Cando estudaba no Centro de Capacitación Cinematográfica de México, a directora Eva Villaseñor (Aguascalientes, 1986) sufriu un brote psicótico. Un bo día, en plena aula, empezou a comportarse de forma estraña; decontado foi evidente que precisaba axuda médica. Conseguiu superar a crise co apoio da súa familia e dunha terapia por electrochoque, mais permanecía moi vivo ese buraco da súa vida, ese oco na memoria.
Para entender ben o que pasou Eva Villaseñor valeuse do cinema. Fixo dese buraco doloroso unha película. Reconstruíu ese período de ausencia por medio de tres entrevistas filmadas en plano fixo, fascinantes e hipnóticas: coa súa amiga Fernanda, que fai un retrato sereno e preciso dos primeiros momentos de desequilibrio; co seu irmán Miguel, unha áncora de amor fraterno, el mesmo cheo de agarimo e de feridas; e coa súa nai Eva, que incorpora ao relato episodios amargos do pasado.
Mais estes tres bloques magnéticos non eran abondo; facía falta aínda unha peza máis. Unha peza máis libre e experimental que se mergulla en materiais gravados durante varios anos. A investigación documental montada a partir do testemuño dos outros dá paso nos minutos finais a un arrebatador paseo por imaxes belas e misteriosas. A expresión íntima dunha cineasta que atopou a súa identidade fílmica mentres buscaba un tempo perdido.
Martin Pawley. O filme "Memoria oculta" proxéctase o 25 de outubro, quinta feira, na Filmoteca de Navarra dentro do foco "Punto de Vista".
Ningún comentario:
Publicar un comentario