Durante o século XX o número de votos recibidos contábase por ducias e iso non favorecía a diversidade da mostra. Cada nova entrega traía entradas e saídas, subidas e baixadas, mais o retrato xeral debuxaba un canon estábel, cun líder sólido e varios nomes fixos que serviron de “santoral” cinéfilo para varias xeracións. Mais ese santoral pecou sempre dunha insá querenza por Occidente. En 2012 a revista quixo ampliar o foco cunha ampla consulta a 846 membros da crítica e a programación. Na listaxe final de cen filmes Cidadán Kane cedía o primeiro posto a Vértigo e o maior número de ocos facilitaba a presenza de autores contemporáneos clave: Godard, Béla Tarr, Kiarostami. Porén, a variedade xeográfica medraba menos do desexábel e o cinema seguía parecendo un labor de homes, con Chantal Akerman e Claire Denis coma honrosas excepcións.
Jeanne Dielman, 23, quai du Commerce, 1080 Bruxelles (Chantal Akerman, 1975 |
Era obvio que a enquisa de 2022 requiría outra expansión, até 1639 participantes. Houbo un cambio radical no primeiro posto, ocupado agora por Jeanne Dielman de Akerman, poderoso retrato das rutinas domésticas como símbolo da alienación e a opresión das mulleres. Mais a elección foi obxecto de certa controversia. O director Paul Schrader veu dicir que o valor das listaxes residía na súa lenta transformación: os consensos fabrícanse só co andar do tempo e os cambios abruptos restan credibilidade. Non lle falta razón como idea xeral, mais é difícil ignorar que esa mensaxe xorde xusto cando hai unha directora á cabeza. Na revista Caimán Carlos F. Heredero escribiu con acerto que este canon (ou calquera canon) fai unha radiografía non tanto da historia do cinema como de quen vota, a elite que analiza tendencias de dez en dez anos. Eu engadiría que tamén revela as limitacións inherentes ao procedemento de consulta. É sinxelo poñerse de acordo en cal é a mellor película de Charles Laughton (porque só fixo unha, maxistral, A noite do cazador); non o é tanto con John Ford, se ben Centauros do deserto pode ser, entre as súas moitas obras mestras, unha solución de consenso. É máis incerto o acordo con Godard, e é imposíbel con Stan Brakhage, autor de centos de filmes experimentais con duracións que oscilan entre uns poucos segundos e varias horas. Por outra banda, non se pode falar do que non se ve, así que aínda que hoxe poidamos acceder a obras que no pasado non escapaban das fronteiras nacionais, o feito é que segue sendo moito máis fácil ver (e xa que logo votar) películas de David Lynch que de Med Hondo. De feito, entradas tan gratificantes como Sambizanga de Sarah Maldoror ou Pyaasa de Guru Dutt explícanse pola existencia recente de copias restauradas.
E a tal diversidade, abonda? Que haxa máis cineastas estadounidenses coa pel negra que cineastas de toda África, non revela un peso excesivo da crítica anglosaxoa? É unha boa nova que saian máis directoras, si, mais case todas veñen duns poucos países e das últimas décadas. Non había mulleres dirixindo na primeira metade do século XX? Na listaxe inicial de cen filmes estaba escandalosamente ausente o cinema latinoamericano, cousa que se paliou en parte coa publicación dunha versión estendida de 250 onde ademais encontran sitio Hawks, Sirk ou Buñuel, mais nin así collen William Wyler, Dorothy Arzner, Ida Lupino, Kinuyo Tanaka, Glauber Rocha, Paulo Rocha, Bob Fosse, Lino Brocka, Souleymane Cissé ou Barbara Hammer. Confiemos en que algunha falta se corrixa en 2032. Ou aceptemos, sen máis, que hai mil filmes posíbeis para cada listaxe de cen.
Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 15 de febreiro de 2023, cuarta feira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario