Neste tempo a mostra foi quen de argallar unha experiencia arredor dos espazos e unha cidade específica, A Coruña, ao tempo que lanzaba propostas a modo de sucesivas rimas e asociacións internas -entre cineastas, seccións, focos, experiencias performativas de distinta índole, por medio de bolsas de traballo ou mediante o sincretismo de ámbitos artísticos-, apelando á construción dun evento de brillo internacional respaldado por un público non só fiel senón in crescendo.
Na edición de 2024, celebrada entre o 31 de maio e o 9 de xuño, a Mostra continuou aportando boas doses de frescura, de novidades, de prestidixitación, de fervores cinéfilos e unha perspectiva singular sobre o ámbito audiovisual e artístico de carácter multidisciplinar. Tres trazos fundamentais sobresaen na caracterización do evento. O primeiro pasa pola habilidade para fuxir da competición ou do sometemento a modas ou tendencias. O segundo basease no recoñemento das figuras venerables, que permite a análise do pasado e os itinerarios historiográficos, así como unha escolma moi libre do presente. Por último, posúe unha medida presenza da compoñente pedagóxica, un didactismo por enriba de proselitismos ou prexuízos elitistas. Parece necesario engadir, chegados a este punto, a necesidade dunha maior implicación das administracións públicas participantes, diríase que escasamente conscientes deste magma de proveitosos factores (...)Martin Pawley e José Manuel Sande. Artigo completo dispoñíbel no número 129 da revista Luzes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario