Martin Pawley (MP): Sinto, un ano máis, moi limitada simpatía polos filmes candidatos aos Oscars nas categorías principais, e pode resultar estraño afirmar isto cando hai entre eles tantos títulos que xeraron consensos críticos, de Parásitos aos de Scorsese e Tarantino. O filme con nominacións polo que sinto verdadeiro entusiasmo, o que si me parece un dos mellores do ano, é Dolor y gloria de Pedro Almodóvar, que penso que está xa entre os mellores seus, por detrás de La piel que habito e Hable con ella e quizais tamén de Julieta, un Almodóvar que pasou máis inadvertido do que debera. Empezamos por Dolor y gloria, se vos parece.
Xurxo González (XG): Para min Dolor y gloria supón a reconciliación con Almodovar e concordo en que tiña que ter mais impacto. Para min é un exercicio excelso de depuracion do que foi até agora. Apunta a certo grao de apertura cara a continxencias exploradas por outros xenios do cinema (Bergman, Sirk). En definitiva estamos diante dunha obra maestra exacta á cal non lle sobra nada. O problema para os Oscar é que este atemperamento da excentricidade pode ter menos gancho para os posibles electores.
MP: Cando falei dun Almodóvar que pasou inadvertido, referíame a Julieta, que me encanta. De Dolor y gloria abráiame unha vez máis a capacidade do cineasta para facer fácil unha estrutura narrativa complexa, con escenas que transcorren en varios tempos mais que se suceden dunha forma incribelmente fluída. É marca da casa, igual que a capacidade para introducir con naturalidade recursos narrativos que noutras mans poderían resultar artificiais ou externos, coma o filme "El amante menguante" e as coreografías de Pina Bausch en Hable con ella ou, aquí, o monólogo teatral de Asier Etxeandía e antes a "animación científica" que explica as dores. Chegou a ese nivel de mestría no que as cousas máis difíciles parecen fáciles. Infelizmente, coincidiu no tempo co filme de Bong Joon-ho, que lle vén roubando inxustamente premios desde a propia Palma de Ouro de Cannes. Non me interesa nada Parásitos. Minto, interésame un pouco ao principio, mais axiña me parece rutinaria e logo deriva cara ao exceso no tramo final. No fondo, é como un filme de Alex de la Iglesia, só que mellor filmado, mais coa mesma carga cínica e reaccionaria.
XG: O de Parásitos si que é inexplicable, a verdade. Non sei a que vén ese consenso crítico. Que miradas avezadas non lle saquen imperfeccións preocúpame: por un lado está a construción a base de guión que repite maliciosamente estruturas, xiros de xénero impactantes, un final tendencioso e unha lectura social moi cuestionable. Supoño que a película funciona ben en distintos niveis culturais. Supoño que terá máis dun recoñecemento nos Oscar porque é un filme entretido pero mais nada. Supoño que en poucos anos Hollywood fará un remake.
Sobre todo, indígname o final. Parécese moito ao de La última noche de Spike Lee, pero se queda todo no xiro final, mentres que Spike Lee fai partícipe ao espectador do ton elexiaco e distanciador. Vaia, pura poesía! En Parásitos parece unha escopeta de feria.
MP: Parece claro que Parásitos pode ser unha das triunfadoras da noite e se fará notar en máis dunha categoría. E supoño que os premios principais -director, película- e varios técnicos recaerán en 1917, outro caso para min incomprensíbel, aínda que a falta de peso actoral pode restarlle votos. Un filme sen forza cuxo principal mérito é o artificio do suposto "único plano secuencia", que para empezar son dous. Mais é un artificio técnico gratuíto, que non se corresponde realmente co tempo do relato -transcorre un día enteiro, de mañá a mañá con noite de por medio-, de maneira que esa continuidade non representa nada, é apenas un xogo dixital para entreter a xente ante a alarmante ausencia doutras ideas.
Os premios previos debuxan un cuarteto de interpretacións gañadoras bastante probábel. Dunha banda, Joaquin Phoenix polo Joker, cumprindo esa vella máxima pola cal un actor que deu no pasado grandes actuacións, complexas e sutís, gaña o Óscar pola máis aparatosa e grotesca. Non encontro nada valioso no Joker e xa dixen nalgures que mentres a vía imaxineina feita por Alberto Gracia e gustábame máis esa versión soñada: Alberto era perfecto para levar a película cara ao seu lugar natural, unha sátira xenuína dos delirios da cultura pop da imaxe que padecemos hoxe. A verdade, non sei que lle pasou pola cabeza a Lucrecia Martel ao premiala en Venecia.
É unha mágoa que Banderas non teña nin remota opción de premio, mais tamén o sinto por Adam Driver, que está moi ben en Marriage Story, aínda que polo filme en conxunto non acabo de sentir simpatía, ese drama de parella que se quere mais se despedaza arrastrada por avogados crueis dáme bastante igual. Os ricos tamén choran? Pois síntoo por eles. Mais ver a Adam Driver cantando o Being Alive de Sondheim paga a pena. Gañará o Oscar como actriz secundaria Laura Dern, e eu acéptoo como recompensa tardía por Inland Empire, un dos mellores traballos dunha actriz no século XXI polo que nin sequera foi candidata.
José Manuel Sande (JMS): A interpretación de Antonio Banderas en Dolor y gloria é absolutamente memorable, apoteósica. Mágoa como Joker de xeito irreversible (e efectista cara unha efeméride como esta) constrúe o filme como unha performance avasaladora de Phoenix. Parece difícil que haxa sorpresa neste apartado malia as interpretacións cheas de matices de Leonardo DiCaprio e Adam Driver (Pryce é un moi bo actor, aínda que non vin o seu filme)
MP: Leonardo DiCaprio é un actorazo que sempre está ben. É curioso como, imaxino que ante o triunfo case seguro de Phoenix, derivaron a Brad Pitt á categoría de actor secundario, cando realmente é máis protagonista aínda que DiCaprio. Mais Leo xa ten Oscar e Brad como actor aínda non, así que foron a asegurar as opcións. E paréceme ben, moi merecido. Desde hai anos Brad Pitt está á altura dos grandes, ten esa presenza escénica dos actores clásicos, dá igual o que faga, enche a pantalla. A miúdo escolleu películas de interese dubidoso, mais para a historia quedan monumentos como The Tree of Life, que tamén produciu. Porque tamén é un produtor hábil, que está detrás dun dos Oscars ao mellor filme que mais me interesa no que vai de século, que é Moonlight.
Conste que a película de Tarantino tamén non me volve tolo, véxoa como sempre moi estirada e en diferentes momentos teño a sensación de que me sobran escenas. O que me fascina dela é a reconstrución dunha época: os decorados, o vestiario, as luces de neon... Tarantino transpórtate ao pasado con ferramentas analóxicas dun xeito que raras veces consegue o dixital. Das candidatas que hai pareceríame a única gañadora xusta e digna, se soase a frauta.
JMS: Esa categoría, a de actor secundario, ten este ano un lustre e peso histórico que impresiona. A vitoria que semella moi asegurada de Pitt, cunha traxectoria intelixente por detrás e motor carismático do filme de Quentin Tarantino, convive con actores míticos ou brillantes como Pacino, Pesci, Hopkins ou Hanks. As grandes interpretacións de Alan Alda ou Ray Liotta en Marriage Story farían precisa nesta ocasión a ampliación da categoría...
Laura Dern, secuencia con discurso de reivindicación feminina para as escolmas e o recordo, é tamén clara favorita, outro premio a unha traxectoria, que sumado ao probable galardón á Renée Zellweger de Judy pode deixar a Scarlett Johansson con dúas nominacións fallidas sen nada
MP: Hanks está estupendo, tamén coma sempre, mais o seu filme é tan, tan irrelevante... En canto a The Irishman, tardei en vela porque outra historia de mafiosos máis producíame a priori bastante preguiza. Cando a vin, constatei que tiña razón. Está todo en orde en The Irishman, por suposto, unha vez que te autoconvences de que o retoque dixital das caras non é tan ridículo como en efecto é, mais a película para min non ten moito interese e non vexo xustificada a súa duración.
O de Judy súmase a esa teima de revisar os personaxes gloriosos de Hollywood en subprodutos con alma de TV movie que achegan, como moito, imitacións eficaces. Aí están, no pasado recente, My Week with Marilyn, Film Stars Don't Die in Liverpool ou aquela sobre Hitchcock. Son desas películas que duran na memoria 45 segundos.
JMS: Totalmente de acordo. O biopic é unha oportunidade magnífica de reflectir complexidades, de análise de entorno e recuperación de pedazos de memoria. Esta formulación baleira e inane que indicas devén despilfarro global, no que unicamente gaña algún intérprete, dada a atracción e carácter resultón destes roles nas galas de premios.
MP: No caso de Judy chama a atención como manexa a opresión infantil da actriz: parece todo cousa dun único "malvado produtor" e non "do sistema". Cando, para alén da indiscutíbel tiranía dos homes poderosos á fronte das majors, o problema evidentemente era sistémico: a fábrica que era Hollywood creaba, manipulaba, espremía e destruía as súas criaturas segundo as necesidades de cada momento. Mais, obviamente, a industria non vai cuestionar a industria. E a simplificación de personaxes complexos, coma Judy Garland, é profundamente inxusta.
JMS: Para min, algúns dos títulos que máis deron que falar este ano, supostos grandes filmes para a historia, están cheos de sombras. Isto sucede con Joker, da que te esqueces nada máis saír, o que contrasta coa súa petulancia e tentativa de transgresión. The Irishman tampouco engade nada especial ás sagas de Scorsese e leva a confundir solvencia con relato maxistral. Pola súa banda, un conto de guión tan elaborado como Parásitos perde fol no segundo tramo (máis aló do inusual achádego da terceira familia ou novo nivel narrativo) e vese sepultada a unha formulación onde a obediencia aos resortes de xénero -cos seus tics singulares- pode co potente substrato sociopolítico, que alcanza o choque contraditorio. Todas por suposto películas ben realizadas, pero desde a miña perspectiva sobrevaloradas.
MP: Concordo. Sinto bastante simpatía pola adaptación de Mujercitas que fixo Greta Gerwig. É habilidosa a idea de romper a orde cronolóxica do relato e reforzar, na parte final, o elemento metanarrativo. E Saoirse Ronan é unha actriz notábel que lle dá moita forza ao personaxe de Jo. O peor de todo nesa película é Timothee Chalamet, unha aparición rutilante do cinema recente que tamén non consigo comprender.
Botades de menos algún filme? Eu vou citar tres. Despois de gañar varios premios entre colectivos de crítica USA, eu agardaba que a fotografía de Portrait de la jeune fille en feu, a cargo de Claire Mathon, entrase no quinteto de finalistas para facer dela a segunda directora de fotografía candidata en toda a historia. O filme de Celine Sciamma é un dos meus favoritos do ano, deixoume prendado o seu discurso sobre a construción da ollada do artista, que ten algo tamén de metacinematográfico: igual que a pintora aprende a mirar e en consecuencia a pintar (e a namorarse) da modelo, tamén o fai a cineasta e o espectador. É un filme de aparencia moi clásica máis radicalmente actual, incluída a súa poderosa mensaxe feminista. Unha marabilla.
Outro exemplo é Atlantique de Mati Diop, tamén con fotografía de Claire Mathon, que pasou á preselección na categoría de filme internacional mais non ao final ao quinteto definitivo. Encantoume a ousadía de Mati Diop para afrontar desde a ficción con xiros fantásticos o retrato social da xuventude senegalesa e a traxedia dos inmigrantes que morren no mar. Contra os achegamentos máis convencionais aos dramas do noso tempo, a audacia do fantástico fillo ou neto de Jacques Tourneur.
Un terceiro caso máis estraño é o do documental Apollo XI de Todd Douglas Miller, que recupera imaxes abraiantes, algunhas en glorioso 70 mm, da primeira misión que puxo un ser humano na Lúa. É, ademais, un sensacional traballo de montaxe, que ben merecía ser candidato tamén nesa categoría. E tivo certa repercusión en salas, así que é asombroso que se esqueceran del. Pregúntome se, por tratarse dunha película feita exclusivamente de imaxes de arquivo, a rama de documental da Academia non a ignoraría en favor de traballos "filmados" agora, aínda que sexan máis convencionais. Omito nesta listaxe, por suposto, filmes maxistrais coma Sinónimos de Nadav Lapid que, obviamente, están moi lonxe das coordenadas de Hollywood.
JMS: Os filmes do ano presentes no grupo de candidatos a algún premio e que me apelan de diferentes maneiras son Once Upon a Time... in Hollywood, Dolor y gloria, Ford vs Ferrari e Marriage Story. Isto significa tamén que en condicións normais podería ser a ocasión para premiar a Quentin Tarantino como director e deixalo no lugar onde merece estar. O filme, lúdico e socarrón, reúne ingredientes propios e atractivos para a propia industria (aproximación ao mundo do cine mesmo, reconstrucción de época e subversión de sucesos emblemáticos, saborosos paralelismos, capacidade autocelebratoria ou elenco estelar).
Almodóvar segue sumando propostas maxistrais cun baleiro emocional e exploración persoal nunca vistas así con anterioridade. Ford vs Ferrari recupera o brío e concepto de profesionalidade aplicado a fondo dun Hawks, mentres Marriage Story tece un retrato intenso e sutil da dor e os camiños da recomposición. Aínda que non podo confundir desexo con realidade e 1917 e Parásitos parece que poden acaparar os principais ou máis agardados premios, coincido con esa opción aberta (a máis estimulante e sensata) cara ao filme de Tarantino
XG: Pois concordo. A de Tarantino podia ser unha solucion de consenso.
MP: Non vin aínda Ford vs Ferrari (Le Mans '66). A que si vin, e tamén non pasa de ser un telefilme solvente, é Bombshell, con candidaturas un tanto incomprensíbeis para Charlize Theron e Margot Robbie. Que non están mal, mais non teñen nada de especial. É sorprendente como cada ano se colocan en posicións de privilexio filmes inanes que nin sequera responden a uns valores de grande éxito comercial. Con certeza, Tarantino merecería gañar como director e película, aínda que só fose como recoñecemento á súa sólida traxectoria, sempre na primeira liña.
XG: Le Mans '66 ten certo grao de subversión en canto a que se poden cuestionar as regras do sistema. Pouco propicio para Hollywood: pode darse por aludido, hehe.
MP: Revisando a listaxe de premiadas nas categorías de mellor filme e dirección no século XXI, chama a atención o escaso pouso que deixan a inmensa maioría dos gañadores. Diría que os únicos premios realmente importantes deste século son The Hurt Locker de Kathyrn Bigelow e Moonlight de Barry Jenkins (só película neste caso, o Oscar de dirección foi para Damien Chazelle por La La Land). Noutro nivel, premios para cineastas de longa traxectoria coma Martin Scorsese (The Departed), Clint Eastwood (Million Dollar Baby) e os irmáns Coen (No Country for Old Men), máis algúns filmes con diferente grao de interese (Argo de Ben Affleck, 12 Years a Slave de Steve McQueen ou Spotlight de Tom McCarthy, ningún dos cales foi premiado como director, Affleck en particular nin sequera foi candidato). O resto oscila entre o simplemente correcto e o abertamente abxecto: A Beautiful Mind, Chicago, The Return of the King, Crash, Slumdog Millionaire, The King's Speech, The Artist, Birdman or (The Unexpected Virtue of Ignorance), The Shape of Water, Green Book... Nestes vinte anos, Hollywood produciu moitas grandes películas, algunhas delas obras mestras para min incontestábeis, que perdeu a ocasión de "oscarizar". Penso en The Tree of Life de Terrence Malick (varias del, de feito, mais aceptemos que a máis premiábel era esta), por suposto Zero Dark Thirty de Kathryn Bigelow (e tamén Detroit), Mulholland Dr. ou mellor aínda Inland Empire de David Lynch, as de Paul Thomas Anderson (There Will Be Blood, The Master ou Phantom Thread), os mellores traballos de Steven Spielberg (Bridge of Spies e The Post), Before Sunset ou Boyhood de Richard Linklater, algunhas das máis notábeis obras de Spike Lee (25th Hour, Inside Man ou, aínda que fose como premio á súa carreira, BlacKkKlansman), a mestría de Todd Haynes en Far from Heaven, I'm Not There e sobre todo Carol, o Gus van Sant máis radical (Gerry, Elephant, Last Days), Kelly Reichardt (Certain Women, en particular), revelacións como Sean Baker (Starlet, Tangerine, The Florida Project)... E limítome a citar nomes claramente asociados á industria americana, aínda que sexa nas vertentes máis independentes (isto é, non pretendo que nomeen a James Benning ou Sharon Lockhart), e non enumero as obras mestras feitas no resto do planeta. Eu só pido que aposten polo cinema de máis altura, o que transcende o paso dos anos, e non fenómenos estritamente conxunturais dos que ninguén se acorda ás poucas semanas.