martes, 20 de decembro de 2016

David Ethève: afectuoso amigo, músico excepcional


por Miguel Castelo

David Ethève, un dos violonchelistas principais da Orquestra Sinfónica de Galicia, era, ademais de espléndido músico, unha excelente persoa, cordial e afable como poucos. Prestaba escoitar os seus irónicos razoamentos no seu asisado castelán con acento francés. Durante o mandato do PSOE na Deputación coruñesa, fixo parte do xurado da área de Música das becas artísticas desta institución. Alí foi onde eu o coñecín. Axiña principiamos unha cordial relación, que foi alternando os encontros nas anuais convocatorias das becas, tempos de descanso das estivais montaxes operísticas e fortuítos cruces pola rúa que con frecuencia daban tamén oportunidade a algún parrafeo relacionado co mundo da cultura, asuntos da Sinfónica ou a algunha cuestión relativa ao último concerto habido ou que se estaba a ensaiar. David vivía na praza de Vigo e os días de ensaio adoitaba regresar do Palacio da Ópera cara o seu domicilio pola avenida de Arteixo portando o seu instrumento na voluminosa funda negra que el carrexaba sen grande esforzo dada a súa respectable complexión e estatura.

Foi nun deses encontros na rúa onde, nunha mañá gris, me fixo unha revelación que me deixou gratamente desconcertado e, ao tempo, cheo de orgullo pola confianza que en min depositaba. Tratábase dunha confidencia familiar e como tal pediume que a mantivese en secreto. A vella cuestión da orixe do artista, que hai de xenético e que de cultural nas persoas que se ven apañadas pola pulsión da expresión artística acudiu, a partir dese momento, de modo especialmente intenso ao batán do meu pensamento. Nalgunha ocasión volvemos sobre o asunto que, por descontado permanecía pola miña parte en secreto, coa tentación engadida de me saber portador dunha noticia que podía interesar a máis dun colega.

Tempo despois, un bo día vin que a programación do CGAI incluía un filme de Claire Denis, coido que White Material (“Una mujer en África”). De contado pensei en David Ethève e achegueime á praza de Vigo coa idea de advertilo de tal circunstancia, sabedor do seu interese pola obra desta cineasta. Vin saír un home dun portal que me parecía que podía ser o de acceso á vivenda do músico, pregunteille pero manifestou non ter a menor idea, Chamei ao chou a un dos pisos do portal contiguo e tampouco me souberon dicir. Eu sabía que tiña que ser nun dos dous porque o vira saír un día, pero non lembraba exactamente de cal. E como non era cousa de andar importunando, desistín do meu propósito, non sen pesar mais co argumento tranquilizador de que malo sería que el non tivese pola súa conta información do asunto. No próximo encontro, uns días despois, faleille da frustrada tentativa. Agradeceumo e díxome, para a miña despreocupación, que o sabía e fora ver o filme. O interese do músico na cineasta compatriota non deixaba de ter poderosos motivos. A primeira vez que David Ethève e máis eu falaramos dela dixérame que era a súa irmá por parte de pai, cousa que a realizadora ignoraba, de aí o seu rogo de discreción. Nunha conversa posterior  -antes da comentada proxección-, pregunteille por ela. E, felizmente, o episodio familiar progresara: estivera visitándoa e informáraa do vínculo familiar existente entrambos, asunto delicado que ela recibiu non sen abraio e asumíu con serenidade; que o seu pai mantivese en secreto tantos anos a existencia dun irmán, doutro fillo "fóra do matrimonio", non era cousa trivial.

Nun próximo encontro, mostrouse preocupado: falara coa súa irmá e esta dixéralle que estaba a atravesar por un delicado estado de saúde.

A seguinte vez que nos volvemos ver, David estaba notablemente máis delgado e fíxome partícipe de que se estaba a repoñer da operación dun tumor cerebral. Fiquei conturbado. Deixei de velo. Comezou a tempada da Sinfónica e a súa continuada ausencia no centro do escenario era máis que notable. Agora os medios deron a triste noticia: David Ethève acaba de falecer tras dunha longa enfermidade. Tiña cincuenta anos. A Orquestra Sinfónica de Galicia prepara unha homenaxe. Asistiremos. Era un amigo afectuoso, un músico excepcional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario