O Velho do Restelo é unha proposta condensadora. Nun xardín inmerso na
cidade onde o tempo parou está sentado Don Quixote e o veñen a visitar,
case como se foran pantasmas, tres dos máis grandes escritores das
letras portuguesas: Luís de Camões, Teixeira de Pascoaes e Camilo Castelo Branco. Desta tríade o que resulta máis estraño e significativo é a
primeira aparición na súa filmografía de Teixeira de Pascoaes, unha
presenza que vai marcar un dos obxectivos da curtametraxe: facer unha
oda ao iberismo. Ao longo da súa filmografía pode notarse como
progresivamente hai unha converxencia con España: partía do medo de
viviren de costas os dous países á actual comprensión por compartiren desgrazas. O “velho
do Restelo” é un personaxe das Lusíadas, un home ancián que avisa aos
navegantes dos perigos que poden traer os descubrimentos. Unha figura
conceptual omnipresente na historia de Portugal á cal se alude nos
momentos de fracaso e frustración. Oliveira sinala que este fatalismo
identifica tamén a España xa que as historias dos dous países estiveron
marcadas por dúas derrotas maiúsculas: Alcázer-Quivir e a "Armada
Invencible". E a imaxe totémica deste destino funesto é a de Don
Quixote. Polo tanto, pode dicirse que O Velho do Restelo é unha obra de
reconciliación peninsular.Mais o filme vai máis alá das derivas xeo-estratéxicas e está vertebrado por “espellos máxicos” que trenzan unha chea de significados. Podemos falar dun filme de autoafirmación que recolle as reflexións persoais e creativas que foron constantes na obra de Oliveira. A curtametraxe resume lecturas, temas, referentes, concepcións e preocupacións. Un filme tan rico como a mesma obra total de Oliveira, unha obra tan total que choca co raquítico da súa produción: posta en escena mínima, hibridación artística, de-construción do artificio, actores e técnicos usuais na súa filmografía e un desenvolvemento baseado no dito para soster un discurso que transita polo histórico, o político e o filosófico.
Oliveira válese dunha estrutura ensaística para relacionar contidos e manifestacións artísticas e para iso válese de materiais diversos. Por un lado os gravados de Doré puntúan a evolución do Quixote desde que está na casa afectado de ínfulas de grandeza, mentres procura aventuras, ata que cae estrepitosamente derrotado polas aspas dun muíño. A parte cervantina complétase con fragmentos do Don Kikhot de Grigori Kozintsev realizado na Unión Soviética en 1957. Mais esta práctica de recuperar materiais tamén se dá coa súa propia cinematografía ao incluír imaxes de Non, ou A Vã Gloria de Mandar (1990), O Quinto Império: Ontem como Hoje (2004), Amor de Perdição (1979) e O Día do Desespero (1992) para sinalar con elas dúas formas de infortunio: o do país portugués (as dúas primeiras) e o do máis grande dos escritores portugueses segundo Oliveira, Castelo Branco (as dúas últimas).
A idea que nos transmite Oliveira é que o estado anímico dun país e as achegas sedimentadas na súa cultura inflúen dunha maneira determinante na creación. Oliveira probablemente teña máis afinidade co romanticismo arrebatador e incomprendido de Castelo Branco mais sabe que hai que remontarse ás profundidades para atopar a esencia da palabra como se el fose un dos últimos elos dunha estirpe gloriosa. Un libro dos Lusíadas aparece aboiando nas augas amnióticas do océano Atlántico. Camões co “velho do Restelo” anuncia a deriva dun país mais tamén pode extrapolarse a cando a un creador está pendente de ser unxido coa palma de loureiros. Satisfacendo a súa vaidade Oliveira proclama aos catro ventos o Canto Cuarto:
A que novos desastres determinas
De levar estes reinos e esta gente?
Que perigos, que mortes lhe destinas?
Debaixo dalghum nome preminente?
Que promesas de reinos, e de minas
D´ouro, que lhe farás tão facilmente?
Que famas lhe prometerás? Que histórias?
Que triunfos, que palmas, que victorias?
Este fragmento aparece escrito no papel e tamén é recitado por Luís Miguel Cintra, que interpreta dunha maneira maxestática a Camões. Unhas palabras que Oliveira fai súas, teoricamente, ao final da súa carreira: despois de todo o que fixo pregúntase "que lle queda". Pois queda o camiño andado, as batallas loitadas, os achádegos conseguidos, a paixón demostrada, o respecto alcanzado e as leccións impartidas. Malia que Manoel de Oliveira xa regresou de todos os sitios aos que foi aínda hai quen non lle recoñece as vitorias. Porén as súas proezas xa quedaron escritas para sempre no cinema.
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario