venres, 19 de novembro de 2010

48 Festival de Xixón

Hoxe comeza a edición número 48 do Festival de Xixón, noutrora centrado no cinema infantil e xuvenil (que segue a ocupar unha sección específica, Enfants Terribles), e agora convertido no principal punto de encontro dos cinéfilos do estado grazas aos seus sempre estimulantes contidos. A persoa que fixo grande o festival é o seu director dende hai quince anos, José Luis Cienfuegos, que suma á súa audacia e intuición como programador o carisma dunha rock star.

Á tripla presenza galega nas seccións principais que lles anunciamos hai un mes (Oliver, Peque e Santos) hai que engadir outro nome, Alejandro Marzoa, que presenta Amistad en La noche del corto español. Na competición oficial, Aurora de Cristi Puiu (o director que nos redescubriu Rumanía con A morte do señor Lazarescu), Año bisiesto de Michael Rowe, Cámara de Ouro en Cannes, Meek's Cutoff de Kelly Reichardt e a marabillosa Alamar de Pedro González-Rubio, con máis que probábel presenza no palmarés representando un papel equivalente ao de La Pivellina en 2009.

A vitalidade do novísimo cinema alemán fica probada no ciclo Escuela de Berlín, con obras de Maren Ade, Thomas Arslan e Angela Schanelec, entre outros. A documentalista Kim Longinotto, a quen recordamos por Sisters in law, ocupa outra das retrospectivas; entre todas elas é obrigado salientar a que se lle dedica ao mestre Eugène Green, un home do teatro que non dirixiu a súa primeira longametraxe até despois dos cincuenta e que leva unha década fabricando obras mestras como Le Monde Vivant, Les signes ou A Religiosa Portuguesa, cunha equilibrada mestura entre o rigor das composicións e o sutil humor que latexa ao fondo das súas imaxes.

Publicado en Xornal de Galicia o venres 19 de novembro de 2010.

Ningún comentario:

Publicar un comentario