por Miguel Castelo
Unha filmoteca é, en primeira instancia, segundo o dicionario da RAE,
“un lugar donde se conservan filmes para su estudio y exhibición”. Pero,
co pasar dos anos, a voz “filmoteca”, sen perder o sentido enunciado,
foise enchendo de novos significados, ao tempo que estes organismos
asumían novas funcións. Hoxe a xeneralidade das filmotecas teñen
carácter público: fan parte da urdimenta cultural do país onde están,
fináncianse con diñeiros estatais, autonómicos, municipais, etc. e
cumpren múltiples funcións.
O CGAI, Centro Galego de Artes da Imaxe, é unha filmoteca. A Filmoteca de Galicia. Un centro público,
creado segundo decreto en 1989, e inaugurado en marzo de 1991 baixo a
tutela da Consellería de Cultura e Xuventude. En 2005 pasa a depender da
de Presidencia, situación que se alonga até o 2014, ano a partir do que volve a Cultura, comezando a formar parte -xunto co Centro Dramático Galego,
CDG, e o Centro Coreográfico Galego, CCG- da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, organismo dependente da actual Secretaría Xeral
de Cultura, estrutura piramidal en cuxa cúspide figura a Consellería de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria [1]. É dicir, o aparato
cultural público da Comunidade Autónoma de Galicia.
O deseño e
execución de programacións cinematográficas diversas, a organización de
cursos, conferencias, obradoiros, presentacións, coloquios, a
recuperación, restauración, catalogación e conservación de materiais
gráficos e audiovisuais, o apoio loxístico ao sector, os servizos de
consulta bibliográfica e de préstamo do fondo audiovisual, principais
cometidos do CGAI, supoñen a presenza dun numeroso e cualificado equipo
de traballo; un colectivo de operarios do que o organismo, nin sequera
nos seus mellores tempos, dispuxo. O Centro Galego de Artes da Imaxe
sempre traballou, en maior ou menor medida, por baixo das súas
necesidades, de persoal e orzamentarias. Se o nivel de resultados se foi
mantendo foi debido á vocación e ao esforzo dos seus traballadores.
Catro
gobernos sucedéronse durante todo este tempo: tripartito, PSdeG-PSOE,
Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego, 1987-1989; PP,
1989-2005; bipartito, PSdeG-PSOE, BNG, 2005-2009; PP, 2009-2016. E
ningún deles sentiu especial interese por tan importante organismo, vital para a conservación do patrimonio audiovisual, para o
desenvolvemento da expresión cinematográfica, a difusión da cultura do
cine e, en consecuencia, da cultura en xeral. Pódese afirmar que en todo
o seu percorrido histórico o CGAI nunca levou a traxectoria ascendente
que todo organismo creado cunha determinada función se supón debe ter.
Nunca medrou exponencialmente, nin chegou a unha fase de consolidación. O
CGAI seguiu a súa propia inercia, baixo a iniciativa dos seus
traballadores ante a indiferenza e a pasividade dos seus sucesivos
organismos superiores, cando non da súa belixerancia. Un episodio
ilustra con diáfana claridade esta afirmación: a repercusión mediática
debida á ilusión e á enerxía dos primeiros momentos e ao nivel de
actividade fóra do común dentro da función pública chega a desencadear
os ciúmes da Dirección Xeral de Cultura, desde onde se produce a
“oportuna” chamada de atención. Algo así como: “Oe, que vos estades
pasando”. Así, o que deberían ser felicitacións e azos para seguir
mellorando convértese nunha mesquiña admonición. Outro tanto acontece
coa Escola de Imaxe e Son, EIS, polo tempo referente español dentro da
formación profesional na especialidade e finalmente relegada a un
convencional centro de FP. Polo que se ve, unha práctica habitual no
marco da administración autodenominada “popular”, que xa tivera un
sonado precedente en 1984, polos mesmos motivos, co acoso do Conselleiro
de Cultura ao Director Xeral até conseguir a dimisión do segundo e da
case totalidade do seu equipo [2]. Sen dúbida, ten as súas
complicacións soster a contradición que supón a presenza dun colectivo
de operadores culturais heterodoxos, progresistas e ilusionados coa súa
función dentro dun aparato administrativo conservador e anquilosado.
Mais
para entender mellor as vicisitudes vividas polo CGAI e as súas actuais
penalidades, habería que engadir o feito importante do seu inadecuado parto. Consecuencia histórica dunha estrutura anterior -a Unidade
de Imaxe e o Arquivo da Imaxe, da citada Dirección Xeral de Cultura de
1984-, o CGAI nace, igual que os seus antecedentes, como un organismo
totalmente dependente da súa instancia superior: sen a necesaria
autonomía, tanto de acción como orzamentaria. Ao igual que na etapa
anterior, a ilusión do logro dos seus xestores, o sentimento de estar a
inaugurar unha nova xeira dentro do demorado camiñar do sector, unidos
ao descoñecemento dos procedementos administrativos, leva a se
despreocupar destas particularidades, detalles esenciais altamente
condicionantes do seu posterior funcionamento.
Que o CGAI,
como norma a funcionar xa limitado, tanto en persoal como en espazo [3], se
vexa desde hai tempo sometido a unha paseniña e tan maliciosa como
desleixada operación de acoso non deixa de ser un paradoxo. Todos os
grandes mandatarios da Historia, dun signo ou outro, concederon especial
importancia ao cine. Só a ignorancia, apoiada nas muletas da mentira,
pode atentar tan gravemente contra a memoria histórica, pasada e futura,
dun país. Contra a memoria cultural. Contra a Cultura.
Notas
[1] Resulta un tanto curioso este baile de dependencias dun organismo
que, non sendo especialmente fomentado por ningunha das instancias
superiores, elas todas queren ter baixo a súa advocación.
[2] A
Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, á fronte da Consellería, parecíalle
que a Dirección Xeral e o seu máximo responsable, Luís Álvarez Pousa,
tiñan un protagonismo indebido, un protagonismo que lle correspondía a
el. Incómodo na súa xestión, o Director Xeral pouco antes de se cumprir o
ano da lexislatura dimitiu, seguido pola maioría dos integrantes
do seu equipo. Dous, Enrique Banet e José Luís Cabo, non o consideraron
oportuno.
[3] O local da rúa Durán Loriga é unha cesión municipal
desde o seu inicio. Hoxe, a todas luces insuficiente, ten utilidade e
sentido como espazo administrativo e parcialmente técnico, sala de
proxeccións e biblioteca. Un espazo amplo, dotado de cámara frigorífica
-na actual non colle un alfinete- na que poder aloxar todo tipo de
soporte analóxico, provisto de armarios, aparadores, andeis, etc. onde
clasificar, ordenar e estabular materiais diversos, tipográficos,
gráficos e audiovisuais -cómpre sinalar que grande parte dos cedentes non recibiu nunca a documentación correspondente ao patrimonio que entregou-, resulta
unha necesidade urxente. Como incentivar, se non, novas cesións cando
poden estar mellor preservadas no faiado dos seus propietarios do que
amoreadas nos baixos do local coruñés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario