As imaxes en movemento atraen xente moi diversa. Un dos seus primeiros grandes valedores é o polaco Boleslaw Matuszewski (1856-1944), que ten a honra de ser o autor dalgúns dos primeiros ensaios escritos sobre cinema, se non os primeiros, nomeadamente o entusiasta panfleto de 12 páxinas Une Nouvelle Source de l'Histoire, publicado en París en marzo de 1898, no que afirmaba que a fotografía animada deixaría de ser un pasatempo para transformarse nun método de estudo do pasado que, a través da visión directa dos feitos, mesmo aforraría o traballo de investigación. Para Boleslaw, o cinema rexistraba a verdade, quizais non completa, mais o que estaba gardado na película era verdade sen manipulación. Fronte á fotografía, que podía ser retocada, o cinema tiña que ser sempre verdadeiro, pois sería imposíbel, pensaba el entón, manipular da mesma maneira miles de fotogramas.
Ese valor documental do cinema apaixonou ao polaco, que durante algún tempo chegou a ser cámara do tsar Nicolao II. E entre as cousas que filmou Matuszewski está, xa en 1897, unha operación cirúrxica, Operacje chirurgiczne w Warszawie. Porque o cinema tamén atrae os profesionais da medicina, que ven nas imaxes en movemento un xeito de preservar os procedementos médicos para difundilos, explicalos aos alumnos e -por que non- engordar un pouco o ego.
O campión do cinema cirúrxico é o doutor francés Eugène-Louis Doyen (1859-1916). Interesado pola fotografía e polo cinema, Doyen contratou a Clément Maurice Gratioulet e Ambroise-François Parnaland como cámaras para filmar as súas operacións, vencendo dificultades técnicas como a limitada iluminación dun interior de hospital, nun tempo no que a intensa luz do exterior era case esencial para o rexistro de imaxes (a hipótese de operar sobre un cadáver ao aire libre foi rexeitada polo doutor Doyen). Fixeron ducias de filmes dese tipo e entre os que se conservan está o formidábel Séparation des sœurs xiphopages Doodica et Radica en 1902, cuxo título desvela con claridade de que vai. Pode verse aquí (a partir do minuto 4:22). Nacidas na India, as irmás siamesas Doodica e Radica chegaron a Paris formando parte do circo Barnum & Bailey. Enferma de tuberculose, Doodica empeorou cunha peritonite e nese momento a separación das nenas converteuse nunha urxencia. O 9 de febreiro de 1902 o doutor Doyen procedeu a efectuar a arriscadísima cirurxía, que foi filmada integramente por Clément-Maurice. A operación saíu ben, aínda que Doodica non superou a enfermidade e morreu aos poucos días, o 16 de febreiro [2]. Radica sobreviviu un ano e medio; morreu, tamén, de tuberculose,
Os filmes cirúrxicos de Doyen foron obxecto dun curioso conflito legal, un dos primeiros procesos relativos á autoría. O doutor descubriu que o cámara Parnaland fixera copias e as vendera sen autorización en espectáculos de feira moi afastados do uso científico e educativo orixinal. Doyen iniciou un proceso xudicial en contra do cámara que se resolveu ao seu favor: no caso Doyen vs. Parmaland e a "Société générale des phonographes et des cinématographes" [3] o Tribunal de Primeira Instancia do Sena recoñeceu a Doyen como xenuíno autor dos filmes, en canto a que era o dono da idea e dera instrucións precisas aos cámaras, e só a el lle correspondía decidir sobre a súa exhibición. O tribunal condenou a Parnaland e a Société a pagar 8000 francos ao doutor e exixiu a incautación das copias piratas e a publicación da sentencia en quince xornais elixidos por Doyen.
Martin Pawley
Notas
[1] The Emergence of Cinema: The American Screen to 1907, Charles Musser, University of California Press
[2] Máis información no artigo La séparation de Doodica et Radica de Thierry Lefebvre, en La Revue du Practicien.
[3] O texto da sentencia está dispoñíbel en liña nesta publicación en PDF.
Ningún comentario:
Publicar un comentario