Algie the Miner (Alice Guy-Blaché, 1912) |
De secretaria a directora
Gaumont non tardou en comprender que a súa empresa debía orientarse tamén a ese negocio. E mal non lle foi, até o punto de que a produtora segue en activo e presume de ser a máis antiga do planeta, facendo películas “desde que o cinema existe”, como reza o seu lema. Nesa tarefa Alice Guy pasou a ter unha participación fundamental: a secretaria converteuse en realizadora cunha primeira curta xa en 1896, A fada dos repolos. Desde ese momento e até 1906 dirixiu ou supervisou directamente a creación de varios centos de filmes como xefa de produción da compañía, ensaiando diversas técnicas, trucos e rexistros artísticos, desde as típicas “danzas serpentinas” a, sobre todo, as ficcións breves en ton de comedia, como A boa absenta (1899) ou Cirurxía fin de século (1900), mais tamén obras non narrativas que exploraban puramente o pracer visual das imaxes, como Efectos do mar (1906).
Os filmes foron gañando minutos de duración e iso permitía alardes de produción como a media hora d’A vida de Cristo (1906), con grande variedade de escenas e decorados e multitude de extras. Fronte ao ton necesariamente grave da paixón de Cristo, resulta máis gozosa a contemplación de curtas máis leves e retranqueiras como As consecuencias do feminismo, As xerarquías do amor ou a divertidísima O piano irresistíbel, feitas nuns anos nos que tamén ensaiou o uso do son sincronizado en grande número de “fonoescenas” que deixaron rexistrado para sempre o oficio de artistas de variedades célebres en Francia na época como Felix Mayol ou Dranem.
En 1907 Alice Guy casou cun compañeiro da compañía, Herbert Blaché. A parella emigrou aos Estados Unidos para facerse cargo dunha franquía da sección dedicada ás curtas sonoras, Cronophone. A poderosa influencia de Edison foilles poñendo atrancos á produción e por culpa diso o estudio americano da Gaumont quedou infrautilizado, o cal foi a escusa perfecta para que Alice e Herbert máis un terceiro socio, George A. Magie, fundaran unha nova produtora, The Solax Company, para faceren filmes mudos. O éxito inicial permitiulles pronto crear o seu propio estudio.
O esplendor da Solax
A Solax viviu só uns poucos anos de prosperidade mais deixaron como resultado un boa colección de títulos notábeis, desde Un parvo e o seu diñeiro, quizais o primeiro filme cun elenco integramente formado por actores e actrices afroamericanos, ao memorábel melodrama Follas que caen, cunha moza enferma de tuberculose que recibe un diagnóstico fatal: o médico anuncia que morrerá “antes de que caia a última folla”. A irmá da enferma, moi pequecha, escoita a prognóstico e interprétao literalmente, e así cando ve caer as primeiras follas no xardín intentará frear a morte na familia pegándoas de novo ás árbores, un xesto inxenuo e poético que precede ao (máis científico) final feliz.
Ademais destas dúas películas, as sesións que o CGAI dedica a esta etapa americana de Alice Guy-Blaché permitiránnos ver outras mostras da diversidade e o compromiso crítico coas inxustizas e en favor da igualdade característico da cineasta, das que son bo exemplo Facéndose cidadán americano, O alto custo da vida ou O límite de velocidade do matrimonio. En 1920 estreou o seu derradeiro filme, a longametraxe Reputacións lixadas, hoxe perdida; desde entón non volveu a dirixir. Regresou a Francia, onde permaneceu máis de corenta anos, e só contra o final da súa vida estableceuse de novo nos Estados Unidos, onde morreu en 1968, aos 94 anos.
'49 - '17 (Ruth Ann Baldwin, 1917) |
Dramas sociais, comedias e un "metawestern" revolucionario
Soa ou en parcería co seu marido actor Philips Smalley, Lois Weber (1879-1939) fixo carreira como directora tocando a miúdo asuntos polémicos que procuraban fomentar o debate social, como a pobreza e a prostitución en Zapatos (1916) e o aborto en Onde están os meus fillos? (1916). Dela veremos unha longametraxe de 1921, O borrancho, coa desigualdade económica como fondo.
A filmoteca recordará tamén a Mabel Normand (1892-1930), actriz e directora de comedia de éxito que mesmo compartiu escenas con Charles Chaplin. A súa estrela declinou nos anos 20, golpeada por escándalos que lle tocaron de perto como os xuízos pola violación e morte de Virginia Rappe que acabaron coa carreira, malia non ser condeado, de “Fatty” Roscoe Arbukle, compañeiro de Mabel en varios filmes, ou o asasinato do director William Desmond Taylor. Non axudaron os recorrentes problemas de saúde derivados da tuberculose, que acabou matándoa aos 37 anos de idade.
Mais a maior revelación do ciclo é con certeza Ruth Ann Baldwin, da que se conserva unha única longa como directora, a sensacional ’49-’17. Un xuíz adiñeirado e con saudades da febre do ouro de 1849 encárgalle a un empregado que atope unha vila que manteña o espírito daqueles tempos. Na súa busca dará cuns actores que fan un espectáculo ao estilo do vello oeste, aos que fichará para que actúen como se estivesen a mediados do XIX. Asombra o hábil xogo de Ruth Ann Baldwin sobre os estereotipos dun xénero, o western, que nese 1917 aínda se estaba inventando. Pouco máis sabemos desta directora. Traballou como guionista para a Fox e Metro entre 1919 e 1921 e uns anos despois perdéselle a pista: nin sequera se sabe en que ano morreu.
Martin Pawley. Artigo publicado orixinalmente no xornal Nós Diario o 10 de marzo de 2020, terza feira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario