domingo, 24 de abril de 2016

A 10000 km do BAFICI: Carta a Sergio

Caro Sergio,

Acabo de verla. ¡Es fascinante! Eres el más científico de los cineastas del presente: tus películas son el método científico hecho cine. Es un placer asistir a tus "investigaciones", da igual cual sea el objeto de las mismas, Ada Falcón o un campo de meteoritos; lo que importa es tu curiosidad, tu humor y -también- tu capacidad para la fabulación y la sugestión, para hacer que aspectos del relato -o sea, de tu búsqueda- que para cualquier otro pasarían inadvertidos se conviertan, en tus manos, en un manantial de evocaciones.

Viviré con tu recuerdo es eso llevado al máximo, de ahí que el trabajo sobre un fragmento perdido de tu encuentro con Ada Falcón se convierta en una indagación sobre la memoria, sobre lo que queda(rá) de cada uno de nosotros y sobre la esencia del propio cine. Porque al escrutar las imágenes silentes de Ada en busca de las palabras desaparecidas también escrutamos el misterio mismo de las imágenes, lo que tienen dentro, lo que no, lo que podrían tener. Su construcción y su reconstrucción. Es una obra maestra, Sergio. No es un extra de DVD, no es "menor", es (mucho) más grande que Yo no sé qué me han hecho  tus ojos, más atrevida, más abierta, más madura. ¡Enhorabuena, genio!

Martin Pawley

luns, 18 de abril de 2016

A 10000 km do BAFICI: Le nouveau (Rudi Rosenberg, 2015)

Hai quen fai conta das horas que pasou durmindo, mesmo as contabiliza como non vividas, eu non son quen de contar as que na miña vida pasei na escuridade dunha sala de cine, e habíame saír un número ben callado de horas e de soños alí vividos.

Seguindo tal costume o xoves pasado fun ver Le Nouveau de Rudi Rosenberg (mágoa que dobrada, xa retiraran a VOSE sen agardar por min). Nada sei deste director como nada sei dos actores e actrices do reparto, mais é unha fortuna ver un filme coa limpeza do anonimato autoral, cunha total ausencia de preconceptos críticos.

En múltiples lugares se pode encontrar unha sinopse desta sinxela (afortunada sinxeleza) película, por exemplo aquí, así que aforremos esta parte da reseña.

Sempre apreciamos moito no cinema a aqueles directores que souberon poñer a cámara á altura dos ollos dos protagonistas de idade infantil ou adolescente, fose para ollar para eles ou para nos dar o seu punto de vista, e eu sigo apreciando esa opción da narración visual, pero mais aprecio a capacidade que ten Rosenberg para poñer a totalidade da narración á altura dos preadolescentes do seu filme, e para iso fai uso dunha sinxeleza narrativa, dunha planificación e dun ritmo que teñen a virtude de seren os propios protagonistas os que nos contan a súa propia historia á marxe de intermediarios. O filme trata coa mesma tenrura ao espectador e aos protagonistas, pero sabe esconxurar o tenrurismo e afastarse abondo para non caer na hiperglucemia. A min dáme a sensación de que o director coñece ben as crueldades dos diferentes nun medio hostil como é un centro de ensino: os gordos, os fracos, os raros, os novos... en fin, todo canto non encaixa na mediocre uniformidade do mais dos preadolescentes “típicos” ou “normais”, conxunto que funciona coma un plato de leite no que o albo de atención ponse, como neste caso, en catro moscas que resaltan no medio do líquido (que por certo non pode evitar caracer de forma propia e ter a do prato). Entón vén Rosenberg e dinos que os únicos seres vivos son as moscas, e iso fáinolo notar con amor e con humor: Benoit, Joshua, Constantin e Aglaée están vivos e gustan de vivir. Mesmo o único adulto que estabelece cos rapaces unha relación cercana, despegada de calquera intento pedagóxico, Greg, tamén supera a barreira de parasito social e familiar para pasar a mostrarse vivo, producindo no espectador unha incómoda empatía por un ser que baila no cribo social a contrapelo do marcado pola corrección política.

Un canto a todos aqueles que, por enriba da taxonomía social que atribúe posicións preasignadas no grupo, recoñécense na súa singularidade e fan dela un camiño de vida, un vieiro cara á felicidade persoal que ten moito que ver cunha certa acracia que debía ser predicada como xeito de vida nos centros escolares: os frikis, os diferentes, os excluídos son os verdadeiros heroes, os outros, os que precen ir camiño do triunfo e do éxito, só son seres asimilados e construídos a base de verter no molde a materia da súa trituración social e escolar.

Xabier P. DoCampo

xoves, 14 de abril de 2016

Cannes 2016: non busquen sorpresas

O anuncio esta mañá da selección oficial de Cannes 2016 devólvenos a un asunto, o da repetición de certos nomes na competición internacional, que xa tratamos no blog o ano pasado. O dito entón vale para agora en versión corrixida e aumentada, pois a edición de 2016 é aínda máis conservadora: a porcentaxe de cineastas que regresan á primeira sección é do 80%, a máis alta dende 2009. 

Só catro dos vinte nomes anunciados debutan a concurso: Maren Ade, Alain Guiraudie, Kleber Mendonça Filho e Cristi Puiu. Ningún deles é precisamente descoñecido entre os cinéfilos e dous deles son, de feito, habituais do festival que "ascenden" de categoría dentro da selección oficial. É o caso de Alain Guiraudie, unha das sensacións de 2013 con L'Inconnu du Lac, que competiu en Un Certain Regard e obtivo o premio á mellor dirección. Pola Quincena dos Realizadores Guiraudie pasou antes en tres ocasións: coa mediometraxe Ce vieux rêve qui bouge en 2001 e coas longas Pas de repos pour les braves e Le Roi de l'évasion en 2003 e 2009 respectivamente. Cristi Puiu, pola súa parte, chegou á Quincena en 2001 con Marfa si Banii e foi premio Un Certain Regard con A morte do señor Lazarescu, o filme que nos fixo reparar a todos na espléndida xeración de creadores que se estaba cociñando en Rumanía. A UCR volveu anos despois con Aurora. Puiu é ademais autor dunha das curtas do filme colectivo Les Ponts de Sarajevo, exhibido en 2014 coma sesión especial.

Para o brasileiro Kleber Mendonça Filho tampouco é a primeira vez en Cannes, pois presentou a curta Vinil verde na Quincena en 2005. Aquarius, o filme co cal concursa este ano, é a súa segunda longa de ficción logo do éxito acadado con O som ao redor. Si se estrea en Cannes (coma directora) Maren Ade coa súa terceira longametraxe, Toni Erdmann. A anterior, Alle anderen, competiu na Berlinale. 

Todos os demais xa estiveran antes alá na Croissette. Paul Verhoeven volve logo de vinte e catro anos: a súa única visita anterior a concurso foi no 1992 con Instinto básico. É tamén a segunda vez para Sean Penn (en 2001 con The pledge) e dous que apuntan a converterse en "sospeitosos habituais", Jeff Nichols (en 2012 con Mud) e Xavier Dolan (en 2014 con Mommy). Son sete os que van á competición por terceira vez, cinco homes (Bruno Dumont, Brillante Mendoza, Cristian Mungiu, Nicolas Winding Refn e Park Chan-wook) e dúas mulleres (Andrea Arnold e Nicole García). Con cinco participacións temos a Olivier Assayas e Pedro Almodóvar e con sete aos irmáns Jean-Pierre e Luc Dardenne e a Jim Jarmusch. En época recente lidera a táboa de repetidores Ken Loach, que coa de 2016 suma xa trece filmes a concurso dende Looks and smiles en 1981. Dos súper-veteranos en Cannes, nin Jarmusch (*), nin Assayas nin Almodóvar gañaron aínda a Palma de Ouro.

Martin Pawley. (*) Jim Jarmusch obtivo a Palma de Ouro no concurso de curtametraxes no 93 con "Coffee and cigarettes".

luns, 4 de abril de 2016

A 10000 km do BAFICI 2016: "Montanha" (João Salaviza, 2015)

Montanha
João Salaviza (Portugal, 2015)
90 minutos | Cor

Auténtico wonder boy do último cinema portugués, con 28 anos João Salaviza gañara xa unha Palma de Ouro en Cannes e un Oso de Ouro en Berlín coas súas curtas Arena e Rafa, que vencían a (inquietante) etiqueta do "cinema social" pola concisión e emotividade sen melodramatismo no debuxo dos seus inesquecíbeis protagonistas. Nese mesmo rexistro móvese a súa primeira longa, con outro rebelde con causa en busca do seu destino nun barrio lisboeta. Un western urbano, case intemporal pola súa deliberada renuncia a usar sinais do presente -móbiles, computadores, redes sociais-, coa épica da adolescencia no seu intento de non sucumbir ante a condescendencia e o cansazo, a soidade e o baleiro. A épica de sobrevivir ao máis duro dos oitomiles: o descubrimento da dor e o desencanto.

Martin Pawley. Versión galega do texto do catálogo do BAFICI 2016. Pode descargarse o catálogo nesta ligazón (PDF, 19 MB).

venres, 1 de abril de 2016

A 10000 km do BAFICI 2016: "El nome de los árboles" (Ramón Lluís Bande, 2015)

El nome de los árboles
Ramón Lluís Bande (Asturies, 2015)
102 minutos | Cor

Ramón Lluís Bande documentou a investigación que conduciu ao seu filme Equí y n'otru tiempu, as excursións para localizar os lugares da memoria e as conversas cos veciños que desvelan, con naturalidade, a represión dos militantes republicanos que mantiveron logo da Guerra Civil a loita armada contra o franquismo. O resultado podería ser un mero extra de DVD, mais non é o caso; é un filme extraordinario, tan sinxelo coma poderoso. Pode non haber probas para o traballo científico dos historiadores, ou poden estar ocultas, mais o que si temos é o relato do horror tal e como foi preservado polos que o viviron e os seus descendentes. Unha inspiradora reivindicación da palabra e da Historia contada, a Historia dun país más alá das versións oficiais.

Martin Pawley. Versión galega do texto do catálogo do BAFICI 2016. Pode descargarse o catálogo nesta ligazón (PDF, 19 MB).