mércores, 19 de agosto de 2015

Os filmes da condición humana

por Miguel Castelo

Pertencente ao distrito de Viana do Castelo e situada na comarca do Alto Minho, Região Norte, Melgaço limita ao norte e ao leste con Galicia, ao suroeste co municipio de Arcos de Valdevez e ao oeste con Monção. É a poboación portuguesa máis septentrional e está integrada por 18 freguesías. Melgaço, malia á súa pequena escala xeográfica (239,04 qm²) e o reducido número de habitantes (arredor de 9.500 no seu termo municipal, dos que 1.300 moran na propia urbe), mantén unha curiosa relación co mundo do cine, debido ao vínculo coa vila do documentalista, crítico e historiador Jean Loup Passek, trabado en París nos primeiros 70 por mor do seu trato con inmigrantes portugueses. Tal é así o seu afecto por Portugal e nomeadamente por esta vila minhota (onde mesmo hai anos comprou casa) que decidiu ceder ao municipio o seu amplo patrimonio, produto da súa intensa actividade profesional (innúmeras fotografías, cartaces, libros, documentos diversos, aparellos precinematográficos, etc.) para o que el propio escolleu o espazo do depósito, concretándose no museo que leva o seu nome, inaugurado en xuño de 2005. Ademais dun conservado centro historico, onde se ubica este museo, a vila conta  cunha ben dotada Casa da Cultura e outro espazo museístico, Memória e Fronteira (Histórias da História), monográficamente dedicado ao poliédrico fenómeno social do contrabando, práctica directamente vinculada coa zona nos anos 40 e décadas posteriores do século pasado, e á emigración local. Por estas razóns todas, esta capital foi escollida pola vianense Ao Norte, Asociação de Produção e Animação Audiovisual, como marco do Filmes do Homem, Festival Internacional de Documentário, que programa e organiza coa principal colaboración da Cámara Municipal.


Así que Melgaço celebrou este ano a segunda ou primeira, segundo se mire, edición de Filmes do Homem. A primeira, baixo o argumento dos propios organizadores de considerar a do ano pasado como un achegamento ao modelo de festival matinado, a xeito de experimento ou proba. Sexa como for, a deste ano celebrouse entre o 4 e o 9 deste mes e contou coa presenza de 25 filmes, dos que 19 (9 curtas e 10 longas) entraron na competición. Dezaseis foron os países participantes  -Australia, Portugal, Canadá, Suiza, Francia, Angola, EUA, Turquía, Chipre, Brasil, Italia, España, Perú, Reino Unido, Grecia e Dinamarca-, algúns deles en réxime de coprodución. Se ben o auditorio da Casa da Cultura, centro neurálxico do certame, foi o principal espazo de proxección dos filmes concursantes, outros lugares da contorna contaron coa presenza de filmes fóra desta sección. Así, as freguesías de Lamas de Mouro e Castro Laboreiro, no seu auditorio e centro cívico, respectivamente, e as de Cristóval (São Gregório) e Parada do Monte e o concello de Arbo, en Galicia, en sesións ao ar libre nas súas prazas principais, puderon tamén participar do festival. Así mesmo, na explanada da Torre do Menagem de Melgaço tivo lugar a sesión de “encerramento”.

Os movementos migratorios constituiron o tema arredor do que virou esta edición. De emigración e inmigración, acoso, maltrato e explotación laboral, da teimosía do retorno, de racismo e xenofobia, de aculturización, desarraigo, alienación e perda de referentes… e moitas outras infaustas derivas que atinxen ao fenómeno da diáspora versa o conxunto dos filmes que integraron o apartado estritamente cinematográfico do festival melgacense. O xuri internacional, constituido por Jorge Campos, Catarina Alves Costa, Jean Loïc-Portron, José Manuel Sande e Tiago Hespanha, decidiu conceder os recén instituidos premios Jean Loup Passek do seguinte modo:  Prémio ao Melhor Documentário (económicamente dotado con 3.000 €) a He Bu Tune Bu / Era unha vez, de Kazim Oz (Turquía), “pela forma como ficciona o real dando corpo, com apurado sentido cinematográfico, a uma narrativa que logra transformar os protagonistas curdos em personagems num contexto em que as relações pessoais e familiares interagem com o pano de fundo revelador, na Turquia de hoje, da existencia de relações sociais que perpetuam a servidão”; o Prémio á Melhor Curtametragem (dotado con 1.500 €) a Xenos, de Mahdi Fleifel (Palestina), “pela extraordinária energia humana e cinematográfica que irradia  das imagens criadas em torno da figura  de Abu Eyad e de outros refugiados palestinianos em busca de uma vida nova em Atenas, mas apanhados na armadilha de um país em colapso”; e o Prémio ao Melhor Documentário Português (dotado con 1.000 €) a Aquí tem gente, de Leonor Areal, “pelo retrato que faz da luta pelo direito à habitação dos moradores do Bairro da Torre, em Loures, muitos dos quais ciganos e africanos, bem como pelo destaque dado ao papel das mulheres e pelas questões que suscita”.

O Filmes do Homem, Festival Internacional de Documentário de Melgaço, 2015, estivo, a maiores das proxeccións, así mesmo conformado por unha serie de actos e actividades de especial interese:
Plano Frontal, Residencia Cinematográfica, actividade xa experimentada na edición anterior, axuntou a un grupo de alumnos de Escolas de Ensino Superior de Cinema e Audiovisual, coa súa formación recentemente concluida, que, conformados en catro equipos de tres (realizador, operador de cámara e operador de son), baixo a titoría de Pedro Sena Nunes e o apoio loxístico de produción e realización de Carlos E. Viana, Rui Ramos, Mário Gomes e Miguel Arieira, acometeronn a realización de pequenas pezas de carácter documental sobre historias locais, que, coa presenza dos seus autores, han ser proxectadas na vindeira edición, como nesta se proxectaron as realizadas o ano pasado.
Fora de Campo, espazo de reflexión e debate multidisciplinar, na área das Ciencias Sociais, Artes e Ciencias da Comunicación, arredor do tema Cinema e Migrações, coordinado por Jose da Silva Ribeiro e levado a cabo en colaboración con Universidades e Grupos de Investigação/Pesquisa de Portugal, Galicia, Brasil e México, configurou un numeroso encontro de intervinientes a contrastar teorías, opinións e criterios nunha permanente e estimulante contenda da lusofonía. Os brasileiros Jose Carlos Sebe Bom  Meihy e Zilda Marcia Grícoli Iokoi, os galegos Manuel González e María Yánez, e os portugueses Maria Beatriz Trinidade-Rocha e Manuela Penafria foron, entre outros, algúns dos participantes.
Nós por cá e por lá, exposición fotográfica coordinada por Daniel Maciel, ofreceu unha escolma de duascentas fotografías que presentan persoas e situacións na orixe e o destino do percurso migratorio, no seu momento realizadas co obxectivo de intercambio informativo e sentimental entrambas partes: o concello de Melgaço e Francia, neste caso. Once freguesías responderon positivamente á proposta, aportando máis de setecentos retratos, procedentes de setenta casas. Un discurso iconográfico, que, alén da súa condición preservadora da memoria local, supón un documento de valor histórico e cultural incalculable. A mostra dispuxo, no seu acto inaugural, dun tempo emotivo no que algunhas das fotos foron explicadas polos seus protagonistas. Así mesmo, estes protagonizaran con anterioridade pezas videográficas dedicadas a glosar as circunstancias do instante fotográfico,
a se proxectar incesantemente nunha pantalla da propia exposición.
E, finalmente, o Laboratório de Video, Cinema de Animação, obradoiro impartido por Graça Gomes, destinado a mozos de 14 a 18 anos.

Con todo, toda esta oferta cultural tería resultado distinta sen o clima de convívio que a acompañou. A tal contribuiron a excursión a Castro Laboreiro e aos seus puntos de información, e as visitas guiadas aos museos Jean Loup Passek -actualmente con Manoel de Oliveira como protagonista-, Memória e Fronteira, así como ao Solar do Alvarinho. Tamén axudaron, ademais da concorrencia dalgúns dos realizadores dos filmes presentados, as presenzas activas, en presentacións e mesas redondas, dos “cantores” Luis Cília e Sérgio Godinho (tan venerados polos galegos que en tempos pretéritos xa ollabamos cara Portugal), igualmente padecedores da emigración e o exilio e colaboradores en causas cinematográficas, de Carlos da Fonseca, activista, nos 70, coa súa muller Laurette Fonseca no barrio de Massy (Essonne) nos arredores de París, e Henrique Espírito Santo, un dos máis importantes produtores do cinema portugués das tres últimas décadas do século pasado.

No seu adecuado tamaño, Filmes do Homem, Festival Internacional de Documentário de Melgaço, 2015, evidenciou unha notable capacidade organizativa e sentido da estrutura. O salto, histórico filme sobre a emigración portuguesa a Francia (Christian de Chalonge / Francia, 1973) punteou, nas sesións especiais inaugural (Cristóval-S. Gregorio) e de clausura (Torre do Menagem), a edición. Outros dous filmes, Lorette et les autres / Laurette e os outros (Dominque Dante / Francia, 1973), e Souvenirs d´un futur radieux / Lembranzas dun futuro radiante (José Vieira / Francia, 2014) contribuiron a poñer de manifesto o poder testemuñal do cinema, o sentido cíclico da Historia e a recorrencia dramática dos movementos migratorios. Resulta angustiosamente revelador constatar como nas grandes barriadas do sureste de París permanecen talmente as chabolas, os chamados "bairros de lata", que nos anos 60 ocupaban os portugueses e agora habitan os rumanos; como o filme de Vieira (cineasta da emigración) incide hoxe, con milimétrica simetría, en espazos e situacións mostrados por Chalonge e Dante hai tres décadas. Nada semella ter mudado, agás a posibilidade de filmar a cor. A cor ou en branco e negro, os filmes que a primeiros de agosto chegan a Melgaço versan todos sobre a condición humana. Este é o desexo e o obxectivo dos organizadores deste encontro cinematográfico, Filmes do Homem.

xoves, 13 de agosto de 2015

Conversa sobre "Eco"

Xacio Baño regresou hoxe á competición internacional "Pardi di domani" do Festival de Locarno coa curta Eco. Por cuarto ano consecutivo hai un filme galego no festival suízo, despois de Arraianos (Eloy Enciso, 2012), Costa da Morte (Lois Patiño, 2013) e Ser e voltar (Xacio Baño, 2014). Sobre o novo filme de Xacio vai esta conversa entre Martin Pawley e Xurxo González.


Martin Pawley: Eco é moi sinxela, mais está moi ben resolta. Hai que destacar a valentía de Xosé Barato no manexo dos diarios da nai, que apuntan/desvelan frustracións e sufrimentos sostidos no tempo fáciles de extrapolar a moitas vidas de mulleres desa e doutras épocas. Gústame moito o final, cando as palabras perden xa toda posíbel inxenuidade. O eco é de amargura e de tristeza, mais tamén iso é vivir.

Xurxo González: Gustoume moito. Xunta moi bos recursos e distintas referencias que dan interesantísimos niveis de lectura. Barato foi moi valente. Esta é a curta de Xacio que me gusta máis.

MP: Eu diría que Anacos é máis perfecta mais esta é mellor. É bo pensar xuntos eses dous retratos femininos "in absentia" porque o eco no espectador é moi diferente. Anacos xera unha empatía inmediata pola vía da (triste) tenrura, porén Eco produce outras sensacións, entre elas a incomodidade. A nudez familiar afrontada por Barato deixa algo de mal corpo, non o digo nun mal sentido, antes polo contrario; está moi ben que sexa así. Penso que é nesa incomodidade onde está a virtude da curta.

XG: Xa, xa, son consciente. Mais eu dígoo coma Xurxo espectador e creador. Interésame máis este cine. Probablemente (oxalá me equivoque) non teña tanta acollida como Anacos, mais interésanme máis este tipo de propostas. Déixome levar polas palabras, polo recitado, quería saber que lle pasaba a esa muller. Creo que deixa ao espectador máis libre e iso a min encántame.



MP: Si, si, estou de acordo no que dis. Coma proposta é máis ousada e deixa máis liberdade ao espectador e iso faina tamén "menos festivaleira", non é a clase de curta que vaia gañar premios do público, para entendernos, xustamente porque evita suliñados, non fai explícitas as conclusións. Iso é unha proba de madurez tremenda coma creador. En certo sentido, Xacio está facendo un camiño inverso ao que é máis común no cinema: empezou xogando coa ficción de xénero e foi derivando ao "real". O bo de Eco é que a partir dunha forma canonicamente documental -a observación de algo, neste caso unha mudanza- extrae un relato, a historia dunha(s) vida(s); arma en sentido literal "um filme falado" e o de menos xa é a carga de verdade do relato, non importa se os diarios son reais ou falsos, porque a historia si o é en canto a que hai moitas historias así. Por riba do concepto orixinal está a construción do filme na súa forma final.

XG: A evolución de Xacio resulta patente, alégrome moito. Vaime quedar pena non producirlle a longa que estará ao caer. Se continúa nesa liña a longa será macanuda. Quédome coa parte final do que dis, esa capacidade de suxerir historia co mínimo suficiente. A min gústame esa lectura e ese recitado, sen chegar a formas radicais coma as de Straub. Lembroume lixeiramente O Cazador de Santos, mais a proposta é orixinal e anovadora, pasa do literario e afonda no cotiá onde todo o mundo pode verse identificado. Fai un convite ao espectador intelixente. Agardo que a xente saiba aprecialo.

MP: En Vila do Conde tiven ocasión de entrevistar a Miguel Gomes pola estrea d'As Mil e Uma Noites e nun momento da conversa falou da súa fascinación pola forma máis clásica da narración: alguén que conta unha historia. En Anacos a "historia" realmente quedaba fóra de campo, o que quedaba dunha vida era "o oco", a ausencia, unha sensación compartida por moitos espectadores. Eco funciona case ao revés, parte da ausencia, a despedida dunha casa que xa non serve a ninguén, e dela, ou do que queda dela, agroma un relato, un relato expresado por voces que ao mesmo tempo están a descubrilo. Páxina a páxina esa historia vai doendo e o pudor conduce ao silencio final, que é aínda máis elocuente.

XG: É que aí esta a chave do cinema contemporáneo. Moitas veces pénsase que a "perfección" está nunha narración en imaxes dunha historia á maneira literaria onde as imaxes e as palabras arróupanse unhas ás outras dunha maneira edulcorada. En Eco por un lado temos a recuperación dunha historia que chega a cristalizarse na atención e interese do espectador. Mais Eco vai alén do narrativo, ten algo de performático, de experiencia, de proceso. O espectador invade a intimidade ou, mellor dito, séntese participe dese momento, desas palabras, desas lembranzas, desas historias, desas lecturas. Iso que en gramatoloxía se contrapón: o mostrado e o dito. Este é un cóctel que me gusta, que me entusiasma. E outra cousa que xoga a favor de Xacio é o de ser consciente do terreo acoutado, do espazo, da escrita, das palabras. Elementos suficientes para materializar unha historia cunha chea de niveis significantes. Gratificante.