Amosando publicacións coa etiqueta Edicións Positivas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Edicións Positivas. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de agosto de 2014

Reivindicación dun cineasta

Agora que Alberte Pagán ven de publicar a edición en castelán do seu estudo sobre a obra fílmica de Andy Warhol en Cátedra, ao tempo que circula a segunda parte da edición en galego (Edicións Positivas), pode servir de utilidade esta vella recensión. No ano 2007, Pagán, xa acreditado especialista en cine experimental, veía impresa a primeira parte do seu monográfico en Positivas. 


Reivindicación dun cineasta

Figura icónica representativa do século XX e auténtica metáfora das prácticas artísticas e socioculturais de toda unha época, Andy Warhol (1928-1987) foi dono dunha prolífica e concentrada obra fílmica que cubriu con intensidade uns poucos anos –entre 1963 e 1968- para logo, atravesado polo momento simbólico e abrupto en que é gravemente ferido pola activista Valerie Solanas, abandoar este ámbito de creación. Se con posterioridade só dirixe Blue movie (Fuck), para moitos existe unha continuación do seu traballo na perspectiva e modos narrativos do seu patrocinado Paul Morrissey. Pero tal e como afirma Jonas Mekas, Warhol devén en produtor de títulos moi lonxe dos seus obxectivos e intereses, desmitificacións ou curiosidades sazonadas pola troupe caótica que conformaba “The Factory” que se deslizan polas lindes do xogo sobre códigos xenéricos tradicionais, unha proposta sen embargo mellor coñecida polo público e por boa parte das eséxeses ou estudos especializados.

O limitado coñecemento do cine de Warhol, marcado por apresurados ou inexistentes visionados –feito hoxe atenuado polas edicións videográficas-, a letanía repetitiva sobre obras apenas entrevistas como Empire, Eat ou Chelsea girls, así como a escasa bibliografía solvente elaborada sobre a súa obra filmica, son os puntos de partida sobre os que se traza a radical proposta que establece Alberte Pagán no libro A mirada impasíbel. Experto en cinema experimental, avalado por publicacións anteriores (Introducción aos clásicos do cinema experimental, 1999; Imaxes do soño en liberdade. O cinema de Eugenio Granell, 2003), firmante de suxestivos artigos (memorable o incluido no volume Dentro y fuera de Hollywood), Pagán é á vez un destacado cineasta, autor de obras como Os Waslala (2005), curta impregnada de elementos materialistas, e a lúcida aposta da longametraxe Bs. As. (2006), presente en prestixiosos festivais e pola que se filtra un elaborado esforzo que obtén significacións valiosas de termos como identidade ou non-lugar.

Cando Eduardo Arroyo, Gilles Aillaud e Antonin Recalcati perpetran en 1965 o célebre asasinato pictórico de Duchamp Vivre et laisser mourir, ou la fin tragique de Marcel Duchamp, no cadro, un dos admiradores que aparece amortallando o cadáver de Duchamp é Warhol. Duchamp, protagonista dun dos seus retratos (Screen tests), atribuía a Warhol un interese conceptual. Pagán amplía esa dimensión sitúando o insólito (e esencial) da súa aproximación nunha premisa: o estudo da materia artística (fílmica) se antepón ás interpretacións de raíces conceptuais habituais nos achegamentos ao autor. O libro sinala ademais a incidencia sociocultural e artística do cine de Warhol, os ascendentes, fontes, estruturas, épocas e estilos (hai varios Warhol), de modo que a precisión e exhaustividade na análise de películas concretas permiten con claridade e afán divulgativo observar os achádegos e elementos que se van introducindo no seu cine.

A escisión que se establece na filmografía de Warhol organiza o texto de modo elocuente: o corte se produce a través de compoñentes formais, estratexias da singular escritura fílmica do artista estadounidense que descartan criterios cronolóxicos e facilitan unha comprensión por fases da súa traxectoria. Nesta primeira das dúas partes previstas estuda a articulación significante do autor nos títulos onde a “mirada impasíbel” se amosa como decisión expresiva: o cuestionamento de toda representación tradicional; a planificación estática; as unidades de duración (a bobina) e o propio concepto de duración como elemento que articula a proposta (Empire, Sleep); a vindicación de encadres fermosos, ben elaborados e coidados; o rigor por enriba do aparente azar ou determinismo; o serialismo e a repetición (en paralelo á súa labor pictórica); a fisicidade palpable como resultado; o potencial das dimensións espacio-temporais.

A inserción da obra de Warhol nun momento histórico, os anos 60-70, no que evolucionan obras extremas tan versátiles como as de Snow, Mekas, Conner, Le Grice, Jacobs ou Brackhage, lonxe de servir de refuxio contextual ou histórico, permite resaltar a súa singularidade e riqueza visual. A progresión do seu produtivo arsenal de recursos, baseada na investigación, a renovación e evolución do tecido expresivo nun proceso semellante ao da propia Historia do cine, cun proveito in crescendo da montaxe que o afasta progresivamente do modelo de representación primitivo, aparece como orixe de prácticas materialistas e estruturais, mesmo anticipa o cine de xentes como Frampton ou parte da produción do austriaco Peter Kubelka.

Cheo de paixón e erudición, eficaz, instructivo, moi próximo ao lector interesado, o estudo aparece publicado por Edicións Positivas, selo independente que ten editado títulos de estirpe fílmica (Bresson, Pasolini) e avala a futura segunda parte da análise de Pagán, esa “mirada inqueda” de Warhol froito da madurez expresiva pola que aflorará un cine máis aberto e dinámico, preto en ocasións do relato narrativo e que virá a pechar esta satisfactoria recuperación do Warhol cineasta revolucionario.

José Manuel Sande. Crítica do libro "A mirada impasíbel. As películas de Andy Warhol. Primeira parte", editado por Positivas en 2007.