Amosando publicacións coa etiqueta andreaxalleira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta andreaxalleira. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de novembro de 2012

As voces baixas

"Estabamos sós, María e mais eu, abrazados no cuarto de baño. Fuxitivos do terror, agochámonos, naquela cámara escura". Así arranca As voces baixas de Manuel Rivas, co primeiro abrazo, co primeiro medo. Estas primeiras liñas son a semente que espalla as palabras precisas e xenerosas para rematar co minifundio do medo. E non estou a falar dese medo primitivo de rostro distorsionado, senón do medo abstracto, sen nome nin feitura recoñecibel, apegado as pálpebras dos nenos que non tiñan imaxes, agás algunha estampa de santos martirizados que ollaban dende a mesiña de noite.

As voces baixas son a casa común dunha xeración castigada polo esforzo cotiá da supervivencia. Son os nosos pais. Son os avós e as tías que nos coidaban no refuxio do seu colo cando tiñamos algunha doenza. Son tamén os animais, as vacas... orgullo e castigo. As árbores e os camiños. Camiños que a muller galega percorría cargando co peso da terra e do mar na cabeza. Mulleres pioneiras inventando autoestradas de mercadorías.

Neste libro as palabras son como pequenas teselas coas que un mestre albanel constrúe o mosaico da nosa memoria. O mestre que cun sorriso diría "Platillo Manuel! Que rebenten as maravillas do mundo!".

@andreaxalleira

* * *


As voces baixas está editado por Xerais na colección de narrativa.

martes, 9 de outubro de 2012

Palabras de auga

Palabras de auga de Marcos Calveiro, Premio Merlín de Literatura Infantil 2012, é un libro pegado ao territorio de Africa. A terra é o tema absoluto, que trascende máis alá da necesidade de supervivencia. É o berce do recén nacido, o leito da felicidade mais é tamén a cova da dor profunda pola ausencia do fillo. A terra é renuncia e esperanza. Acaso non é iso a vida?

O escritor mergúllase na vida emocional e emocionante de Amadou, neno espelido e xeneroso, que viaxa cos pais e demais membros da tribo na procura da auga. Chama a miña atención como toda a súa aprendizaxe está xunguida á natureza e ao respecto a toda criatura viva. Tamén está o desexo de rachar co fatalismo e o inmobilismo da tradición, a preguiza dos homes, a guerra, o silente traballo das mulleres... E que ninguén se alporice, mais non hai moitos anos en Galiza comían primeiro os homes, logo os animais e por último as mulleres.

Para rematar: as ilustracións de Ramón Trigo son como a voz en off do relato. Emoción no mesmo rexistro.

@andreaxalleira

* * *

Palabras de auga está editado por Edicións Xerais dentro da colección Merlín.