Despois dunha edición, a de 2009, afectada pola difícil conxuntura económica, en 2010 o
Indielisboa colleu novos folgos grazas a un importante aumento do apoio financeiro que o festival recibe das institucións públicas e privadas, en especial a través do Programa MEDIA, do Instituto de Turismo de Portugal e a Caixa Geral de Depósitos, que se asocia como parceiro oficial e permite a incorporación dunha nova sala, a
Culturgest, un espectacular edificio situado en Campo Pequeno. Ademais de acoller boa parte das proxeccións de gala nos seus dous grandes auditorios, na Culturgest atópanse tamén as oficinas e a videoteca do Indielisboa, reemprazando como espazo central do certame ao tradicional Fórum Lisboa. Como reforzo deste novo eixo espacial do Indie, os xardíns do Palácio Galveias, xusto enfronte da Culturgest, convertíronse cada tarde nun punto de encontro aberto a todos os usuarios do festival, nomeadamente os profesionais, alimentando unha das ideas claras que pretende a organización, encabezada polos seus tres codirectores, Miguel Valverde, Nuno Sena e Rui Pereira: a de facer de Lisboa un lugar de convivencia e reflexión amigábel arredor do cinema.
Marcado sempre por dous días feriados emblemáticos, o 25 de abril e o 1 de maio, o Indie é por mor da súa data de celebración o último dos grandes festivais xeralistas europeos antes de
Cannes, a gran feira que supón o verdadeiro comezo da tempada cinematográfica. Lisboa é pois unha das escalas finais para moitos filmes estreados case un ano antes no certame francés, caso de
Go get some Rosemary, dos irmáns Josh e Ben Safdie, que se alzaron co Gran Premio de Longametraxe cun filme que deixa un delicioso sabor de boca. Un agradábel e saudoso canto ás relacións paterno-filiais de forte pouso autobiográfico que se deu a coñecer na
Quincena de Realizadores en 2009 e que despois formou parte da sección oficial do Festival de Xixón, ao igual que a outra triunfadora,
La pivellina, dirixido por Rainer Frimmel e Tizza Covi, fermosa historia cunha parella de artistas de circo que acollen unha nena de dous anos abandonada nun parque. Un excelente
retrato de familia alternativa que conmove sen caer no sentimentalismo e acabou levando o Premio de Distribución, que facilitará a súa exhibición comercial en Portugal. Tamén a concurso estivo a maxistral traxicomedia
La mujer sin piano de Javier Rebollo, que se verá no
CGAI a mediados de xullo coa presenza do director. Unha Carmen Machi afastada dos excesos televisivos dalle corpo ao personaxe central, unha muller que unha noite decide fuxir da súa vida alienada e convencional armada cunha perruca e unha maleta. O hábil e sutil guión de Rebollo e a súa compañeira Lola Mayo é a fértil base sobre a que se sustenta
esta obra hipnótica, resolta en poucas semanas por un director en estado de graza que simultaneou a rodaxe e a montaxe do filme encadenando días e noites case sen descanso.
Maiores riscos asume o equipo do Indie nas seccións paralelas, que ofrecen unha panorámica ben audaz da creación contemporánea. Na sección Observatorio presentáronse os dous filmes máis recentes de Werner Herzog, homenaxeado
in absentia na edición anterior:
The bad lieutenant: Port of Call New Orleans, xa estreado en España, e
My son, my son, what have ye done?, demostracións de que a estas alturas da súa carreira o mestre alemán está en condicións de convertir nunha obra mestra calquera material que lle poñan diante por perralleiro que sexa. Outro nome imprescindíbel é o de
James Benning, de quen puidemos ver
Ruhr, o seu salto ao vídeo dixital despois de case corenta anos traballando en 16mm. O resultado non está á altura dos filmes anteriores do xenio de Milwaukee e mesmo inclúe algunha secuencia inesperadamente fea (a da mezquita), mais ou menos compensada polo tour de force final, un plano dunha cheminea dunha hora de duración. As seccións Observatorio e Cinema Emergente repartíronse as novas obras dalgúns cineastas habituais dos circuitos festivaleiros, coma Johnnie To (
Vengeance), Tsai Ming-Liang (
Visage), Raya Martin (
Independencia), ou, no ámbito da curtametraxe, Apichatpong Weerasethakul
(A letter to Uncle Boonmee), Duncan Campbell (
Make it new John), Tan Chui Mui (
One future), Jay Rosenblatt (
The darkness of day), Père Portabella (
Mudanza) ou a parella Semiconductor, Ruth Jarman e Joe Gerhardt (
Black rain). Especialmente valioso foi o foco dedicado ao inglés
Ben Rivers, nacido en Somerset en 1972 e agora afincado en Londres; un
creador que roda sempre con vellas cámaras Bolex de 16mm e mesmo revela e procesa a man os seus filmes.
O Indie 2010 rendiu tributo ao Fórum da Berlinale no seu corenta aniversario por medio dunha excelente escolma de películas presentadas nesa sección do festival alemán ao longo da súa historia. Un repaso ecléctico que incluiu alfaias como
Baara, dirixida por un dos grandes nomes do cinema africano, Souleymane Cissé; a abraiante
Beau Travail de Claire Denis;
Sauve qui peut (la vie) de Jean-Luc Godard;
Dust in the Wind de Hou Hsiao-Hsien;
D'est de Chantal Akerman; a triloxía coa que Bill Douglas revisou a súa infancia,
My Ain Folk,
My Childhood e
My Way home; a radical
So is this de Michael Snow, mediometraxe composta unicamente por un texto presentado en pantalla palabra por palabra, e
Nô, obra mestra dunha das autoras que máis alegrías nos está a dar nos últimos anos, Sharon Lockhart. A documentalista
Heddy Honigmann, a quen coñecemos por películas como
Forever, vitalista achegamento ao cemiterio parisino de Pere-Lachaise, protagonizou a outra retrospectiva -quizá non tan necesaria- desta edición.
Con todo, o papel máis importante que cumpre o Indielisboa é o de permitirnos avaliar o estado actual da industria cinematográfica fo país veciño. Os filmes portugueses, este ano especialmente numerosos e repartidos por todas as seccións do festival, son o eixo das Lisbon Screenings, un apartado que coordina Ana Isabel Strindberg e que vai dirixido a xornalistas e programadores estranxeiros, aos que se lles presentan filmes inéditos e mesmo algúns proxectos aínda en fase de produción, caso de
Luz escura de Susana de Sousa Dias, nova mirada á memoria da ditadura na liña do seu anterior documental
48, premiado hai uns meses en Cinema du Reel.
Fantasia lusitana de João Canijo válese de material de arquivo para reconstruír o papel de Portugal durante a Segunda Guerra Mundial, mesturando os textos dos refuxiados que fixeron escala no país para escapar do nazismo, coa visión oficial do salazarismo que imaxinou o país coma un territorio de paz e neutralidade. A excelente
Muito alem de Mário Gomes ofrece un retrato austero dunha pequena aldea portuguesa en proceso de extinción que só recupera algo de vida no verán, nun documental que pode verse como a cara B da sublime
Aquele querido mês de agosto. Moi prometedor é o debut na longametraxe de Pedro Caldas,
Guerra civil, que manexa con fortuna algúns tópicos contemporáneos (a adolescencia, as familias rotas, a nostalxia polo pasado musical, neste caso Joy Division) para rematar cun final innecesariamente dramático.
A mellor longametraxe portuguesa vista no Indie é o froito de máis dun ano de traballo cos presos dunha cárcere do norte do país:
Sem companhia de
João Trabulo, que camiña entre o documental e a ficción nun exercicio de estilo moi próximo ao espírito de Pedro Costa. O outro gran momento do Indie chegou coa estrea de
Voodoo, curtametraxe que confirma a Sandro Aguilar como un dos mellores creadores de imaxes do cinema europeo actual.
Artigo publicado no número de xuño de 2010 da revista Tempos Novos