sábado, 13 de novembro de 2010

Na procura dun novo cine español

A produción científica derivada dos congresos especializados dá lugar a obras irregulares e contribucións desiguais. Porén, unha coedición da Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC) –perspicaz propagadora desde hai 20 anos de proveitosos estudos sobre cine español– e o cineasta José Luis Borau co selo Ediciones del Imán, permite unha heterodoxa exploración pola década dos sesenta en España. Momento de renovación marcado pola estela dos Novos Cines que xorden (Francia, Inglaterra, Alemaña, Italia, Europa do Leste, Xapón, Latinoamérica ou Estados Unidos), prodúcese unha bifurcación que alcanza ata hoxe: a tendencia á polarización entre o realismo mesetario (Madrid) e a sofisticación algo snob emanada da chamada Escola de Barcelona. Precursores de diferentes modos de estandarización ou modernidade, o libro penetra con avidez nas razóns industriais, políticas e culturais que contribuen á evidente mutación estética acontecida entón, anticipo do excepcional corpus fílmico realizado na transición.

Olas rotas, como toda publicación modelada por Julio Pérez Perucha, parte dunha sólida estrutura. Recolle tanto as principais ponencias acontecidas no marco do XII Congreso da AEHC (Castellón, 2008) como unha selección dos debates xerados. A crise de espectadores, o control da billeteira, o relato documental unívoco esbozado por NO-DO, insólitas pezas vascas, autores concretos (Patino, Summers, Berlanga, Viota, Zulueta, Grau) son parte dunha obra chea de agudezas, apostilas e precisións. Por iso resulta moi suxestiva a súa lectura na compaña do riguroso traballo de Santos Zunzunegui publicado por Paidós Los felices sesenta (2005).

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 13 de novembro de 2010.

Ningún comentario:

Publicar un comentario