sábado, 14 de febreiro de 2009

James Benning

O título non engana a ninguén. O filme 13 lakes ofrece xusto iso que nos indica: trece planos de lagos dos Estados Unidos de dez minutos de duración cada un, cunha composición extremadamente precisa que sitúa a liña do horizonte dividindo a pantalla en dúas metades exactas, o ceo enriba e a auga abaixo. Non hai voz en off, nin música nin artificio de ningunha clase; a paisaxe é a gran protagonista dunha proposta que pon en valor o pracer da contemplación, entendida como un exercicio ao mesmo tempo intelectual e emotivo, e esixe a observación activa dun espectador que chegue á sala disposto a deixarse seducir pola beleza dos escenarios naturais e os seus cambios sutís, polas variacións da luz, pola presenza do vento, pola visión dun barco ou polo son dun tren en marcha. Un espectador disposto a admirar o paso do tempo, a variábel independente da cal é función a paisaxe, dito no sentido matemático da expresión.

13 lagos foi o filme que abriu hai uns días para un público tan escaso coma resistente o ciclo dedicado a James Benning no CGAI, organizado en colaboración coa Fundación Luís Seoane e o Festival Internacional de Cine Documental de Navarra "Punto de Vista", o verdadeiro impulsor desta homenaxe ao cineasta de Milwaukee. Máis completo aínda que o que se verá estes días en Pamplona, o ciclo do CGAI é unha oportunidade excepcional para achegarse á depurada obra dun autor de culto cuxa biografía amosa numerosas probas do seu intenso compromiso humanista. James Benning estará o próximo martes 17 de febreiro na Coruña para participar nun diálogo co director galego Alberte Pagán. Axudaranos a comprender que mirar e escoitar non é un exercicio neutro, inocente e sen consecuencias, senón que é sempre un acto político e que a nosa maneira de percibir as cousas, por intranscendentes que nos parezan a priori, reflicte con absoluta precisión toda a nosa carga de prexuízos. É o que teñen os xenios, que nos obrigan a ver máis lonxe.

Martin Pawley. Artigo publicado o sábado 14 de febreiro en Nós, suplemento de cultura de Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario