2720 (Basil da Cunha, 2023) |
Ao longo de tres décadas o Curtas converteuse nunha referencia ineludíbel para avaliar o estado do cinema ao sur do Miño, e a edición que comeza este sábado non é unha excepción. No escaparate principal a selección portuguesa non vén, é certo, tan poboada como outros anos de nomes consagrados, mais os bos festivais deben ser lugares para o descubrimento, non só para o recoñecemento. Algúns nomes, porén, si son vellos coñecidos. É o caso de Basil da Cunha, vencedor en 2010 con A Côté e en 2012 con Os vivos também choram, que regresa coa espléndida 2720, título que alude ao código postal da Reboleira, unha freguesía do concello da Amadora, Distrito de Lisboa. Dúas historias corren en paralelo na mañá seguinte a unha batida policial: unha nena, Camila, busca o seu irmán Igor, e un mozo, Jysone, intenta non chegar (demasiado) tarde ao seu primeiro día de traballo despois de varios anos no cárcere. Os seus camiños crúzanse en virtuosísimos planos secuencia que percorren o lugar todo; a cámara avanza polas rúas estreitas e entra e sae das casas para dar conta dun bairro activo e animoso. Lonxe do esteticismo da miseria, da “cosmética da fame”, Basil da Cunha comprende, comprendeu sempre, que a xusta reivindicación social e política é compatíbel cun retrato cariñoso da vida en comunidade, e iso fala ben del como director e como ser humano.
Estreada na Semana da Crítica de Cannes, Corpos cintilantes de Inês Teixeira é unha grata sorpresa que esquiva os tópicos máis comúns dun relato de primeiros amores e coming of age adolescente. Mariana, unha rapaza de 16 anos, é invitada a pasar un fin de semana en Leiria na casa dun compañeiro de aulas, Jorge. As preguntas arredor das expectativas que xorden do convite alentan unha nova percepción do corpo propio e os corpos alleos; alentan, pois, o desexo erótico, mais tamén as inseguridades inherentes a ese mundo novo. A aceptación, e até a afirmación, dese desexo, da beleza de amar, en suma, exprésase con intelixencia e elegancia nos minutos finais, mesmo a través dun fermoso plano dun vaso con flores.
Natureza humana de Mónica Lima, que foi premiada en xaneiro no festival de Rotterdam, lida coas preguntas derivadas do confinamento da COVID-19, unha crise que pareceu capaz de transformalo todo. Canda as inquedanzas globais estiveron as inquedanzas persoais, que se expresan na parella protagonista nas dúbidas ante a maternidade e a paternidade nun tempo incerto. Paga a pena destacar, ademais, dúas animacións, Sopa fria de Marta Monteiro, coa violencia machista como asunto central, e a máis fascinante Quase me lembro de Dimiti Mihajlovic e Miguel Lima, que medra na memoria pola súa sutil exploración das culpas aínda non asumidas do pasado colonial.
Un dos directores máis claramente asociados á historia do Curtas, Sandro Aguilar, tamén un dos meus preferidos, abofé, presenta na competencia experimental Exotic Words Drifted, que manipula as imaxes e a banda sonora do melodrama noir clásico Leave Her to Heaven, dirixido en 1945 por John M. Stahl con Gene Tierney e Cornel Wilde á cabeza do elenco. A viraxe da cor orixinal a un negativo saturado reforza unha sensación de estrañeza que, ao estilo dos traballos de Martin Arnold, transforma un melodrama canónico en pura (e gozosa) abstracción.
Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 8 de xullo de 2023, sábado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario