Coa efeméride dos vinte e cinco anos da presentación oficial das tres primeiras longamentraxes en 35 mm. producidas en Galicia, houbo voces que venderon ese ano, 1989, coma o do nacemento do "Cine Galego". En franco desacordo con esta afirmación, Miguel Castelo escribiu o presente artigo cunha visión diferente da considerada "oficial" e, en palabras do seu autor, “sustentada en criterios historiográficos”. Unha versión abreviada do texto foi preparada para a Revista Luzes mais, finalmente, non chegou a atopar acomodo nas páxinas da mesma. Deixamos, a seguir, o texto orixinal completo:
Cine galego: reinventando a historia
Teño para min, aínda a risco de me trabucar, que non parece desencamiñado que, para establecer unha cronoloxía de feitos históricos, fixar datas e acontecementos, etc., se bote man de criterios historiográficos. De feito, paréceme que é así como se adoita facer. De que se está a falar cando se fala das orixes do cine galego? De historia? Se a resposta é afirmativa, a cousa no precisa de moitas voltas: haberá que aplicar criterios historiográficos.
Por que se afirma que o cinema galego nace en 1989? Porque se fixo unha presentación institucional a todo bombo, que tivo lugar en Vigo baixo o nome de “CineGalicia”, organizada desde a Consellería de Cultura, onde se proxectaron Urxa, Sempre Xonxa e Continental, presumiblemente as tres primeiras longametraxes galegas? É esa a razón? Porque se obtivo un rendemento mediático que agora, aproveitando un aniversario “redondo” -un cuarto de século- se quixo, institucionalmente, aproveitar de novo? Se cadra, hai algunha outra razón, pero non a dou apañado. En todo caso, digo “presumiblemente” as tres primeiras longametraxes galegas porque non é exactamente certo.
Vaiamos, con permiso, aos feitos: en 1980, Carlos Piñeiro realiza Malapata, que dura 75 minutos. Por outra banda, outro Piñeiro, Chano, inicia en 1978 a rodaxe de Eu, ou tolo, que conclúe catro anos máis tarde, en 1982, cunha duración de 110 minutos. Se as contas non me fallan, trátase de dúas longametraxes, dous filmes producidos e realizados con anterioridade aos tres títulos nos que se insiste en situar o nacemento do cinema galego. Por que non se teñen en conta estas películas precedentes? Por que están en 16 mm e Super 8, respectivamente? De ser así, o criterio que se está aplicando é estritamente o industrial: non están en 35 mm., logo non son películas. E a cronoloxía dos feitos indícanos que ademais existen outros títulos nos anos 70, anteriores polo tanto á data de referencia que se pretende impor, que están realizados en 35 mm., pero non alcanzan o tempo convencional dunha longametraxe. Que fatalidade! Agora está ben o do ancho de paso, pero non o da metraxe. E que acontece con toda a produción dos Equipos Lupa -Mesturanza, Berros na cova, Inqueda volta…- e Imaxe -Un pequeno incidente, Arredor, A fala do muiño mudo, …-, tamén na década dos 70, esforzados 8 e S-8 de diferentes duracións, sempre por baixo do tempo convencional -estándar- dunha longametraxe? Filmes concibidos e realizados cunha vocación identitaria e nacional, que, poño por caso, os autores de Miss Ledya (José Gil, 1916) e La tragedia de Xirobio (José Signo, 1930) non soñaran para os seus respectivos títulos. Tampouco contan a estes efectos? [1]
En 1984, coa Dirección Xeral de Cultura que comanda Luís Álvarez Pousa, nacen, entre outras cousas, as axudas institucionais ao cine e ao teatro. Nese mesmo ano cinco novos títulos (en 35 mm. e de metraxes diversas, sempre por baixo da hora) ven a luz: Morrer no mar (Alfredo García Pinal), Embarque (Carlos L. Piñeiro), O segredo (Daniel Domínguez), Sons e voces na noite (Juan Cuesta), Os homes e a noite (Antón Caeiro) e Mamasunción (Chano Piñeiro). Tampouco este punto de inflexión e estes filmes contan aos efectos.
Por cabo, se a historiografía mundial sinala como data de nacemento do cinema o 28 de decembro de 1895, cando os Lumière proxectan nos baixos do Grand Café, no parisiense Boulevard des Capucines, Saída dos obreiros da fábrica, Chegada do tren á estación, O regador regado, etc., que como se sabe non son películas de longametraxe, por que non se segue este criterio para o establecemento da cronoloxía do cinema en Galicia? Non será que, sen nos dar de conta, andamos a reinventar a historia? Mais, tanta teimosía por parte dos que opinan o contrario, mesmo me fai dubidar. Estarei trabucado? Se así fose, non tería dúbida en pedir desculpas e, arrepentido e contrito, sumarme á congregación dos que sosteñen a teoría dos vinte e cinco. Mais, en consonancia e harmonía coa súa tese, coido que sería pertinente que entre todos solicitasemos a revisión da historia do cinema, reclamando a súa data fundacional para o ano 1915, cando Griffith estrea Nacemento dunha nación.
Miguel Castelo
Nota [1]: Moitas outras pezas de semellantes características técnicas nacen por estes mesmos anos, da man de diferentes autores: Rafael Luca de Tena, Enrique R. Baixeras, Antonio F. Simón, Carlos F. Santander, Eloy Lozano, Miguel Gato, Ulises L. Sarry, Rafael Sabugueiro, Orestes P. Quiñones, Rafael Ballarín, Daniel G. Alén, Lorenzo Soler e Carlos V. Veiga, entre moitos outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario