dato fabuloso que caeu en picado após a Segunda Guerra Mundial coa chegada da televisión aos fogares.

Volvo ao dato dos 3,2 millóns de asistentes ás salas na Galiza, que equivale a un 4,17% do total no Estado Español. Aínda que a realidade exixe, con certeza, moitos máis matices (por exemplo, o público galego é cla- ramente maioritario en películas como Matria ou O corno), como exercicio mental poderiamos aceptar que un filme promedio ten en Galiza un 4% da súa audiencia. A obra mestra de Nanni Moretti O Sol do porvir vendeu arredor de 84.000 entradas, das que corresponderían 3.500 ao noso país. Gañadora da Palma de Ouro en Cannes e un Oscar ao guión, Anatomía dunha caída de Justine Triet acumula a sensacional cifra de 378 mil billetes, dos que nos tocarían a nós 16 mil. Son cálculos imprecisos, abofé, mais serven para que nos fagamos unha idea da escala local do negocio. Un filme de inmenso éxito pode facer en Galiza douscentos mil espectadores e unha caixa por riba do millón de euros a repartir entre as salas, a distribuidora e a produtora. Parece moito diñeiro, mais con iso "só" non se paga un filme medio (xa non digamos unha grande produción). Crer que hai espazo para un cinema comercial galego de autoconsumo é e vai ser sempre unha quimera. A sustentabilidade do cinema de noso depende, como en todo o mundo, dun forte apoio público e da distribución internacional. A aposta pola calidade adoita ser sempre máis rendíbel, tanto en termos culturais coma económicos.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente no Nós Diario, 15 de xuño de 2024, sábado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario