O Festival Internacional de Documentais de Marsella, mais coñecido como FIDMarseille, pasa por ser, segundo a crítica internacional, o festival de documentais máis importante do mundo. Anualmente esta cidade do Mediterráneo acolle unha das propostas máis arriscadas do panorama cinematográfico sen marcarse ningunha clase de acoutamentos. O FID acusa a perspectiva da alma do festival, o seu director: Jean-Pierre Rehm. Ao longo das 25 edicións realizadas ata o momento este evento converteuse nun excelente calidoscopio sobre os rumbos que está a tomar esta forma fílmica.
Á convocatoria anual do FID achéganse as propostas máis sorprendentes de todo o mundo e Rehm e o seu equipo son os encargados de seleccionalos. A súa escolma pon no mapa as obras máis singulares sen ter en conta a súa procedencia e a súa escala. A esta cita, a principios de xullo, da cidade gala acoden programadores e críticos de todo o planeta para esculcar con detemento a grella de programación. Un filme que se proxecta en Marsella pode ver asegurada a súa repercusión mundial pois alí nacerá con certeza unha máis que interesante vida polo circuíto de festivais internacionais.
A presenza do cinema galego non é estraña. O que se denomina Novo Cinema Galego empregou o FIDMarseille como altofalante para facerse visible e lexitimarse. Polas súas pantallas pasaron Vikingland de Xurxo Chirro en 2011, Electro-class de Maria Ruído en 2012 e VidaExtra de Ramiro Ledo en 2014. Mais na edición do presente ano vaise dar algo extraordinario: tres cineastas galegos estarán presentes no FID. Por un lado no FIDLAB, o encontro de financiamento, estaremos representados co próximo proxecto de Lois Patiño, Tempo Vertical. Nunha sección paralela teremos a mediometraxe de Alberto Lobelle Día da Victoria. E finalmente na competición á mellor ópera prima está o Jet Lag de Eloy Domínguez Serén.
Esta confluencia do Novo Cinema Galego dá moito que pensar. Por un lado hai que valorar que este tipo de cinematografía galega é unha das máis representadas polo que ten de risco, creatividade e calidade. Probablemente a cultura galega nunca sospeitou atopar nestes creadores os mellores embaixadores para facerse visible no mundo. E chegados a este punto precísase puntualizar se corresponde a esta potencialidade o escaso apoio que lle dá a Xunta de Galicia. Este Novo Cinema Galego puido existir gracias ás chamadas axudas de talento. Mais en 2012 se eliminaron e posteriormente volveron moi recortadas e alteradas na súa esencia.
Con esta análise ábrese unha serie de interrogantes á cal os actuais responsables da política audiovisual da AGADIC dan a calada por resposta. Por que non se apoia decididamente ao Novo Cinema Galego? Hai algún impedimento para pendurarse as medallas que consegue este tipo de cinema? Se avaliamos o apoio económico, os logros culturais e a repercusión internacional, por que non se re-pensa o modelo de axudas á produción cinematográfica? Se o Novo Cinema Galego ten que estar continuamente xustificando a súa existencia, por que non fai o mesmo o cinema industrial galego? Que réditos culturais arrastra o cinema industrial galego? Onde existe maior internacionalización, cos logros do Novo Cinema Galego ou coas misións comerciais dos produtores?
É certo que este artigo non existiría se non se producira o éxito desta tripla presenza galega en Marsella, mais non cabe outra que, unha vez máis, sacar peito e reclamar maior xustiza con estes creadores que poñen Galicia no mundo. De maneira paradoxal nunca recibirán unha Medalla Castelao pola proxección internacional que fan da cultura galega mais o que nunca lle poderá negar ninguén, nin os máis oufanos na materia (que os hai), é o lugar predominante que ocupan no decurso da historia do cinema galego.
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario