Hai quen fai conta das horas que pasou durmindo, mesmo as contabiliza
como non vividas, eu non son quen de contar as que na miña vida pasei na
escuridade dunha sala de cine, e habíame saír un número ben callado de
horas e de soños alí vividos.
Seguindo tal costume o xoves pasado
fun ver Le Nouveau de Rudi Rosenberg (mágoa que dobrada, xa retiraran a
VOSE sen agardar por min). Nada sei deste director como nada sei dos
actores e actrices do reparto, mais é unha fortuna ver un filme coa
limpeza do anonimato autoral, cunha total ausencia de preconceptos
críticos.
En múltiples lugares se pode encontrar unha sinopse
desta sinxela (afortunada sinxeleza) película, por exemplo aquí, así que aforremos esta
parte da reseña.
Sempre apreciamos moito no cinema a aqueles
directores que souberon poñer a cámara á altura dos ollos dos
protagonistas de idade infantil ou adolescente, fose para ollar para
eles ou para nos dar o seu punto de vista, e eu sigo apreciando esa
opción da narración visual, pero mais aprecio a capacidade que ten
Rosenberg para poñer a totalidade da narración á altura dos
preadolescentes do seu filme, e para iso fai uso dunha sinxeleza
narrativa, dunha planificación e dun ritmo que teñen a virtude de seren
os propios protagonistas os que nos contan a súa propia historia á marxe
de intermediarios. O filme trata coa mesma tenrura ao espectador e aos
protagonistas, pero sabe esconxurar o tenrurismo e afastarse abondo para
non caer na hiperglucemia. A min dáme a sensación de que o director
coñece ben as crueldades dos diferentes nun medio hostil como é un
centro de ensino: os gordos, os fracos, os raros, os novos... en fin,
todo canto non encaixa na mediocre uniformidade do mais dos
preadolescentes “típicos” ou “normais”, conxunto que funciona coma un
plato de leite no que o albo de atención ponse, como neste caso, en
catro moscas que resaltan no medio do líquido (que por certo non pode
evitar caracer de forma propia e ter a do prato). Entón vén Rosenberg e
dinos que os únicos seres vivos son as moscas, e iso fáinolo notar con
amor e con humor: Benoit, Joshua, Constantin e Aglaée están vivos e
gustan de vivir. Mesmo o único adulto que estabelece cos rapaces unha
relación cercana, despegada de calquera intento pedagóxico, Greg, tamén
supera a barreira de parasito social e familiar para pasar a mostrarse
vivo, producindo no espectador unha incómoda empatía por un ser que
baila no cribo social a contrapelo do marcado pola corrección política.
Un
canto a todos aqueles que, por enriba da taxonomía social que atribúe
posicións preasignadas no grupo, recoñécense na súa singularidade e fan
dela un camiño de vida, un vieiro cara á felicidade persoal que ten
moito que ver cunha certa acracia que debía ser predicada como xeito de
vida nos centros escolares: os frikis, os diferentes, os excluídos son
os verdadeiros heroes, os outros, os que precen ir camiño do triunfo e
do éxito, só son seres asimilados e construídos a base de verter no
molde a materia da súa trituración social e escolar.
Xabier P. DoCampo
Ningún comentario:
Publicar un comentario