venres, 16 de outubro de 2020

Crónica primaveral do Novo Cinema Galego

por Xurxo González

A finais do século pasado a historiografía cinematográfica galega saloucaba polo pretérito na procura de episodios nos que se vise unha estreita vinculación entre o cinema e Galicia. Daquela, Xosé Nogueira, profesor da USC, publicaba un libro sobre O cine en Galicia, editado por A Nosa Terra. Era unha publicación encadrada dentro dos fastos do centenario do cinema e onde tanto investigadores como público viron nesta celebración a oportunidade de contemplar a evolución dun trebello, posteriormente convertido en arte, ao longo do seu século de existencia. Mais, para alén da súa perspectiva revisionista, resulta totalmente evocador e destacable a súa última pasaxe:

“As posibilidades das últimas xeracións de creadores son, pois, moito máis amplas que nunca. Deles depende agora compatibilizar as novas tecnoloxías cunha produción vendible e universal, si, pero cuns sinais de identidade que a identifiquen. Porque para que unha cinematografía teña lugar no mundo, debe propor un punto de vista sobre as emocións e sobre as cousas. Debe, en definitiva, construír non só infraestruturas senón tamén unha mirada propia” [1].
Este parágrafo viña a pór o punto final á travesía do cinema por Galicia e que funcionaba como un colofón que agoiraba o que estaba por vir. Desde aquela non se pensou a imaxe cinematográfica en Galicia e todo ficou ao pairo de que as inclemencias que se cernen sobre esta disciplina artística escaparan e se soubese cal sería o rumbo axeitado que ía tomar. Malia isto, estas palabras daban plena confianza á irrupción dos novos creadores que coa axuda dos adiantos tecnolóxicos construirían unha mirada propia. Este texto remata deixando intuír un aviso a quen daquela fose o responsable e é que non chega coas “infraestruturas”, é dicir, co apoio da administración a crear “músculo” no sector, senón que o grande feito diferencial na cinematografía sempre estará depositado no talento.

Nos últimos lustros falouse en reiteradas ocasións da “morte do cinema” ante a imposibilidade de sistematizar os frenéticos trocos dentro da creación cinematográfica. Mais dunha vez insistiuse no estado crítico dunha disciplina que loita de maneira desesperada por redefinirse. Aquí é onde se produce a disparidade, a distancia entre os “horizontes de expectativas” dos creadores e dos demais axentes que interveñen na institución cinematográfica. Hai cineastas que intentan ser contemporáneos da súa época e avogan por un modelo de cinema distinto ao establecido, unhas maneiras arquetípicas e domesticadas nas que existe unha adecuación aos gustos xeneralizados do receptor. Por outro lado temos directores que circulan por un camiño oposto intentando buscar novas vías. Unha vangarda que tira polo cinema intentando buscar novas fórmulas estéticas, preocupacións temáticas e modos de produción. Con estas traxectorias prodúcense feridas de carácter psicolóxico, friccións entre asumir o novo e respectar o vello.

Xunto a Martin Pawley e José Manuel Sande formei parte de Acto de Primavera, un colectivo que pretendeu pór en valor o Novo Cinema Galego. Éramos conscientes de que ao destacar o traballo destes xoves creadores estábamos poñéndonos a favor desta nova maneira de creatividade audiovisual. Acto de Primavera quixo asumir a súa responsabilidade como axente da institución cinematográfica galega para chamar a atención sobre este núcleo de creadores. Sabemos que a crítica non ten porqué ser secundaria e permeable aos intereses da industria, nós optamos por unha crítica activa e combativa que fora altofalante do esforzos dos creadores e para servir de conciencia para os outros axentes do sector audiovisual en Galicia máis preguiceiros en asumir a súa responsabilidade.

Un dos propósitos destes desvelos foi intentar contar as cousas como nunca se fixo: en presente. Unha máxima que suscitaba certo “salto ao abismo” xa que non existe o respaldo da distancia histórica. Mais recollemos a luva e aceptamos o reto de intentar que a crítica cinematográfica galega fose quen de interaccionar e coidar o campo creativo. Acto de Primavera comezou a súa andaina a finais do ano 2009 preocupados pola desaceleración producida no audiovisual galego debido ao troco político onde perigaban dunha maneira seria todos os logros conseguidos en anos atrás. Foi así como os seus integrantes decidimos apostar polos últimos creadores en aparecer co propósito de animalos a continuar e a dar a coñecer as súas inquedanzas e os seus traballos.

Non obstante, non sería ate setembro de 2010 cando, apoiados pola Universidade de Vigo, se organizou, na Casa das Campás, no Campus de Pontevedra, uns encontros sobre o Novo Cinema Galego. Oito sesións, espalladas nos seráns dos venres, nos que pola cidade do Lérez pasaron representantes das distintas tendencias que poden ilustrar a variedade desta práctica artística. A partir deste evento esta etiqueta tivo o seu eco nos medios e foi cando nese momento a industria e o público comezou a situarse sobre a cuestión. Convén apuntar que a data do bautismo non se corresponde coa data de nacemento xa que non hai posibilidade de que unhas verbas produzan tan elevado alarde creativo. Primeiro existiu un contexto que leu moi ben unha política audiovisual atinada, logo apareceron os cineastas, despois os filmes e, finalmente, todo o demais.

Ante este espertar houbo quen que amosou a súa desconformidade ante a conveniencia da taxonomía considerándoa moi arriscada e oportunista. Ao noso descargo temos que dicir que estas xornadas xa estaban deseñadas para ser realizadas en primavera de 2010 mais ante as dificultades derivadas da crise e da artrose administrativa institucional decidimos adiala ate o outono. E foi entón cando houbo unha serie de coincidencias que reforzaron a nosa postura. No número de setembro de 2010 a revista Cahiers du Cinema-España comezou unha serie de “Itinerarios” que centraban a súa atención nunha serie de autores a nivel estatal que tiñan en común os seus movementos polo espazo residual que lle deixaba a industria. Foi o bosquexo do chamado Otro Cine Español. Este enfoque veo reforzado pola programación do Festival de Donostia 2010 que incorporou a representantes deste novo cinema. Esta aposta tamén foi trasladada a Cataluña onde nas xornadas Sense Fronteras, celebradas en Barcelona, os días 18 e 19 de outubro de 2010, nas que se discutiu sobre a existencia dun Novo Cinema Catalán.

Resulta moi complicado establecer lazos de parentesco entre estes focos. Nun principio pode pensarse que está xurdindo unha “nova vaga” dentro do cinema español. Un xermolar de novas propostas en distintas zonas no que existen “relativas” contaminacións entre o que se fai no centro de España e na súa periferia. Obviamente Cataluña e Madrid saen desde posicións máis adiantadas xa que hai certa complicidade coa súa industria e posúen certa inercia dos seus creadores. Porén en Galicia todo resultaba máis fráxil e non porque haxa menos autores e menos obras, senón porque ao partir de cero o concepto marxinal e independente cobra inusitada preponderancia. Esta postura desvalida explícase porque non hai case que ningún arroupo por parte dun sector perpetuado en prácticas cinematográficas compracentes. Mais este ambiente fai dobremente interesante a eclosión galega xa que as posturas e os riscos creativos son de maior fondura intentando establecer un diálogo fértil entre referentes artísticos contemporáneos, entre a identidade galega e a liberdade creadora.

Recorrendo á denominación de “Novo cinema galego” sabíamos que entrábamos nunha espiral similar ao do “ollo dun furacán”. Barallamos outras posibilidades máis non había outra máis acaída que a que ao final se outorgou. Acto de Primavera tiña unha chea de dúbidas e inquedanzas en como ía a reaccionar a xente ante semellante grado de atrevemento. Nun principio contemplamos a posibilidade dalgún eufemismo mais ao final decidimos que era oportuno chamar as cousas polo seu nome e non só iso, senón que había que dicilo dunha maneira alta e clara, orgullosos da tarefa do cometido.

Entre nós tamén houbo dúbidas a empregar a denominación non porque non crésemos nela senón que dubidabamos do significado concreto desas tres palabras, xa que, debido a circunstancia na que se move o audiovisual contemporáneo, son moi dadas en cuestionarse. A primeira palabra era “Novo” e a primeira dúbida que nos entrou foi se antes houbera algún outro cinema galego. Mais ao final optamos en que si quedara constancia dun cinema galego anterior mais coincidíamos en que en liñas xerais era un cinema malo e esgotado. A segunda palabra, “cinema”, facía fincapé no debate ontolóxico no que se remove esta expresión artística intentando non retroceder diante das ínfulas expansivas do audiovisual. Tamén falaba dunha ferramenta da que apenas se bota man en comparación ao emprego da tecnoloxía dixital. Actualmente xa non se filma, xa non se recorre ao “celuloide-acetato”, agora grávase e se renderiza. Polo tanto nun principio falar de “cinema” resultaba arriscado mais este debate o que facía era constatar a inestabilidade e os cambios da disciplina en presente. Mais aínda permanece indemne a consideración da aura do cinema centrada sobre todo no emprego dunha linguaxe que por moitas variacións que se contemplen nas pólas audiovisuais vai seguir tendo a súa consideración e consistencia. Por último engadiuse a palabra “galego”, un adxectivo que sempre que foi utilizado suscitou as máis acesas polémicas á hora de saber todo o que estaba baixo o seu paraugas. Tradicionalmente supuña unha especie de denominación de orixe no que se incorporaba a todo cinema feito e producido por galegos. Mais nos distintos estadios da historiografía contemporánea houbo moitas variantes intentando antepoñer á produción cinematográfica cuestións derivadas da normalización lingüística. No caso dos creadores existen moitos que fan as súas obras fóra de Galicia empregando outros idiomas (árabe, alemán, inglés, castelán…) mais isto tamén é unha característica dos novos tempos da creación cinematográfica: a expansión e busca doutros escenarios alén da realidade galega. Mais isto non supón que mingüe a mirada galega destes creadores senón todo o contrario, moitas veces, déixase constancia dunha maior vinculación con Galicia coincidindo coa maneira de ser do galego, coa desautomatización de procesos e cualificacións de identidade e co secular estigma migratorio das súas xentes.

Recorrer a unha denominación como a de “Novo Cinema Galego” produce vertixe porque en tempos nos que domina a globalización e homoxeneización pode parecer un contrasentido. Máis aínda cando se recorre a unha terminoloxía propia dunha historiografía sobrepasada e correspondente a épocas pretéritas. Porén o centenario do cinema e o cambio de milenio, rexidos polo nihilismo posmoderno do “fin da historia”, supuxeron un acicate nos prismas dos estudos sobre o cinema. Con esta evolución embocouse a certa revisión da modernidade como única perspectiva útil para erradicar a crise heurística. Así, deste xeito, a contención dos Estudios Culturais volveu a resituar xeoestratexicamente os discursos con acento propio dentro de relacións dominantes derivadas do panorama cultural a nivel mundial. Dito doutro modo, dentro do sistema capitalista predominan unha correntes que establecen as pautas de consumo e que decididamente inciden nos procesos de creación polo que existe unha predilección ou certa inclinación a situar a atención dentro das posicións que se saltan esa subordinación.

Así non é de estrañar que a historiografía e a crítica cinematográfica centre o seu interese no denominador común da construción de discursos de imaxes audiovisuais procedentes de cinematografías afastadas de tributar ao mainstream. Desde comezos do século XXI houbo unha tendencia a destacar certos focos de creación cinematográfica que até eses momentos non foron descubertos ou sinxelamente non postos en valor. Estes reencadramentos fixeron que a atención cinéfila e dos estudos recaese en países que, ate fai pouco, nin sequera eran considerados dentro da práctica cinematográfica. Foi así como a atención se dirixiu nun primeiro momento cara a efervescencia no cinema arxentino e, despois, cara o despunte de Romanía e de certos países asiáticos (como China, Corea do Sur, Taiwán, Tailandia e Filipinas) quen amosan unha maior converxencia cara aos novos tempos.

Mais esta renovación tamén tivo lugar dentro das cinematografías de maior tradición industrial como pode ser o mesmo EE. UU., Francia ou Alemaña. Estes procesos internos (Novo Cinema Underground Americano, Nova “Nova ola” francesa, Escola de Berlín) orixínanse tendo en conta o seu posicionamento nun extremo do cinema comercial. Moitas veces xorden como movementos internos onde dar cabida a propostas dun carácter máis artístico mais case sempre son conscientes da dialéctica co cinema dominante, dialogan coa tradición cinematográfica e cultural do país e son quen de participar dos novos modelos estéticos e de produción que hoxe en día constitúen a ponte para as perspectivas da vangarda.

Todo este xermolar na periferia do convencionalismo do cinema estivo amplificado en España por medio da crítica máis ácrata do establishment cinematográfico. Por unha parte a crítica fíxose eco de todo este caudal que ficaba agochado na sombra das producións comerciais das cinematografías máis asiduas ás pantallas españolas, mais esa atención foi insuficiente e por medio das seccións e retrospectivas dos festivais permitiuse a chegada de novos xeitos de pensar o cinema procedente do que está a pasar en países que teoricamente non contaban para liderar o cinema contemporáneo. Esta perspectiva acrecentouse no campo da historiografía española coa colección sobre os “Nuevos Cines” que se deseñou desde o IVAC en colaboración co Festival de Xixón na primeira década do século XXI. Ao longo de sete entregas debullouse a modernidade cinematográfica a través da súa experiencia máis demoledora que foi a configuración deses Novos Cinemas.

Sen dúbida toda esta efervescencia axuda á hora de esfiar polo miúdo o que se agocha detrás da denominación de Novo Cinema Galego. Existe unha tentación máis que lícita de facer asociacións a estes movementos de modernidade, mais os tempos son distintos e existe cautela á hora de establecer os resortes destas novas prácticas en Galicia. Mais comezaremos por sinalar as concomitancias que parten da idea de fastío cara unha maneira caduca de facer cinema. O proceso de renovación xorde de novos creadores que irrompen do panorama cinematográfico de Galicia que se caracterizan por un decidido xesto creativo, pola súa maneira de pensar a imaxe, pola súa independencia e liberdade e por unha ampla cinefilia que vai desde o coñecemento da Historia do cinema ate a actualidade do que se está a facer nos lugares máis recónditos do planeta. Estes cineastas veñen das escolas de cinema ou da creación noutras manifestacións e eidos artísticos e noutros casos trátase de representantes que posuían certa traxectoria no mundo industrial e que sinxelamente apostaron por proxectos que entraron dentro destes parámetros de aposta creativa e de produción mínima. A maioría dos traballos foron proxectos independentes impulsados polo propio creador ou por produtoras non convencionais. Producións moi pequenas, de moi baixo orzamento ou incluso próximas á autoxestión. Outra cousa foi cando estes creadores comezaron a adherirse a procesos industriais, buscando a complicidade das produtoras afíns a esa maneira de facer. Esta simbiose fixo que aparecera unha nova variante que podemos denominar o “NCG integrado”. Varios autores na procura da súa supervivencia para “vivir do cinema” dan un paso adiante na súa escala de proxectos, un crecemento que repercute na súa capacidade de manter as esencias primixenias.

O coagulante deste magma creativo foi o traballo desempeñado pola Axencia Audiovisual de Galicia (AAG), departamento dependente da Consellaría de Cultura e Deporte. Un organismo dirixido por Manolo González que xestionou con contrastado éxito as axudas á produción audiovisual do goberno bipartito, conformado polo PSdeG e o BNG, no período que abrangue desde xuño de 2005 até febreiro de 2009 [2]. Non se pode agochar que a política audiovisual galega durante este tempo foi bastante accidentada debido ás tensións entre os dous socios de goberno, mais o papel xogado pola AAG foi tan determinante que ensombreceu as complicacións xurdidas dos intereses políticos. Ata o día de hoxe o legado do bo facer da AAG foi mantido pola AGADIC unicamente nas convocatorias das “axudas de talento” que, aínda que intermitentes e alteradas, constitúen o único apoio institucional a esta maneira de facer cinema onde as persoas físicas podían ser acredoras destas subvencións. Por contra, o “NCG integrado” foi recibindo apoios das axudas convencionais que a AGADIC dispón para o sector.

Dentro do obxectivo de definir o corpus central do que se denominou Novo Cinema Galego habería que falar tamén dos elementos que xogaron en negativo, é dicir, que non cumpriron “en tempo” a súa función dentro da “institución cinematográfica galega”, tal como puideron ser o sector industrial, os medios, os festivais, a formación... Non obstante, hai que dicir que este intento e proxección veu da man da crítica, un papel moi semellante ás alboradas dos “novos cinemas” que emerxeron na modernidade. Ante a escasa recepción por parte das tradicionais canles transmisoras da promoción audiovisual procedeuse a unha toma de conciencia por parte da “nova crítica cinematográfica galega”. Este estamento, o da crítica cinematográfica en Galicia, estivo polarizado en dúas posturas: unha perspectiva en grado sumo condescendente coa produción industrial galega -unha perspectiva da que facía gala toda a crítica pertencente a corporacións de medios de comunicación que teñen intereses no mercado audiovisual-; e, a outra postura, a dos críticos que sen este tipo de “ataduras” escribían para medios estatais e miraban cara a “outras cousas”, porque a produción local non se axustaba o máis mínimo aos cánons artísticos que despuntaban no panorama internacional.

Conscientes desta dualidade e ante a aparición dos novos creadores unha nova xeración de críticos deu un paso adiante e oficializou un movemento de xuntar esforzos e pareceres dentro dun colectivo que se deu en chamar Acto de Primavera [3]. A idea principal é a de intentar manter como obxectivo principal unha defensa das novas propostas cinematográficas e dos modos de produción nas que se sustenta. Está máxima está por riba de gustos ou cuestións persoais. Con estes vimbios procedeuse a intentar que non decaese o atinxido con tanto esforzo por parte da AAG. Foi así como se intentou atopar plataformas no que por en valor este legado: por medio dun blog, por medio de xornadas, de conferencias, programas de radio, seleccionando en festivais, aconsellando a programadores, pasando copia de traballos a festivais e a outros críticos, escribindo textos… Unha campaña de divulgación feita desde o único medio e respaldo de crer de que un novo xeito de facer cinema en Galicia acorde cos novos tempos era posible.

Dunha maneira diáfana e consecuente hai que dicir que a intención desta “etiqueta” foi a de destacar algo sobre outras cousas. Esta distinción veu suliñada sobre todo polo desexo de priorizar unha nova xeración de creadores que participaron de novos xeitos de producir e de facer as cousas. Hai creadores e traballos que non foron salientados, emporiso isto non é ningún elemento de demérito ou de cuestionamento do seu traballo. Desde Acto de Primavera estivemos dispostos a acabar co mal fado que caracterizou o intercambio xeracional ao longo da Historia do Cinema Galego. Sabemos que este feito marcou dunha maneira negativa as distintas épocas nas que se pode estratificar a creación cinematográfica en Galicia. Unha e outra vez as novas xeracións de creadores e técnicos foron relegados a postos secundarios pola concepción xerárquica do organigrama profesional e pola falta de confianza cara aos responsábeis últimos das producións. Somos conscientes de que eran as taxas que tiñan que pagar para poder subir na escala e chegar a vivir do mundo audiovisual. Mais agora os tempos son outros e non se precisan tantas servidumes polo que é inútil perpetuar modelos de produción tan avellentados. Sinalando a irrupción desta xente quixemos rachar esta dinámica e propiciar novas maneiras de entender o cinema para que así as xeracións vindeiras teñan un camiño máis andado.

Esta definición causou e está a causar opinións de todo tipo: a favor e en contra e, incluso, con matices. Éramos totalmente conscientes de que esta disparidade de pareceres íase producir, polo que este debate ou esta crítica xa a dábamos por válida como elemento axitador de conciencias e de repensar o cinema en Galicia. Obviamente, hai quen recibiu este proceso constituínte como un acicate para esporear unha industria tradicionalmente conservadora e hai quen, sobre todo membros defensores dunha visión comercial do cinema, foron disidentes desta fórmula e non aforraron comentarios despectivos. Mais esta diverxencia tamén sucedeu dentro dos creadores, entre os que existen dúbidas sobre o concepto, a subxectividade coa que é aplicado e de quen partiu. Insistimos en explicar que a nosa postura non foi trasladar unha “política de autores” férrea e inmóbil, tampouco defendemos unha “escola” nin un “movemento” entendido dun xeito académico, si defendemos unha “efervescencia” creativa derivada dun contexto que favorece esta aparición de creadores que non participan de semellanzas estéticas mais si de arriscadas intencións creativas feitas con frugais condicións de produción.

Sentímonos totalmente lexitimados a outorgar esta denominación pois foi totalmente consecuente cunha fonda análise do que estaba a ocorrer coa práctica cinematográfica a nivel mundial, ao que hai que sumar o respecto pola infraestrutura cinematográfica xa creada en Galicia e o desexo de pór en valoración o máis importante sobre o que se ten que rexer unha cinematografía: o talento. O problema de sermos mal entendidos xorde como apéndice dun debate máis xeneralizado onde desde hai tempo se cuestiona os críticos cinematográficos como adecuados axentes intermediarios entre o creador e o espectador. O noso propósito foi dar conta destas propostas cinematográficas, falando ou escribindo, porque cremos na epifanía que no seu día subscribiu Alain Bergala: “escribir crítica fai que as películas sigan vivindo”, é dicir, que se escribimos sobre determinado cinema eses filmes existen. A nosa idea foi practicar o ”desocultamento”, descifrar a imaxe consensuada e deixar visible para o espectador unha serie de creadores e de obras que intentan abrirse camiño entre a lea na que está asolagada a disciplina cinematográfica.

O Novo Cinema Galego existiu. Foi unha estraña e magnífica confluencia da que puido e debía gabarse moito máis a cultura galega. Uns cineastas que grazas aos seus filmes puxeron Galicia no panorama cinematográfico mundial sen necesidade de dispendios económicos e unicamente facendo gala do seu atrevemento e creatividade. E tamén hai que dicilo, porque houbo unha crítica que puxo o foco no que estaba a suceder, na súa contemporaneidade. Nesta crónica primaveral desistimos de falar do devalar do outono caduco e mesmo da inverneira máis inerte, mais hai que estar confiados de que novas e mellores primaveras estarán por chegar. Galicia xa foi testemuña dun ciclo cinematográfico excelso, sabe como agromaron as flores fráxiles e como estas derivaron en saborosos froitos. Volvamos coidar a terra.

* * * * *

Notas

[1] Nogueira, Xosé. O cine en Galicia, A nosa terra, Vigo, 1997, p.380.

[2] A Axencia Audiovisual Galega constituíuse de maneira oficial en novembro de 2006 e desapareceu en decembro de 2008, integrándose dentro do organigrama da AGADIC (Axencia Galega das Industriais Culturais).

[3] En homenaxe ao filme capital na carreira cinematográfica do director portugués Manoel de Oliveira: Acto da Primavera (1963).

Ningún comentario:

Publicar un comentario