por
Miguel Castelo
Se cadra
sexa a condición de empresario o eixo sobre o que virou o motor da súa
vida. Porque Víctor Manuel Ruppen Pardo era moitas cousas, pero por
enriba de todo era empresario. E, lonxe de se enriquecer persoalmente,
tiña a pretensión de enriquecer o país. Se cadra, soa altruísta ou a
fantasía estúpida, pero era así. Porque Víctor Ruppen tiña a convicción
de que gañando todos era como máis gañaba el. E esta consideración non
descansaba só na riqueza do diñeiro. Ruppen era un grande humanista e
sabía que o beneficio vai máis alá do estritamente económico. A
fundación de empresas, de postos de traballo, a estratexia da
diversificación, a idea de crear tecido empresarial, de facer país,
estivo desde sempre na cabeza e no seu horizonte profesional. Víctor
Ruppen era ideoloxicamente moderado e, ao tempo, radical. Sabía ir á
raíz das cousas. E a súa ollada estaba sempre proxectada cara adiante.
Non perdía o tempo en lamentos. Cando algo non saía ben, unha vez
analizadas as causas, non gastaba un segundo máis en consideracións
inútiles. Púñase decontado en disposición de seguir camiñando.
A
súa curiosidade non tiña límite. Home culto -partidario da afirmación
unamuniana “a cultura fainos libres”- e interesado polas distintas áreas
do saber, a súa vocación fundamental era o cine. Grazas a el, na
segunda metade dos 70, os que daquela, máis alá dun divertimento,
oficiaban en S8mm. tiveron a oportunidade de acceder ao 16 mm. (
Illa e
A
ponte da verea vella / Equipo Imaxe) e os directores coruñeses que
aspiraban a unha profesionalización puideron rodar por vez primeira en
35 mm. (
Fendetestas / Antonio F. Simón,
O herdeiro / Miguel Gato,
O
cadaleito / Enrique R. Baixeras,
O pai de Migueliño / Miguel Castelo).
Grazas a el, os medios deron en falar da posibilidade dun cinema galego.
Ruppen abriu moitas frontes cinematográficas dentro (Salas Valle Inclán
/ A Coruña, Santiago) e fóra de Galicia (en 1976 asóciase coa
distribuidora madrileña Musidora Films, propietaria tamén das salas
Alphaville, onde ocupa a presidencia do consello de administración, e
posteriormente crea a súa división videográfica, Videogram). E por isto
todo é considerado e recordado. Mais a incerteza desta aventura era
posible pola inversión a título persoal de beneficios obtidos en
empresas máis sólidas. Lume, librería-aula de cultura, Hortanova,
central hortofrutícola, Urbilar, construtora inmobiliaria, Moblaxe,
mobiliario de cociña, eran algunhas delas. E, paradoxos da vida, a
solidez destas empresas tornouse en fraxilidade da noite para a mañá e
frustrou a súa profesional vocación cinematográfica. Pero Víctor Ruppen
continuou a se reinventar. Emprendedor, optimista, conciliador,
positivo, axudou sempre a quen puido e da súa boca nunca publicamente
saíu queixa ningunha. Coa súa morte desaparece unha figura modélica e
singular do mundo cultural e empresarial de Galicia. Descanse en paz.