O deserto de Sonora esténdese por unha superficie dun cuarto de millón de quilómetros cadrados entre os Estados Unidos e México. En pleno deserto, en Arizona, érguese unha cordilleira, os montes Quinlan, cuxo cume máis alto, Kitt Peak, supera os dous mil metros de altitude. Foi aí, en terras da nación orixinaria Tohono O'odham, onde en 1958 a norteamericana Fundación Nacional da Ciencia decidiu asentar un observatorio astronómico. O complexo foi medrando pouco e pouco até contar hoxe con 24 telescopios ópticos e dous radiotelescopios. Aínda que a contaminación luminosa fai o lugar menos idóneo para o rexistro do ceo do que era hai unhas décadas, con Tucson a hora e media de distancia e unha metrópole, Phoenix, que malia estar moito máis lonxe exerce un impacto visual importante sobre as instalacións, Kitt Peak ocupou e ocupa un lugar moi destacado na historia da ciencia. Alí fixeron Vera Rubin e Kent Ford as observacións coas que mediron un feito inesperado: os elementos exteriores das galaxias movíanse tan rapidamente como aqueles próximos ao centro e as galaxias espirais rotaban tan velozmente que deberían desfacerse, a non ser que se mantiveran unidas por unha forza gravitacional producida por unha colosal cantidade de materia non visíbel, varias veces superior á cantidade de materia ordinaria, esa que estamos afeitos a ver ao noso redor. Nacía así o concepto de "materia escura", a enésima constatación de que o Universo é moitísimo máis complexo do que nos parecía hai apenas un século. Tamén foi en Kitt Peak onde en 1979 Dennis Walsh, Bob Carswell e Ray Weymann descubriron a primeira imaxe de "lente gravitacional", cando a luz que procede de obxectos moi distantes se desvía arredor dun corpo con moita masa para xerar unha imaxe dupla. No seu caso tratábase (aparentemente) das imaxes de dous quásares demasiado idénticos ou, quizais, da imaxe duplicada dun único quásar, como finalmente se confirmou.
A evolución do Universo
"No aire, desde o avión, o deserto é unha visión fascinante, unha mancha totalmente homoxénea na que xurarías que non hai nada de vexetación", explica por videoconferencia o cosmólogo galego Antón Baleato Lizancos. "Mais cando baixas ao chan descobres que hai unha variada biodiversidade e en particular impresionan os saguaros, os cactos típicos das películas do oeste, que chegan a ter moitos brazos que non lles empezan a medrar até os oitenta anos. Hai dúas épocas do ano con chuvias moi marcadas e aí florece todo, é unha explosión de vida. E no medio do deserto están as montañas, con moita vexetación, moitas árbores, son verdadeiras illas ecolóxicas" (...)
Martin Pawley. Artigo completo publicado no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 21 de xuño de 2025. As persoas subscritoras poden lelo completo en liña no sitio web do xornal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario