sábado, 27 de xullo de 2024

Curtas, a constancia dun soño

O “Curtas”, Festival Internacional de Cinema, converte cada mes de xullo Vila do Conde nunha cita cultural ineludíbel grazas a unha programación de alta calidade e unha capacidade permanente para evolucionar e adaptarse ao estado da creación fílmica e as formas artísticas asociadas. Unha longa conversa cos seus tres directores actuais, presentes desde a primeira edición, permítenos analizar o modélico crecemento dun certame cuxa influencia no prestixio internacional do cinema portugués ninguén cuestiona.

De esquerda a dereita, Miguel Dias, Martin Pawley, Nuno Rodrigues (de costas) e Mário Micaelo.
Imaxe: João Brites / Curtas Vila do Conde

Vila do Conde é unha freguesía de 29 mil habitantes que aprendeu a proxectarse ante o mundo coma o máis acolledor fogar para o cinema de curta duración. O “Curtas”, visita obrigada para a cinefilia, naceu en xuño de 1993 co impulso dun xove equipo de dirección formado por Miguel Dias, Rui Maia, Mário Micaelo, Dario Oliveira e Nuno Rodrigues. Miguel, Mário e Nuno mantéñense aínda á cabeza dun festival que completou a pasada semana a súa edición número 32, sen interrupcións; mesmo no ano da pandemia, 2020, conseguiron celebralo por máis que fose nunha data inusual, no mes de outubro fronte ao xullo habitual. Compartían desde moi novos unha paixón polo cinema que se alimentaba das proxeccións nos cineclubs -eles propios reviviron o cineclub vilacondense, que fora fundado a mediados do século XX- e as salas alternativas, incluída a sala Bebé do mítico Batalha no Porto, agora renacido, mais tamén por medio dos ciclos de televisión da RTP2 que daban conta da obra de grandes cineastas. O país pechado e gris da ditadura abre as xanelas en abril de 1974; desaparece a censura previa e as salas énchense con filmes que durante anos estiveran prohibidos. “Entre Vila do Conde e Povoa de Varzim chegou a haber seis salas de cinema”, recorda Miguel Dias, e aínda que as oportunidades non fosen as mesmas que tiña un espectador lisboeta, a riqueza dos títulos que chegaban ás pantallas comerciais comparada coa de hoxe parece case unha quimera.

Unha influencia fundamental foi o histórico festival da Figueira da Foz, un destino de descubrimentos fílmicos, conversas e debates que recordan caótico na súa organización -”a xente nunca sabía o filme que ía pasar á noite”, conta Mário- mais presentaba unha espléndida programación que, ao estilo do que facía no Estado Español o de Benalmádena pola mesma altura, apostaba pola diversidade e a audacia (...)

Martin Pawley. Artigo completo publicado no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 27 de xullo de 2024. As persoas subscritoras poden lelo en liña neste enderezo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario