por Miguel Castelo
Foi en 1984, hai trinta e seis anos, parece mentira, cando souben da existencia de Daniel Domínguez, Seino ben, malia que me bailan os anos e adoito recorrer a fontes documentadas para non me trabucar á hora de escribir, porque facía eu parte do equipo da Dirección Xeral de Cultura, que comandaba Luís Álvarez Pousa. Foi aquel un tempo de realizacións e de esperanzas no que, entre outras moitas cousas, se instituiron as axudas á produción audiovisual, daquela nomeadamente cinematográfica. Primeiro en alianza e logo en solitario, Daniel Domínguez optou a elas e fóronlle concedidas. Houbo algún momento no que principiou o trato persoal -se cadra nas Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia, no Carballiño- e deseguido fómonos vendo nas distintas convocatorias e xuntanzas que sobre o que nos unía, o cine, se ían celebrando en distintos lugares da comunidade. Foi en 1991, cando se trasladou á A Coruña para desempeñar a función de profesor de Historia do Cine e Guión na recén estreada Escola de Imaxe e Son, EIS, cando os nosos encontros foran máis frecuentes, de modo principal nas proxeccións e outros actos do Centro Galego de Artes da Imaxe, CGAI, aos que asistía na compaña da súa compañeira, Ángeles.Lanzal, de loiro cabelo crespo, Daniel ofrecía sempre no seu rostro agrazado un aceno amable e cordial. Educado e prudente, virtudes non sempre frecuentes, adoitaba falar desde a sensatez e o coñecemento. A súa competición era consigo propio. Caía ben. Cantos o trataban en proximidade mantiñan tal opinión. O alumnado todo que durante oito anos pasou polo centro de ensino audiovisual coruñés de Someso falaba marabillas del. Cando, logo de botar un tempo dando aulas para o Graduado Escolar para Adultos, en Porriño, retomou a praza de profesor de Primaria da que estaba excedente, unha das tarefas que máis o gorentaba, deixaba atrás de si un ronsel de bo facer e gratos recordos. Mais, antes disto, aportou a súa sabedoría de guionista en Voz Audiovisual para series de éxito da TVG como Mareas vivas, Terra de Miranda, As leis de Celavella ou Miña sogra e máis eu, da que foi creador co seu íntimo colaborador e amigo, Raúl Dans.
Espectador incansable e lector impenitente, os filmes e os libros eran o seu bálsamo no refuxio da súa casa familiar de Teira, pequena localidade do concello de Corrubedo. Ali tamén dedicaba tempo ao seu blogue, La Escuela de los Domingos, incesante discurso, agora fatalmente interrompido, acugulado de observacións cheas de interese arredor da literatura, o cine e a vida. A este importante contributo, únese con toda xustiza Río de Sombras, adaptación do relato O Suso, de Xosé Luis Méndez Ferrín, se cadra (malia os atrancos da produción) o filme máis logrado daqueles anos. Moitas grazas sempre, Daniel, por tan estimulante legado.
Imaxe: Daniel Domínguez. Fonte: twitter da Academia Galega do Audiovisual.
Ningún comentario:
Publicar un comentario