O cinema, desde que existe, vén falando de si mesmo para relatarnos as súas grandezas e miserias, as revolucións tecnolóxicas e os cambios nos usos e costumes sociais arredor da experiencia de ver películas. Por iso resulta tan estraño que a mutación radical que vivimos na segunda década do século XXI, a desaparición do soporte fílmico en favor do dixital, estivera tan ausente das historias que nos contaron as pantallas. Chhello Show (en España, La última película) revélase como unha excepción notábel. O filme de Pan Nalin fai explícita a substitución, na sala onde transcorre unha parte esencial da acción, dos vellos proxectores de 35 mm por un sistema dixital. E como obxectos materiais que son, todos os elementos propios da reprodución analóxica son susceptíbeis de reciclaxe: o metal das máquinas da cabina servirá para fabricar culleres, o plástico dos rolos de película renacerá en forma de pulseiras de cores.
Chhello Show é unha felícisima sorpresa, un tributo ao cinema que dialoga, sen prexuízos, cos seus referentes máis nobres, incluído, como non, Satyajit Ray. Mais, e isto é o verdadeiramente importante, a homenaxe que nos brinda Pan Nalin -e que se ergue sobre a súa propia biografía- non cae xamais na melancolía reaccionaria, na saudade dun pasado irrecuperábel. Antes polo contrario, é un exultante canto á curiosidade e a creatividade, a que leva ao neno protagonista, Samay, a preguntarse polos fundamentos do cinema. Na súa primeira vez nunha sala para ver un filme relixioso, o único que o seu pai, en principio, lle deixará ver, Samay ponse de costas á pantalla para mirar non as imaxes senón o feixe de luz que as proxecta. Ese simple xesto lévanos ao Arnulf Rainer de Peter Kubelka, unha película que se pode ver sen mirala, ou, como fai o pequeno, mirando o proxector: o cinema como combinación atinada de luz e escuridade, de son e silencio. Fascinado pola súa descuberta, Samay irá explorando toda sorte de estratexias para entender o misterio das imaxes que forman historias, para comprender como cambia a paisaxe cando lle impoñemos os límites que definen un plano ou a miramos con filtros de cores, para aprender a física da luz. As investigacións de Samay non difiren moito das de Stan Brakhage, e de feito durante boa parte da metraxe Chhello Show podería considerarse unha película experimental para públicos de todas as idades, inxenua, emocionante e intelixente.
Martin Pawley
Moitas grazas !!!
ResponderEliminar