mércores, 3 de setembro de 2014

Un crocodilo debaixo da cama

Dedicado a Paz Zeltia, que debe estar a ler "Un crocodilo..." a estas horas, velaí vai un vello post sobre o libro de Mariasun Landa.

J.J. é un home novo marcado pola soedade. Traballa como administrativo nunha entidade bancaria e a súa vida non se afasta xamais dunha rotina triste e gris. A insatisfacción de facer cada día o mesmo estoura cada noite no arrouto de guindar os zapatos con enerxía, como se quixese desfacerse deles e do que representan. J.J. non é feliz e un bo día a súa infelicidade adquire unha forma concreta e inusual: a dun crocodilo de pel áspera que repousa debaixo da súa cama.

J.J. tarda pouco en decatarse de que o crocodilo o ve só el. Comprende que non pode enfrontarse a el coas armas da razón e da lóxica e que terá que afacerse a manter a súa aparente existencia en segredo. Resígnase a convivir co animal, ao que lle proporciona toda clase de zapatos e zocos coma alimento. Nin unha veloz consulta no médico nin a posterior charla co boticario alivian o seu problema, antes polo contrario, medra a súa inquietude; só coa lectura tranquila dos prospectos dos medicamentos consegue identificar con claridade todos os seus síntomas. Niso é que empeza a sentir, ademais, o alento da ilusión que quizá mesmo lle permita achegarse a Helena, unha compañeira do traballo da que está namorado. De súpeto o seu estado agrávase e debe retirarse uns días á súa casa. Helena decídese a visitalo e J.J. ármase de valor e confésalle o segredo do crocodilo que o atormenta. Mais Helena non se inmuta. Ela tamén vive atormentada polo seu propio crocodilo, o crocodilo da soedade e o medo á vida.

Un crocodilo debaixo da cama (Krokodiloa ohe azpian) é o excepcional libro polo cal se lle concedeu en 2003 a Mariasun Landa un moi merecido Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Un texto sinxelo en apariencia que esconde dentro temas infrecuentes no xénero recollidos pola autora con sabiduría e agarimo, con tenrura e con humor. Nun final tan feliz coma coidadosamente ambiguo os dous personaxes principais fican por fin xuntos e dispostos a emprender o camiño que conduce ao amor, deixando atrás frustracións e medos que en calquera caso non desaparecen: o crocodilo resulta ser só unha lagartixa que se escapa pola xanela mais pode volver en calquera momento. Mariasun Landa outórgalle ao relato un ritmo vivísimo que nos impide erguer os ollos del, nada que nos resulte estraño aos que xa disfrutamos doutros textos seus, coma Elefante corazón de paxaro ou o para min insuperábel A Morte e a Mestra, conto que leva moitos anos a dar voltas pola miña cabeza. Un crocodilo debaixo da cama fala da necesidade de comunicarnos e de sentírmonos queridos e converte as angustias do home moderno en literatura de altísimo nível apta para todas as idades.

Martin Pawley

1 comentario:

  1. Ilusionada pola dedicatoria e agradecida pola libro! (enseguida souben que falaba do crocodilo que atopei eu pouquiño antes dos 20. Non podía pasar máis de 36 horas sen min, sentíame responsable del e amargábame a vida)

    ResponderEliminar