No prólogo ao inicio de
Aquarius, a segunda longametraxe de ficción do brasileiro Kleber
Mendonça Filho, asistimos á homenaxe polos 70 anos dunha muller, a tía Lúcia, a quen lle
len diversos textos que repasan a súa traxectoria vital e profesional, dende a mocidade
como campioa de tenis de mesa e voleibol e intérprete de piano e guitarra ou a súa
formación universitaria pioneira até a persecución de que foi vítima na ditadura. Mentres
atende o que lle din, a ollada de Lúcia pousa nun moble que evoca unha memoria moi
diferente, moi atrás no tempo, os encontros sexuais dos que ese obxecto foi testemuña.
Son catro planos que non suman máis ca uns segundos, unha inserción brevísima e porén
inmensamente reveladora, a expresión do privado sobre o discurso público na evocación
do que ela foi e é. Sempre me marabillou ese pequeno xesto de montaxe, a elegancia para
suxerir moito con moi pouco. O filme logo saltaba varias décadas adiante para centrarse
noutra personaxe, a dona Clara que encarnaba unha sensacional Sonia Braga. Esa
capacidade para combinar épocas, para amosar o eco ou a presenza dunhas sobre outras,
téñoa por unha das virtudes máis notábeis do cineasta, de quen agora se estrea unha das
obras mestras do ano, O agente secreto, un antídoto contra o cinismo e a vulgaridade
grazas ao cal Brasil entra
na listaxe de finalistas ao Oscar na categoría principal de mellor
filme por segundo ano consecutivo -abriu camiño en 2025
Ainda estou aqui do Walter
Salles-, un fito nunca acadado polo cinema do Estado español.
 |
| Imaxe promocional do filme. Fonte: Elástica Films & La Aventura |
Ambientado en 1977, “uma época cheia de pirraça”,
O agente secreto é un thriller
trepidante e un retrato afectuoso da comunidade de refuxiados políticos que acolle na súa
casa dona Sebastiana, a impagábel Tânia Maria, costureira que se descobre como enorme
actriz aos setenta e nove anos (...)
Ningún comentario:
Publicar un comentario