
En Fiebre helada. El nuevo cine nórdico Christian Monggaard repasa a produción fílmica desenvolvida nestes últimos anos en Dinamarca, Finlandia, Islandia, Noruega e Suecia. O libro, de pretensións meramente introdutorias, incorpora un pequeno dicionario de directores escandinavos, e por suposto índices onomásticos e de películas, característica esa común a todas as publicacións do Festival.
Bastante máis valioso resulta o volume coordinado por Quim Casas, Philippe Garrel. El cine revelado, por achegarse a un cineasta de enorme prestixio que porén permanecía inédito nas salas comerciais españolas. O director d'O nacemento do amor e d'Os amantes regulares é un creador radical, de vida apaixonada e extrema, por momentos autodestrutiva, da que deixou boa constancia nas súas películas. Nun dos capítulos Juan Bufill explora os anos que Garrel viviu coa cantante Nico: “Lembro a miña derradeira visita á parella. O teléfono estaba cortado por falta de pagamento, pero tamén a luz e a calefacción. Era unha cova no centro de París, perto da Ópera, chea de xiringas e culleres dobradas. A heroína era a dona”. Aquilo rematou hai tempo. Hoxe Garrel é “un home feliz, saudábel, salvado: ten fillos, fai cinema e pensa xa sen desorde”, e a súa obra vai gañando unha merecida visibilidade. O espléndido libro está coeditado polo Centro Galego de Artes da Imaxe, e conta coa colaboración do seu programador, Jaime Pena.
A retrospectiva clásica serviu desta volta para canonizar a Henry King, director sempre vencellado a un mesmo estudio, a 20th Century Fox. A dicir de Quim Casas, coordinador xunto a Ana Cristina Iriarte da publicación, Henry King “deu a case todos os xéneros polo menos unha obra mestra, ou unha película de ruptura, ou unha obra inclasificábel segundo os parámetros tradicionais”, e este feito colócao uns chanzos por riba dos eficaces artesáns do Hollywood clásico. Coeditado polo Festival de Donostia e a Filmoteca Española, o volume contén artigos, entre outros, de Carlos Losilla, Ricardo Aldarondo e Miguel Marías, así como un de Gregory Peck no que o actor revisa a súa estreita colaboración co cineasta.
Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 4, outono 2007.
Ningún comentario:
Publicar un comentario