luns, 8 de abril de 2024

Ida Lupino, a única

Xa contei nestas páxinas que no período silente non foron poucas as mulleres que dirixiron películas nos Estados Unidos. O imprescindíbel sitio web “Women Film Pioneers Project” achega ducias e ducias de nomes nun exemplar exercicio académico de divulgación de creadoras, as máis delas esquecidas. Coa consolidación do cinema como gran negocio que atrae a atención de Wall Street iniciouse unha imparábel masculinización da industria de acordo cos usos e costumes nunca propensos á igualdade e a pluralidade do capitalismo. Cando o sonoro se fixo norma só quedou unha muller capaz de manter unha carreira estábel como realizadora, Dorothy Arzner. Do seu talento saíron estupendos melodramas (Honor Among Lovers ou Merrily We Go To Hell, con Fredrich March, ou The Bride Wore Red, con Joan Crawford) antes de pechar prematuramente a súa carreira nos 40 coa sensacional Dance, Girl, Dance e un filme de guerra, First Come Courage. Afastouse de Hollywood por decisión propia, mais é imposíbel non preguntarse que tería acontecido nun contexto máis favorábel.

Ida Lupino no filme The Bigamist (O Bígamo), que ela propia realizou en 1953.

Dende a despedida de Arzner en 1943 até a década dos 60 a única muller que conseguiu estrear ficcións como directora en salas americanas foi Ida Lupino. Nacida en Londres en 1918, a orixe familiar parecía sinalarlle o destino: non é só que a nai e o pai se dedicaran á interpretación, senón que a estirpe paterna viña ligada ás artes escénicas dende a xeración do bisavó. Era aínda unha adolescente cando protagonizou o primeiro filme, Her First Affaire (Allan Dwan, 1932), de xeito que contra o final da década era xa unha actriz experimentada con dúas ducias de títulos ás súas costas. Non tardaron as grandes películas, en particular dúas de Raoul Walsh nas que compartiu cartel con Humphrey Bogart, They Drive by Night e High Sierra. O xénero negro ao que estas se adscriben éralle especialmente acaído; máis adiante brillaría en The Big Knife de Robert Aldrich, puro vitríolo contra o poder desalmado da industria do cinema, On Dangerous Ground de Nicholas Ray ou While the City Sleeps de Fritz Lang. E se non fixo máis foi porque pasou varias tempadas cancelada por cuestionar ou rexeitar propostas que recibía dos estudios.

Non é estraño, entón, que fixera o posíbel por promover os seus propios proxectos. Arredor de 1949 Ida conversou con Roberto Rossellini nunha festa e este recordoulle que nas películas de Hollywood a estrela sempre toleaba, bebía demasiado ou quería matar a muller. “Cando ides facer películas sobre xente normal en situacións normais?”, engadiu, e a pregunta causou unha forte impresión na actriz. Uns meses antes casara co guionista Collier Young e xuntos acabaron por crear unha compañía independente, The Filmmakers, co obxectivo de desenvolver producións de baixo orzamento. Unha das primeiras, Not Wanted (1949), tíñaa a ela como coguionista xunto a Paul Jarrico e acabou téndoa tamén como directora despois de que o realizador previsto, Elmer Clifton, sufrira un ataque ao corazón. Foi un debut imprevisto nunha obra representativa da súa vontade de tratar problemas reais de persoas reais, neste caso os embarazos non desexados. Na seguinte, Never Fear (1949), unha prometedora bailarina vía tronzado o seu mundo ao enfermar da polio, que a propia Ida padeceu de moza, mais o relato derivaba axiña cara á laboriosa rehabilitación e a comunidade que se establece entre os pacientes para poñer en valor a importancia da atención médica e os coidados mutuos.

Insístese moito na fortaleza dos personaxes femininos escritos por Ida Lupino, mais é xusto destacar tamén a fineza coa que crea roles masculinos ben afastados da toxicidade. Hainos mesmo en Outrage (1950), posibelmente o seu mellor filme, que ten como punto de partida unha violación e expón con brillantes solucións narrativas a difícil volta á normalidade da vítima. En Hard, Fast and Beautiful (1951) unha nai manipuladora, a sempre estupenda Claire Trevor, empéñase en converter a filla nunha estrela do tenis cos privilexios económicos que iso leva asociado. Virían logo un noir canónico, The Hitch-Hiker, e un melodrama sobre a bigamia no que actuou e dirixiu ao mesmo tempo, The Bigamist. A aventura da produtora rematou en 1955 e Ida pasou a dirixir ducias e ducias de episodios de series de televisión. Aceptaría aínda un encargo da Columbia, The Trouble with Angels (1965), mais esta comedia ambientada nun colexio de monxas pouco ten que ver coas obras mestras que fan dela unha das mellores directoras de todos os tempos.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente no Nós Diario, 6 de febreiro de 2024, terza feira. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario